Mostrar mensagens com a etiqueta Folclore. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Folclore. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 15 de outubro de 2026

SAN PATRICIO EN BAIONA

 


En 5 de decembro de 1921 saía do prelo un especial monográfico da revista Nós sobre Irlanda, "a adourada irmanciña" dos nosos poetas. Como podedes ver na imaxe, o número estaba especialmente dedicado á memoria dun dos mártires por antonomasia da independencia irlandesa: Terence Mac Swiney, o alcalde de Corcaigh / Cork que entregou a súa vida nunha greve de fame en 1920. Por ironías da vida, o número en cuestión vía a luz xustamente na véspera da sinatura do Tratado Anglo-Irlandés, que puña fin de maneira oficial á Guerra da Independencia (ou, por sermos máis rigorosos, á Tan War) e, entre outras cousas, colocaba unha alfombra vermella á división da illa en dúas entidades políticas diferentes. Mais da Partición (the root of all evil, como retoricamente se referirían a ela os republicanos irlandeses nas décadas seguintes) e das virulentas reaccións que suscitou entre algúns galeguistas da época xa teremos ocasión de falar máis adiante. Hoxe a nosa intención é outra.

segunda-feira, 3 de agosto de 2026

A ALESIA GALAICA

Para a nosa viaxe de hoxe coido moi oportuno partirmos deste cadriño da célebre banda deseñada Astérix et le bouclier arverne (1968). Nel faise referencia, como vedes, á non menos célebre batalla de Alesia, que decorreu no ano 52 a.C. e que lle puxo un tráxico desfecho á revolta de Vercingétorix contra o poder romano. O cadriño, ademais, ironiza co feito de que, durante moito tempo, o emprazamento exacto de Alesia resultase incerto, motivo polo cal foron propostas tantas localizacións como autores se debruzaron sobre tal cuestión. Hoxe, no entanto, existe consenso en que se trata da actual Alise-Sainte-Reine (habemos voltar sobre isto, perdede coidado), na rexión da Borgoña.

Quer o simbolismo de Alesia quer o seu carácter en certa medida etéreo poderían conectala moi ben co noso mito homólogo, o do monte Medulio. Mais, lonxe de me querer enlear neste tema (máis que amortizado, sen dúbida), gustaríame falarvos da nosa Alesia galega. Porque unha Alesia, cando menos, debémola ter. E neste caso en concreto non resulta difícil atinar coa súa localización exacta, que debemos procurar nas terras da Ribeira Sacra, nomeadamente no que hoxe é Esgos. Como o sabemos? Pois, precisamente, grazas ao propio topónimo Esgos...

quinta-feira, 16 de julho de 2026

BRANDOMIL: O CASTRO GRANDE E O MAINO RÍO

 

Ilustración de Vítor Rivas


Había ben anos que non iamos por Brandomil. Tantos, para que vos fagades unha idea, que aínda nin tiveramos ocasión de contemplar ao vivo as dúas estatuas de madeira (obra do Marcos Mariño a súa prodixiosa motoserra) dispostas ao pé da emblemática ponte que atravesa o río Xallas á altura desa localidade. Un guerreiro galaico e mais un lexionario romano recebéronnos á sombra dos bidueiros, único consolo dispoñíbel para aquela tarde de fogaxe inclemente. O guerreiro galaico non é outro có propio Brandomil, personaxe que só existiu nos versos de Eduardo Pondal e que repousa, tamén segundo a imaxinación do Bardo de Ponteceso, baixo as antas da non moi distante "arca antiga da Piosa".

segunda-feira, 13 de abril de 2026

O SALTO DO CAN

 


Seica, en certa ocasión, os membros do clan Ó Catháin, poderosa liñaxe gaélica que señoreaba os condados de Aointrim / Antrim e Doire / Derry, encontrábanse asediados polos seus inimigos. Perante tal desesperada situación, un dos cans dos Ó Catháin botou a correr e deu tan tremendo e prodixioso chimpo que conseguiu sobrevoar tanto as tropas inimigas como o mesmo río Ró / Roe ao carón do cal se encontraban acampados. Deste xeito, o cánido (imaxino que un deses poderosos cans lobeiros autóctonos de Irlanda) puido levar unha mensaxe de auxilio aos aliados dos seus donos, que supomos que moito llo estimaron e debidamente llo recompensaron. Velaí a razón  de que o lugar onde se produciu este feito pasase a levar por nome Léim an Mhadaidh, hoxe grotescamente anglicizado como "Limavady", e cuxa tradución para galego facilmente nos fará levantar unha cella: e é que Léim an Mhadaidh  significa, palabra por palabra, "O Salto do Can".

quinta-feira, 12 de março de 2026

DE PEIXES E ANEIS

 


A Pascua está mesmo ao virar da esquina. Para aqueles que nos dedicamos á tan nobre como exixente tarefa da docencia, son datas que xa agardamos como auga de maio (o corpo pide papas, e a cabeza nin vos conto...). E, en xeral, é época propicia para ver mundo, abofé. Por iso hoxe vos propoño unha pequena viaxe que nos levará das fragas do Eume a Bélxica, pasando por Escocia. O fío condutor será un tema practicamente universal no folclore de todos os tempos e lugares: o do anel perdido e reencontrado no ventre dun peixe, ou grazas á mediación deste. Metede o necesario na mochila, que aló imos.

sexta-feira, 21 de novembro de 2025

A COROACIÓN DRUÍDICA DE FUCO DE TABEAIO



De entre os elementos que configuraron o imaxinario pancéltico do séc. XIX, os druídas ocuparon un lugar preeminente. Uns druídas, é verdade, "daquela maneira", (re)inventados con parámetros netamente románticos que, en boa medida, se manteñen na visión que deles temos hoxe na cultura popular. Por toda a antiga Europa céltica proliferan cosplays druídicos, que nalgún caso trascenderon o puramente performativo para se tornaren en expresión ritual de novos cultos alegadamente entroncados coa vella relixión céltica (velaí o Gorsedd, do cal xa temos falado nalgunha ocasión). Agora ben, houbo algo diso na Galiza da altura? Algo houbo, e vóuvolo contar.

sexta-feira, 14 de novembro de 2025

EXCURSIÓN Á ILLA DE MAN


 

Resulta difícil non sentir atracción por un lugar tan peculiar como a Illa de Man (Ellan Vannin, na revivida lingua local, o manx). Situada no medio do Mar de Irlanda, cun estatuto xurídico que a sitúa ao mesmo tempo dentro e fóra do Reino Unido, cun idioma  propio de vibrante raigame gaélica agochada tras unha ortografía anglo-galesa, cunha herdanza cultural e política que a conecta en primeirísima man co tempo das invasións nórdicas, cuns grupos de música tradicional que encontraron inesperadas afinidades co folk galego... En fin, moito se podería contar da Illa de Man, mais hoxe imos conformarnos cun par de historias que teñen como protagonistas a unha vella e ao mesmísimo San Patricio, e que, contra todo prognóstico (ou se cadra non), encontran ledos e doados paralelismos no folclore da nosa terra. E aproveito para vos recomendar que, se queredes coñecer máis sobre as historias tradicionais desta excéntrica illa, non deixedes de lle botar unha ollada a Contos da Illa de Man, de Sophia Morrison, recentemente traducida para galego por Milagros Torrado Cespón, perfecta coñecedora daquelas terras.

domingo, 9 de novembro de 2025

DE SANTOS E CIDADES ASOLAGADAS EN IRLANDA E GALIZA

O asolagamento da cidade de Duio / Ilustración de Fuco Pardo

Certa noite, unha muller chega co seu neno a unha vila e piden pousada. Os habitantes non só lles negan a debida hospitalidade, senón que se mostran especialmente hostís coa coitada señora e acaban por expulsala de mala maneira, a ela e mais ao fillo. Entón, o cativo maldí a vila e provoca tal terramoto que a sepulta de vez baixo as ondas do mar. Segundo outras versións, nai e fillo continúan o seu camiño, e cando o rapaz olla cara atrás, observa como as augas enguliran sen piedade a poboación que tan vilmente os desprezara e que con tanta cólera acababa de maldicir.

quarta-feira, 5 de novembro de 2025

ROLDÁN E RHIANNON

Rhiannon / Ilustración de Alan Lee

Rhiannon é, sen dúbida, unha das personaxes máis emblemáticas dos Mabinogi e, por tanto, do folclore galés (e céltico, en xeral). A pesar diso, ou talvez precisamente como consecuencia diso, a súa figura foi obxecto de numerosas interpretacións. E algunhas delas, de feito, parecen conectala con lendas de noso.

sábado, 1 de novembro de 2025

CANDO A VELLA SE ENFURECE

Ilustración da banda deseñada Mezolith (Ben Haggarty e Adam Brockbank, 2010)

No folclore gaélico, a Cailleach (o equivalente da nosa Vella ou Moura) é, entre outras moitas cousas, unha potencia creadora que configura o relevo e a paisaxe. E imos comprobar como até as situacións máis cotiás e domésticas poden ser un magnífico pretexto para exhibir esa faceta cosmogónica.

sexta-feira, 31 de outubro de 2025

"O MES DE SANTOS NOS POBOS CELTAS": UN TEXTO DE OTERO PEDRAYO

Abrímoslle a porta a novembro, ese "bendito mes que comeza con Santos e termina con San Andrés" (como ben reza o ditado popular), e canda el entra, coma unha enxurrada gris e dourada, o tempo dos defuntos. Lonxe de querer entrar en polémicas xa resesas sobre Samhain, Samaín, Halloween, cabazas e demais tópicos que puntualmente (e para xúbilo dos máis belixerantes) ateigan as redes nestas datas, hoxe gustaríame tan só partillar convosco algúns excertos particularmente potentes dun fermoso artigo que Otero Pedrayo publicou na revista Nós (nº 36, 15/12/1926) baixo o título "O mes de Santos nos pobos celtas". Nel, o patriarca de Trasalba mergulla no riquísimo corpus de tradicións relativas á morte, aos defuntos e aos entes sobrenaturais que se documentan (e, en non poucos casos, aínda se ven e se practican) nos territorios desa Celtia bicada polas ondas do Atlántico. Imos ver que nos conta (e, se vos parece, con esta marabilla como banda sonora para a lectura):

A raza saudosa dos Fisterres atrántecos adica un mesiño inteiro â lembranza dos difuntos. O tempo do murchar das follas, do erguerse xigante da voce do mar, tudo un mundo d'almas volve á terra nai como unha néboa pecha d'espritos.

domingo, 26 de outubro de 2025

SAN MAELOG BRITONIENSE?

                              


Se o sochantre de Cunqueiro e a súa cadavérica comitiva se tivesen levemente desviado do seu traxecto, afastándose só unhas poucas leguas das vizosas ribeiras do río Blavet, non habían demorar moito a chegar ao lugar de Pluveleg (Plumelec, en francés). E, se é certo que Cunqueiro se inspirou nos seus nativos eidos britonienses para imaxinar un país bretón que non visitaría até dez anos máis tarde da publicación d'As crónicas do sochantre, en Pluveleg nin sequera tería que forzar moito a maquinaria da súa prodixiosa imaxinación. Por que digo isto? Porque o tal topónimo procede e fai referencia a un nome que, por forza, centos de veces tería resoado nos seus ávidos ouvidos de fabulador: Pluveleg significa, palabra por palabra, "a freguesía de Maelog".

quinta-feira, 23 de outubro de 2025

SANTOS, SERPES E BARCAS DE PEDRA: MISIONARIOS IRLANDESES EN GALIZA?

                                     

1. O CURRACH DA MISARELA

Na súa visita ao eremitorio da Misarela, no actual concello da Pobra do Caramiñal, o Padre Sarmiento (1695-1772) describiu deste xeito tan expresivo aquel lugar afundido entre os barrancos da Serra da Barbanza: 

San Juan de la Misarela es uno de los sitios más lóbregos, solos, escarpados y estrechos que se puede imaginar para ermitaños. Ha sido monasterio de benedictinos. Después se dio a franciscanos, pero no pudiendo subsistir allí, se fueron a fundar a la Puebla del Deán.

sexta-feira, 10 de outubro de 2025

RASTROS GALEGOS DA "BEAN SÍ"


Un laio atroz fíltrase na cociña mal iluminada da casoupa aldeá e xea automaticamente o sangue das poucas persoas alí congregadas. As chamas da lareira, case extintas, revelan xestos consternados nos rostros. Crúzanse algunhas olladas, tragan saliva algunhas gorxas. Non por esperado resulta menos estarrecedor e doloroso aquel berro. Dalí a uns segundos, do silencio tenso comeza a borboriñar algo semellante a un rezo ou pregaria. Todos saben, aínda que ninguén o diga, que un deles non pasará desa noite de invernía. De feito, todos saben cal deles non chegará a ver o sol raiar ao día seguinte. O laio da bean sí nunca mente. O laio da bean sí nunca se engana. 

sexta-feira, 26 de setembro de 2025

DE CÍNIFES E GUERREIROS NA LAGOA DE ANTELA

De todos é sabido que o Rei Artús, soberano dos bretóns e dono do mundo, xace entre as néboas de Ávalon, a Illa das Mazás (Afallach) onde agarda, como o cabaleiro que dorme no corazón do noso Pico Sacro, o momento certo para voltar e reclamar os seus dominios. Velaí a xénese do spoir breton. Mais son moitos menos os que saben que os seus leais e famosos cabaleiros acabaron encantados ben perto de nosoutros, nas augas do que noutrora foi a lagoa de Antela. E é que...

sábado, 13 de setembro de 2025

INBER SCÉINE E PAULO OROSIO


Segundo o celebérrimo e tantas veces citado (non sempre co rigor e coñecemento que se debería, todo sexa dito) Lebor Gabála Érenn ou Libro das Invasións, as xentes de Mil Spáine, chegadas a Irlanda desde Brigantia, tocaron terra nun lugar moi concreto do suroeste da illa: unha paraxe que na obra se denomina Inber Scéine, é dicir, 'o esteiro ou baía de Scéne', en romance galego de noso. Na propia obra esclarécese a motivación de tal topónimo, recorrendo para iso á tradición bárdica de explicar os nomes de lugar a partir de personaxes epónimos da historia mítica do país. Neste caso trataríase de Scéne, a muller do bardo Amergin dos Brancos Xeonllos (que non precisa de presentacións, tendo en conta a trascendencia simbólica de que gozou na cultura do noso país). Scéne, como tantos outros expedicionarios milesianos, afogou no mar xunto co seu fillo, Érannán. O desolado Amergin xurou entón que, en lembranza deles, a baía á que aportasen había levar para sempre o nome da súa desventurada esposa. E así o fixo. De feito, o folclore local do condado de Ciarraí (Kerry) identifica os fermosos megálitos de Íochtar Chua (Eightercua), que podedes ver na imaxe, como sendo o lugar onde Scéne e mais o seu fillo foron soterrados unha vez os milesianos conseguiron pór pé, dunha vez e xa para sempre, naquela esquiva Irlanda.

quarta-feira, 10 de setembro de 2025

OS FILLOS DE MARIÑA

Se falamos de mulleres mariñas e sagas familiares haberá que comezar (como non!) pola nosa lenda dos Mariños. Sobradamente coñecida e analizada, ben sei, mais o propósito deste artigo obrígame a contárvola máis unha vez, aínda que sexa de maneira sintética.

ERO, VIRILA E MOCHUDA: O SOÑO DO PAXARO


Todas e todos saberedes do conto de San Ero de Armenteira, que inspirou unha das máis fermosas e célebres cantigas de Santa María de Afonso o Sabio. Mais, por se acaso, ímolo relembrar moi brevemente: Ero, abade de Armenteira, saíu pasear un día polas inmediacións do mosteiro e adormeceu escoitando o delicioso rechouchío dun paxaro. Cando acordou daquel marabilloso soño no que tivo ocasión de contemplar e gozar as delicias do Paraíso, o abade voltou ao convento, mais, para a súa sorpresa, ninguén o recoñeceu, como tampouco el era quen de recoñecer os frades que habitaban as estancias e claustros do mosteiro. O seu desconcerto foi aínda maior cando todos lle falaron dun abade co seu mesmo nome que desaparecera misteriosamente 300 anos atrás. Era só atar cabos para se dar conta do que sucedera...

sábado, 24 de julho de 2021

UN APÓSTOLO EN LOCQUIREC

 

Efixie do Apóstolo Santiago na igrexa de Lokireg / Fonte: lokireg.bzh

Locquirec (ou Lokireg, en bretón) é unha vila de fonda tradición mariñeira situada na costa setentrional da Bretaña, nomeadamente no País de Trégor. O nome desta localidade apresenta unha estrutura que resultará transparente para calquer persoa minimamente familiarizada coa toponimia da Bretaña armoricana, e que nos dá moito xeito para introducir a nosa parrafada de hoxe. E é que Lokireg significa, palabra por palabra, 'o lugar [no sentido de 'mosteiro, igrexa, sé, fundación'] de San Guirec', do mesmo xeito que, por exemplo, Locronan (ou Lokorn en bretón) vén sendo 'a igrexa de San Ronan' ou Locqueltas (que é Lokeltaz en bretón) pode ser traducido como 'o mosteiro de San Gildas'. En fin, son todos eles topónimos que nos remeten para a mesma circunstancia: fundacións eclesiásticas impulsionadas e xeridas entre os séculos V e VI da nosa era por misionarios cristiáns (plenamente históricos nuns casos, máis ben semi-lendarios noutros) chegados á Armórica desde a Bretaña insular ou inclusive desde a Irlanda. E San Guirec encaixa de cheo nese perfil. 

sexta-feira, 14 de maio de 2021

A TROITA (DE) ANA

 


Temos un fraquiño polas pequenas historias. En parte ben sabemos o porqué. Sentimos, por un lado, devoción polo imperfecto, e nesas historias costuma haber algo de fragmentario, a sensación de que sobreviven coma un retallo ou un parágrafo dun texto moito máis amplo e complexo que, se cadra, nunca chegaremos a coñecer (mais sempre poderemos imaxinar). Por outra banda, esas historias conteñen un recendo doméstico, de cotidianidade mesmo. E palpitan, por veces agochadas mais sempre recoñecíbeis, como un músculo máis dese todo orgánico que é o día a día das persoas que as contan, que as lembran e que, cedo ou tarde, as esquecen (aínda que ás veces hai sorte e simplesmente as transforman).