Mostrar mensagens com a etiqueta Gales. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Gales. Mostrar todas as mensagens

sábado, 18 de abril de 2026

GALESES E GREGOS: DÚAS ETIMOLOXÍAS PARA PORTUGAL


Partamos da base (estas cousas cómpre deixalas claras por moi sabidas que sexan) de que a etimoloxía de Portugal, como antigo nome da actual cidade do Porto, ten as súas orixes no sintagma Portu Cale, xa abondo glosado, estudado e analizado polos máis prestixiosos filólogos de aquén e alén. Mais, antes diso, existiron outras etimoloxías para o topónimo en cuestión. Algunhas delas (imos traendo así a auga ao noso rego) permítennos conectar a cidade do Douro e, por extensión, a Galiza histórica co corpus de narracións históricas e / ou mitolóxicas que se foi elaborando ao longo dos séculos no espazo atlántico. Un lugar onde, parafrasando a Manuel Gago, todos somos conscientes de que as nosas orixes están noutro lugar, de que os nosos devanceiros viñeron de fóra. Como, por exemplo, neste caso, de Gales ou de Grecia. 

quarta-feira, 5 de novembro de 2025

ROLDÁN E RHIANNON

Rhiannon / Ilustración de Alan Lee

Rhiannon é, sen dúbida, unha das personaxes máis emblemáticas dos Mabinogi e, por tanto, do folclore galés (e céltico, en xeral). A pesar diso, ou talvez precisamente como consecuencia diso, a súa figura foi obxecto de numerosas interpretacións. E algunhas delas, de feito, parecen conectala con lendas de noso.

sexta-feira, 31 de outubro de 2025

"O MES DE SANTOS NOS POBOS CELTAS": UN TEXTO DE OTERO PEDRAYO

Abrímoslle a porta a novembro, ese "bendito mes que comeza con Santos e termina con San Andrés" (como ben reza o ditado popular), e canda el entra, coma unha enxurrada gris e dourada, o tempo dos defuntos. Lonxe de querer entrar en polémicas xa resesas sobre Samhain, Samaín, Halloween, cabazas e demais tópicos que puntualmente (e para xúbilo dos máis belixerantes) ateigan as redes nestas datas, hoxe gustaríame tan só partillar convosco algúns excertos particularmente potentes dun fermoso artigo que Otero Pedrayo publicou na revista Nós (nº 36, 15/12/1926) baixo o título "O mes de Santos nos pobos celtas". Nel, o patriarca de Trasalba mergulla no riquísimo corpus de tradicións relativas á morte, aos defuntos e aos entes sobrenaturais que se documentan (e, en non poucos casos, aínda se ven e se practican) nos territorios desa Celtia bicada polas ondas do Atlántico. Imos ver que nos conta (e, se vos parece, con esta marabilla como banda sonora para a lectura):

A raza saudosa dos Fisterres atrántecos adica un mesiño inteiro â lembranza dos difuntos. O tempo do murchar das follas, do erguerse xigante da voce do mar, tudo un mundo d'almas volve á terra nai como unha néboa pecha d'espritos.

domingo, 26 de outubro de 2025

SAN MAELOG BRITONIENSE?

                              


Se o sochantre de Cunqueiro e a súa cadavérica comitiva se tivesen levemente desviado do seu traxecto, afastándose só unhas poucas leguas das vizosas ribeiras do río Blavet, non habían demorar moito a chegar ao lugar de Pluveleg (Plumelec, en francés). E, se é certo que Cunqueiro se inspirou nos seus nativos eidos britonienses para imaxinar un país bretón que non visitaría até dez anos máis tarde da publicación d'As crónicas do sochantre, en Pluveleg nin sequera tería que forzar moito a maquinaria da súa prodixiosa imaxinación. Por que digo isto? Porque o tal topónimo procede e fai referencia a un nome que, por forza, centos de veces tería resoado nos seus ávidos ouvidos de fabulador: Pluveleg significa, palabra por palabra, "a freguesía de Maelog".

domingo, 19 de outubro de 2025

CHARLES WOLFE E ROSALÍA: ELEXÍA INTERCÉLTICA POR SIR JOHN MOORE


Malia que a súa presenza (e morte) na nosa terra foi pouco menos que tanxencial e fortuíta, xusto é recoñecer que o xeneral John Moore acabou por se facer un oco máis que significativo no noso imaxinario. Xa temos explicado aquí  como a batalla de Elviña (para nosoutros) ou da Coruña (para o mundo anglosaxón) acabou por se perpetuar, por carreiros revirados daqueles que tanto presta transitar, tanto na toponimia da Escocia gaélica como no sobrenome familiar dun dos maiores poetas que aquelas terras deron no pasado século. Puxando ese fío, hoxe gustaríame falarvos doutra conexión "intercéltica" derivada daquel evento, desta volta moito máis focalizada na figura e a memoria do malfadado xeneral de Glasgow, mais sen abandonarmos en absoluto as comarcas da poesía decimonónica e os diálogos (tácitos ou explícitos) que nela podemos rastrexar.

sábado, 20 de julho de 2024

A CONQUISTA DAS ILLAS: OS SILUROS


Na súa Estoria de Espanna, o rei Afonso o Sabio (para nosoutros o nono do seu nome) sinala que a denominación primitiva da illa de Britania non era outro que "Siluria". É certo que tal corónimo non gozou de excesiva fortuna histórica (e até pode ser considerado pouco menos que un hapax), mais non é menos verdade que me dá a escusa perfecta para vos falar do pobo que a motivou, os siluros, e dos seus vínculos pseudo-históricos con Galiza en particular e co norte da Península Ibérica en xeral.