Se o sochantre de Cunqueiro e a súa cadavérica comitiva se tivesen levemente desviado do seu traxecto, afastándose só unhas poucas leguas das vizosas ribeiras do río Blavet, non habían demorar moito a chegar ao lugar de Pluveleg (Plumelec, en francés). E, se é certo que Cunqueiro se inspirou nos seus nativos eidos britonienses para imaxinar un país bretón que non visitaría até dez anos máis tarde da publicación d'As crónicas do sochantre, en Pluveleg nin sequera tería que forzar moito a maquinaria da súa prodixiosa imaxinación. Por que digo isto? Porque o tal topónimo procede e fai referencia a un nome que, por forza, centos de veces tería resoado nos seus ávidos ouvidos de fabulador: Pluveleg significa, palabra por palabra, "a freguesía de Maelog".
