Mostrar mensagens com a etiqueta Relixión. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Relixión. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 7 de janeiro de 2026

RONAN, O SANTIAGO BRETÓN

Un santo, unha barca de pedra, un carro de bois, un sepulcro no medio do monte, un santuario que atrae milleiros de romeiros... Con estas premisas, calquera pensaría que me estou a referir ao Apóstolo Santiago e ao culto xacobeo. Mais, como xa suporedes, trátase dunha desas trampas que tanto nos prestan neste blogue. Non, non é do Fillo do Trebón de quen vos vou falar hoxe, senón do seu (digámolo así, coa típica exaxeración céltica) doppelganger bretón: San Ronan de Locronan (ou Lokorn, en bo bretón), talvez o santo máis venerado polos nosos curmáns armoricanos, con permiso (só faltaba!) doutros tantos e tantas que inzan a relixiosidade popular daqueloutra fisterra. Boa proba diso é que, cada seis anos, aínda na actualidade, milleiros de bretóns (vivos e mortos, desta parroquia e mais da outra) participan na Grande Troménie ou, por outras palabras, o "gran perdón" ou peregrinación de Lokorn, para honraren o seu padroeiro como cómpre. Como curiosidade literaria que nunca sobra, de Lokorn era a moi aristocrática dama a quen José María Castroviejo converteu na súa particular fornecedora de historias en El pálido visitante (1964).

domingo, 26 de outubro de 2025

SAN MAELOG BRITONIENSE?

                              


Se o sochantre de Cunqueiro e a súa cadavérica comitiva se tivesen levemente desviado do seu traxecto, afastándose só unhas poucas leguas das vizosas ribeiras do río Blavet, non habían demorar moito a chegar ao lugar de Pluveleg (Plumelec, en francés). E, se é certo que Cunqueiro se inspirou nos seus nativos eidos britonienses para imaxinar un país bretón que non visitaría até dez anos máis tarde da publicación d'As crónicas do sochantre, en Pluveleg nin sequera tería que forzar moito a maquinaria da súa prodixiosa imaxinación. Por que digo isto? Porque o tal topónimo procede e fai referencia a un nome que, por forza, centos de veces tería resoado nos seus ávidos ouvidos de fabulador: Pluveleg significa, palabra por palabra, "a freguesía de Maelog".

quinta-feira, 23 de outubro de 2025

SANTOS, SERPES E BARCAS DE PEDRA: MISIONARIOS IRLANDESES EN GALIZA?

                                     

1. O CURRACH DA MISARELA

Na súa visita ao eremitorio da Misarela, no actual concello da Pobra do Caramiñal, o Padre Sarmiento (1695-1772) describiu deste xeito tan expresivo aquel lugar afundido entre os barrancos da Serra da Barbanza: 

San Juan de la Misarela es uno de los sitios más lóbregos, solos, escarpados y estrechos que se puede imaginar para ermitaños. Ha sido monasterio de benedictinos. Después se dio a franciscanos, pero no pudiendo subsistir allí, se fueron a fundar a la Puebla del Deán.

sábado, 20 de setembro de 2025

WILLIAM FURLONG, O IRLANDÉS TAUMATURGO

Ilustración de Castelao


De Penedo de Alduxe contaba Álvaro Cunqueiro (e tiña que ser verdade, abofé) que sabía todas as historias de Meira, "dende os enanos dos abades de Santa María a Real ata os ferreiros misteriosos do Pé da Serra, pasando polos tesouros escusados nas lamas". Contaba así mesmo que fora o propio Penedo quen o puxera en coñecemento da existencia da Capa de Ouro, aquela de que falara Lady Gregory e que seica un tal rei Nuga de Irlanda vestía para escorrentar as nubes, crendo estas que viña o sol irritado contra elas. E de Penedo aprendeu aínda Don Álvaro que a tal Capa de Ouro estivera gardada en Meira por moito tempo, e préstame moito pensar que a hibérnica reliquia tería sido levada alí por un curioso inquilino que habitou entre os muros da abadía meirega, e que moi doada e alegremente podería ter protagonizado algún texto do autor mindoniense.