![]() |
| Trezenzonio visto por Miguel Robledo (ilustración para a exposición Galicia, un relato no mundo) |
Paseando polo parque escultórico que se estende polas inmediacións da Torre de Hércules podemos deparar con varios personaxes estreitamente relacionados con esa mesta rede de mitos que os séculos foron tecendo en torno do noso faro por excelencia: por alí andan Breogán, Xerión, Carlos III... Ora ben, sempre que visitamos o lugar notamos que nos falta alguén. Unha presenza, un personaxe moi concreto: notamos que nos falta Trezenzonio!
Mais comecemos polo inicio. A idea de que aló no oeste, alén da novena onda, existía unha illa paradisíaca á cal se encamiñaban as almas dos defuntos constitúe, sen dúbida, un dos temas máis caracteristicamente celto-atlánticos: Emain Ablach ou Ávalon (palabra por palabra, Illa das Mazás), Tír na mBan (Terra das Mulleres), Tír na nÓg (País da Xuventude), Y Breasail (o antecedente mítico do actual Brasil) ou as nosas Insulae Deorum (tradicionalmente identificadas coas illas Cíes) son só algunhas das denominacións e formas adoptadas por ese Outro Mundo ultramarino. O cristianismo, como costume, asimilou este motivo tan potente, até ao ponto de que na Irlanda foron moitos os monxes (e non só) que, armados en temerarios navegantes, se adentraron no océano á procura daquelas luminosas illas do Paraíso. Isto veu a orixinar un dos xéneros máis singulares da literatura irlandesa medieval: os immrama (que podemos traducir como 'viaxes') e eachtraí (literalmente, 'aventuras'). Como suporedes, o immram que maior éxito e trascendencia coñeceu na Europa medieval foi, sen dúbida nengunha, a Nauigatio Sancti Brendani, ou o relato das viaxes marabillosas realizadas por San Brandán por un amplo espazo que podemos identificar, grosso modo, co Atlántico Norte, e que fascinou durante séculos as boas xentes da Europa Occidental até convertelo no que hoxe chamariamos moi probabelmente un best-seller.
