Todas e todos saberedes do conto de San Ero de Armenteira, que inspirou unha das máis fermosas e célebres cantigas de Santa María de Afonso o Sabio. Mais, por se acaso, ímolo relembrar moi brevemente: Ero, abade de Armenteira, saíu pasear un día polas inmediacións do mosteiro e adormeceu escoitando o delicioso rechouchío dun paxaro. Cando acordou daquel marabilloso soño no que tivo ocasión de contemplar e gozar as delicias do Paraíso, o abade voltou ao convento, mais, para a súa sorpresa, ninguén o recoñeceu, como tampouco el era quen de recoñecer os frades que habitaban as estancias e claustros do mosteiro. O seu desconcerto foi aínda maior cando todos lle falaron dun abade co seu mesmo nome que desaparecera misteriosamente 300 anos atrás. Era só atar cabos para se dar conta do que sucedera...
