segunda-feira, 23 de novembro de 2020

LANCELOT EN CEDEIRA

Nicholas Clay como Lancelot no filme Excalibur de John Boorman (1981)

 

-Sseñor, conoçedes uos algũus caualeyros de casa de Rrey Artur? 
-Ssi, disso ele. 
-Et conoçedes uos -disserõ eles- Dom Lançarote do Lago? 
-Ssi -disso ele-, aquele conosco eu bem. 
-Ay, por Deus! -disso Keya Destrauz- poys uos Dom Lançarote conoçedes tãto, me dizede, se uos prouguer, sse o uistes em esta terra, ca nos disso hũu caualleyro, nõ ha aynda IIIIo dias, que o viu y. 
(Livro de Tristam, século XIII). 
 
 
Hai agora algo máis dun ano, no decurso da nosa viaxe á Bretaña, achegámonos á vila de Paimpont. Como suporedes, a nosa intención era visitar a floresta de Broceliande, ese verdadeiro parque temático dos mitos artúricos, e máis en concreto a "Faia de Ponthus", a árbore vinculada ao príncipe galego que, conforme á lenda, fundou e deu nome á localidade (e é que Paimpont, ou Pempont en bretón, non significa outra cousa que 'o castelo ou fortaleza de Ponthus'... mais diso habemos de falar en breve, perdede coidado).  
 
Foi entón que reparamos nun cartaz situado á entrada de Paimpont, que informaba do irmandamento desta vila coa de Cedeira, na Galiza. Nun primeiro momento non lle demos especial importancia, para alén do anecdótico (no fin das contas, son varias as localidades galegas irmadnadas con outras tantas vilas e cidades bretoas: Ribadeo e Loctudy, Sarria e Guerlédan etc.), mais non demoramos moito a perguntarnos por que fora precisamente Cedeira a escollida para tal iniciativa.  A resposta estaba, como ficamos a saber case por acaso de alí a algúns días días, no imaxinario artúrico, e máis en concreto nun dos seus personaxes máis ubicuos: o cabaleiro Lancelot, ou máis concretamente Lancelot du Lac. Lanzarote do Lago, en definitiva. E este dato (o do sobrenome do cabaleiro) ten toda a relevancia do mundo para o tema que nos ocupa. Mais para iso temos de mergullar no fascinante mundo das xenealoxías familiares, así como das mitoloxías que, a pouco que focemos, podemos descobrir por tras delas.

sexta-feira, 6 de novembro de 2020

"OS DO PAXARO" E A CAZA AO REI CHARLO

 

O carrizo ou rei charlo (Fonte: BirdId)

Vilanova de Lourenzá (ou simplesmente Vilanova, como a coñecen os autóctones) é unha localidade do corazón da Mariña lucense coñecida basicamente polas súas fabas e polo seu mosteiro, unha edificación cuxo perfil domina tanto a pequena vila coma o val en que esta se encontra situada. Porén, non moita xente sabe que os habitantes de Vilanova son popularmente coñecidos como "os do páxaro" (sobretodo por parte dos seus viciños de Mondoñedo), unha denominación que a piques estivo de se ver reflectida no proprio brasón municipal.