segunda-feira, 19 de outubro de 2020

A GALIZA NUNHA CARTA SOBRE A HISTORIA DA IRLANDA

 

A Torre de Hércules na Idade Media (Enrique Cabarcos/Factoría Gráfica)
 

En 1609, o líder irlandés Florence Mac Carthy (ou Fínghin mac Donncha Mac Carthaig, polo seu nome en gaélico) non estaba a pasar o seu mellor momento. O coñecido polos ingleses como the dangerousest (sic) man in all Ireland cumpría o seu nono ano de cativerio na Torre de Londres, onde permanecería até ao seu falecimento en 1640. Eis o prezo que tivo de pagar pola súa activa participación na Guerra dos Nove Anos, o conflito que marcou o declinio definitivo da vella Irlanda gaélica e no cal, como xa vimos, a monarquía dos Austrias hispánicos estivo moi directamente envolvida.

Pois ben, foi nese ano de 1609 que Mac Carthaig (unha parte de cuxa familia acabou exilada na Coruña) dirixiu unha extensa carta ao conde de Thomond na cal se debruzaba sobre a historia antiga da Irlanda, demostrando un notábel coñecimento sobre o que as fontes da súa época (e aínda de épocas anteriores) recollían acerca dese tema en particular. Como non podía ser doutro xeito, as referencias á Galiza (e a Portugal) emerxen cando toca narrar os primordios do poboamento da illa e a procedencia dos seus máis antigos habitantes. A carta pode lerse na íntegra premendo aquí, mais nós imos centrarnos no excerto que máis nos interesa, e que traducimos (esperamos que de xeito polo menos aceptábel) para o noso romanzo galego:


[e Ercada] tivo Deaghatha, cuxo fillo Bratha ou Bractius foi o primeiro desa nación que (non moito tempo despois de os gregos regresaren de Troia) conduciu unha colonia en sete navíos ás partes suroccidentais de España, desde onde, tendo perdido varios dos seus homes ás mans das xentes daquel país no decurso de dúas batallas, el veu á Galiza e ás partes nororientais de Portugal, onde fundou Braga ou Bracha, chamada así por causa del, do mesmo xeito que o país en que se asentaron e as súas xentes foron chamadas "Galicia Bracharenes" (sic). Seu fillo Breogan ou Breghan fundou Brigancia, a cal (como moitos manteñen e escreben) non é Santiago de Compostela senón A Coruña, como algúns dos máis antigos autores españois e aínda moitos dos nosos sosteñen, até porque Brigancia se encontra á beira do mar, mentres que Santiago non está nen sequer perto del, e fan mención aínda dunha torre que el [Breogan] construíu perto da cidade, á beira do mar, cuxas ruínas existen aínda a pouco máis de media milla da Coruña, na marxe occidental do seu porto ou baía, [e] é chamada aínda hoxe Torre de Brighan. Este Brighan, fillo de Braccus, tivo moitos fillos, dos cales o máis vello, Bile ou Bilius, e o seu fillo Miledh ou Milesius despois del, foron señores de Biscaia, e tiveron o seu asento real á beira do río de Vermeo (sic), nun lugar chamado Mondaca no cal Irlanda é desde aquela ben coñecida [...]


Escusamos dicer que o valor estritamente histórico do texto, nunha altura como o século XVII, é bastante escaso. Ora ben, o seu interese radica noutras cuestións. Por exemplo, no treito que reproducimos conflúen fontes e referencias moi diversas nunha gozosa balburdia típica da historiografía desta época: evidentemente, está a historia bíblica (como molde inescusábel para calquer cronoloxía), mais tamén os mitos fundacionais sobre heroes colonizadores gregos (que aquí na Galiza tamén coñecemos moi ben, por Teucro!) e até dados máis concretos nos cales parece ecoar información tirada das fontes clásicas, como a migración dos célticos do suroeste da península Ibérica cara á antiga Gallaecia. Tamén pode chamar a atención a alusión ao Señorío de Biscaia, mais isto non é así tan extraordinario: a idea dunha comunidade de orixe entre bascos e irlandeses aparece con algunha recorrencia quer nas obras británicas quer nas peninsulares. Abonda lembrar a Historia Regum Britaniae de Geoffrey de Monmouth, quen xa no séc. XII falaba de como os basclenses expulsos de Hispania tiñan poboado a Irlanda; ou do seu contemporáneo Xeraldo de Gales, quen facía recuar a orixe dos irlandeses a xentes bascas chegadas, nen máis nen menos, que de Baiona. De feito, non é por acaso que no texto de Mac Carthaig se menciona Mondaca (actualmente Mundaka), pois esta vila costeira encóntrase moi directamente relacionada coa orixe mítica do Señorío de Biscaia, da cal algún día teremos que falar por aquí... 

 En fin, que a idea de os antigos poboadores da Irlanda procederen do norte da península Ibérica (en xeral) e da Galiza (en particular) era pouco menos ca un lugar común plenamente aceptado no corpus historiográfico irlandés, e mesmo nas obras de autores foráneos que dicían respecto a esta illa, xa desde a Idade Media. De xeito que, cando alguén vos diga (probabelmente con algún ar de superioridade nas palabras) que todo iso foi un invent ou un fake de Murguía, Vicetto ou os románticos galeguistas do século XIX, lembrade o coitado do Florence Mac Carthy a escreber esta carta na soidade da súa reclusión londrina, hai máis de 400 anos. 

 

Sem comentários:

Publicar um comentário