sexta-feira, 30 de outubro de 2020

OS FILLOS DE Ó CORRA E A "PUNTA DE HISPANIA"

Dous irlandeses nun currach, na "Topographia Hibernica" de Giraldus Cambrensis (ca. 1188)
 
Como xa temos comentado noutra ocasión, os immrama son narracións características da Irlanda medieval nas cales se relatan viaxes mariñas á procura do Paraíso. Un deses poucos relatos que deron chegado aos nosos días é o coñecido como Immram curaig húa Corra (que podemos traducir como "A viaxe do currach dos fillos de Ó Corra), un texto do século XII incluído no Libro de Leinster. 
 
O texto relátanos, en esencia, unha típica historia cristiá de pecado e redención protagonizada polos tres personaxes que dan título ao texto, e que non son outros que os tres fillos de  Conall Derg ua Corra, un abastado terratenente de Connacht. Os rapaces, así que chegan á idade adulta, demostran o que poderiamos chamar unha inusitada iniciativa empresarial, pois dedícanse basicamente a atacar e devastar as principais igrexas e cenobios da provincia. Ora ben, após experimentaren unha visión sobrenatural (coa súa correspondente epifanía), os tres arrepéndense das atrocidades cometidas e resolven restaurar os templos destruídos. Aínda, seguindo o consello de San Coman de Kinvara, adquiren un currach, unha típica embarcación irlandesa de madeira recoberta de peles, sen dúbida non moi diferente daquelas que Avieno atribuía aos nosos Oestrimnios no poema Ora Maritima ou as que Xulio César coñeceu na Bretaña insular e descrebeu no seu De bello gallico
 

sábado, 24 de outubro de 2020

TREZENZONIO: UM "IMMRAM" GALAICO

 

Trezenzonio visto por Miguel Robledo (ilustración para a exposición Galicia, un relato no mundo)

Paseando polo parque escultórico que se estende polas inmediacións da Torre de Hércules podemos deparar con varios personaxes estreitamente relacionados con esa mesta rede de mitos que os séculos foron tecendo en torno do noso faro por excelencia: por alí andan Breogán, Xerión, Carlos III... Ora ben, sempre que visitamos o lugar notamos que nos falta alguén. Unha presenza, un personaxe moi concreto: notamos que nos falta Trezenzonio! 

Mais comecemos polo inicio. A idea de que aló no oeste, alén da novena onda, existía unha illa paradisíaca á cal se encamiñaban as almas dos defuntos constitúe, sen dúbida, un dos temas máis caracteristicamente celto-atlánticos: Emain Ablach ou Ávalon (palabra por palabra, Illa das Mazás), Tír na mBan (Terra das Mulleres), Tír na nÓg (País da Xuventude), Y Breasail (o antecedente mítico do actual Brasil) ou as nosas Insulae Deorum (tradicionalmente identificadas coas illas Cíes) son só algunhas das denominacións e formas adoptadas por ese Outro Mundo ultramarino. O cristianismo, como costume, asimilou este motivo tan potente, até ao ponto de que na Irlanda foron moitos os monxes (e non só) que, armados en temerarios navegantes, se adentraron no océano á procura daquelas luminosas illas do Paraíso. Isto veu a orixinar un dos xéneros máis singulares da literatura irlandesa medieval: os immrama (que podemos traducir como 'viaxes') e eachtraí (literalmente, 'aventuras'). Como suporedes, o immram que maior éxito e trascendencia coñeceu na Europa medieval foi, sen dúbida nengunha, a Nauigatio Sancti Brendani, ou o relato das viaxes marabillosas realizadas por San Brandán por un amplo espazo que podemos identificar, grosso modo, co Atlántico Norte, e que fascinou durante séculos as boas xentes da Europa Occidental até convertelo no que hoxe chamariamos moi probabelmente un best-seller.

OS BURKE, OS O'KELLY E A "CASA DA SEÑORITA"

Brasón na fachada da "Casa da Señorita"  (Foto: Beira Atlántica)
 

Se algún día paseardes polo centro de Outeiro de Rei (ben pertiño da cidade de Lugo), talvez reparedes na Casa Forte ou "Casa da Señorita", o pazo que se ergue coma unha besta ferida e melancólica ao pé da igrexa de San Xoán, e só a uns centos de metros do antigo Camiño Real que hoxe chamamos Nacional VI. Malia o estado deplorábel en que se encontra o predio, aínda dá para admirarmos o brasón que coroa unha das súas portas principais, coas armas dos Aguiar, os Montenegro ou os Gaioso ben á vista. E pouco máis. O resto é cemento, táboas, andaimes e ruínas. O desleixo habitual. Mais o que poucos saben é que, dentro daquelas paredes noutrora soberbias, houbo irlndeses. E irlandeses de estirpe rexia, aliás.

segunda-feira, 19 de outubro de 2020

A GALIZA NUNHA CARTA SOBRE A HISTORIA DA IRLANDA

 

A Torre de Hércules na Idade Media (Enrique Cabarcos/Factoría Gráfica)
 

En 1609, o líder irlandés Florence Mac Carthy (ou Fínghin mac Donncha Mac Carthaig, polo seu nome en gaélico) non estaba a pasar o seu mellor momento. O coñecido polos ingleses como the dangerousest (sic) man in all Ireland cumpría o seu nono ano de cativerio na Torre de Londres, onde permanecería até ao seu falecimento en 1640. Eis o prezo que tivo de pagar pola súa activa participación na Guerra dos Nove Anos, o conflito que marcou o declinio definitivo da vella Irlanda gaélica e no cal, como xa vimos, a monarquía dos Austrias hispánicos estivo moi directamente envolvida.

Pois ben, foi nese ano de 1609 que Mac Carthaig (unha parte de cuxa familia acabou exilada na Coruña) dirixiu unha extensa carta ao conde de Thomond na cal se debruzaba sobre a historia antiga da Irlanda, demostrando un notábel coñecimento sobre o que as fontes da súa época (e aínda de épocas anteriores) recollían acerca dese tema en particular. Como non podía ser doutro xeito, as referencias á Galiza (e a Portugal) emerxen cando toca narrar os primordios do poboamento da illa e a procedencia dos seus máis antigos habitantes. A carta pode lerse na íntegra premendo aquí, mais nós imos centrarnos no excerto que máis nos interesa, e que traducimos (esperamos que de xeito polo menos aceptábel) para o noso romanzo galego:

domingo, 18 de outubro de 2020

DE MUNSTER Á CORUÑA (I): IRLANDESES NO REINO DA GALIZA

 

Irlandeses do séc. XVI por Lucas d'Heere, ca. 1575

Falarmos dos irlandeses na Galiza significa para a maioría de nós visualizarmos mentalmente o Colexio dos Irlandeses, na Rúa Nova de Santiago de Compostela. E pouco máis. Mais a historia ténchevos moita máis profundidade. E, con licenza, imos partillar convosco algúns retallos da mesma.
 
Para iso cómpre recuar até aos finais do século XVI, un período especialmente violento e convulso na Irlanda. As rebelións da aristocracia católica local contra a protestante Coroa inglesa, que tencionaba afianzar de vez o seu dominio sobre a illa, eran xa cousa cotiá. Ás Revoltas de Desmond (entre 1569 e 1573, cunha réplica entre 1579 e 1583) seguiu a grande conflagración coñecida como Guerra dos Nove Anos" ou Rebelión de Tyrone (1593-1603). Esta última tivo como momento culminante o coñecido Sitio de Kinsale (entre outubro de 1601 e xaneiro de 1602), saldada coa desastrosa derrota dos nobres irlandeses e o definitivo colapso da sublevación, que a partir dese momento tivo os días contados. Como é sabido, estes levantamentos contaron desde o principio co apoio, quer directo quer indirecto, da Monarquía Hispánica dos Austrias. Non é por acaso que a batalla de Kinsale comezou co desembarco das forzas comandadas polo infausto Juan del Águila (cuxa capitulación fronte aos ingleses se realizou en termos que deixaron moito descontento entre os sublevados) e Alonso de Ocampo (este último alcumado como the gallant leader nas crónicas irlandesas da altura).

sábado, 17 de outubro de 2020

SANTOS E SERPES: SAN PATRICIO E SANTO HADRIÁN

San Patricio a expulsar as serpes (Fonte: irishcentral.com)
  
Unha das lendas máis coñecidas e citadas do imaxinario irlandés é aquela segundo a cal San Patricio expulsou as serpes da Irlanda, lanzándoas ao mar do alto dun outeiro no cal o evanxelizador da illa estaba a realizar xaxún. Isto explicaría a total ausencia de ofidios (e non só) naquelas terras. 

En realidade, a lenda é antiga e xa tivo outros protagonistas: por exemplo, en textos altomedievais é o ilustre San Columba, o campión do primitivo cristianismo irlandés, quen aparece como artífice de tal milagre. Ao que parece, a primeira mención a San Patricio erradicando as cobras da Irlanda aparece na Topographia Hibernica, unha obra redixida por Giraldus Cambrensis por volta de 1188. Aínda que importa notar que este sabio se mostraba moi céptico coa lenda; na súa opinión, nunca serpes houbera na Irlanda (e o caso é que a ciencia, en épocas recentes, veu a corroborar tal idea), algo que el atribuía a "deficiencias na natureza da illa" (sic). Non esquezamos que a Topographia era un texto cun intuito propagandístico claro e patente, e nel poucas ou nengunha virtude son atribuídas nen á Irlanda nen aos seus habitantes.

DA BEIRA ATLÁNTICA


A chamada Rosa dos Ventos é unha paraxe obrigada para os centos de persoas que visitan acotío a Torre de Hércules ("que mellor debera ser chamada de Breogán", por palabras do noso Otero Pedrayo). Situada coma unha búsola atlántica aos pés do senlleiro faro coruñés, nesta obra de Xabier Correa Corredoira aparecen representados, mediante cadanseu símbolo, os sete países ditos "celtas". Os mesmos mencionados nos coñecidos versos do hino dos Ultreia, o grupo de xuventudes galeguistas criadas por Álvaro das Casas en 1932, e que proclamaban:

Ei, Armórica, Cornubia e Cambria,

Scotia, Erín, Galiza

e a Illa de Man!

Son sete as nacións celtas

fillas do pai Breogán!