domingo, 26 de outubro de 2025

SAN MAELOG BRITONIENSE?

                              


Se o sochantre de Cunqueiro e a súa cadavérica comitiva se tivesen levemente desviado do seu traxecto, afastándose só unhas poucas leguas das vizosas ribeiras do río Blavet, non habían demorar moito a chegar ao lugar de Pluveleg (Plumelec, en francés). E, se é certo que Cunqueiro se inspirou nos seus nativos eidos britonienses para imaxinar un país bretón que non visitaría até dez anos máis tarde da publicación d'As crónicas do sochantre, en Pluveleg nin sequera tería que forzar moito a maquinaria da súa prodixiosa imaxinación. Por que digo isto? Porque o tal topónimo procede e fai referencia a un nome que, por forza, centos de veces tería resoado nos seus ávidos ouvidos de fabulador: Pluveleg significa, palabra por palabra, "a freguesía de Maelog".

A estrutura do topónimo proxéctase noutros moitos da Bretaña bretonante, relativos a parroquias (plou) que toman o nome dos misionarios e relixiosos que as fundaron. Misionarios, xaora, doadamente convertidos en santos no imaxinario popular, sen necesidade de sanción oficial ningunha por parte da Igrexa oficial. Falo, claro, daqueles misionarios chegados á Armórica desde as veciñas illas de Britania e Irlanda, que acabaron por ocupar un lugar basilar na peculiar arquitectura cultural bretoa, pois, dalgún xeito, eses santos asumiron unha función homologábel á de "heroes fundadores".

O Val dos Santos (Bretaña) / Imaxe: La Voix du Nord

Ora ben, por irmos "aterrando", como din os modernos: deste tal Maelog, que sabemos? E, sobre todo (que me coñezo e vos coñezo), terá algo a ver co noso bispo britoniense? Imos ir por partes, mais xa vos anticipo que este vai ser un artigo inzado de "quizais", "talvez" e demais precaucións adverbiais exixíbeis nestes casos.

Antes de máis, importa notar que o que se sabe deste santo, a diferenza doutros, non procede dunha haxiografía especificamente dedicada a el (que, de ter existido, perdeuse), senón de alusións indirectas ou tanxenciais extraídas doutras vidas de santos que se relacionaron con el. De feito, non é en absoluto improbábel que existise máis de un Maelog, o que dificulta sensibelmente a nosa empresa. Neste sentido, a información que vou despregar ante vós procede sobre todo da obra Saint Maelog. A brief long life, de J. Douglas Davies, quen pasou o traballiño de peneirar as fontes para (re)construír un relato máis ou menos fidedigno do que puideron ser as peripecias vitais de San Maelog.

Segundo parece, o futuro San Maelog naceu nos comezos do século VI da nosa era e foi un dos moitos vástagos de Caw, rico e poderoso xefe celto-romano da área do actual Strathclyde, en Escocia. Desa prole destacou, sobre todo, San Gildas, o sabio abade de Rhuys, que non precisa de presentación e que aínda ha reaparecer neste artigo. Maelog, por tanto, foi un dos seus irmáns.

Esta ilustre orixe familiar, ademais, conéctao dunha curiosa maneira co primixenio mundo artúrico. Talvez vos resulte coñecido "Culhwch e Olwen", relato composto por volta do século XII e incluído nos Mabinogion, a obra referencial da literatura mitolóxica galesa. "Culhwch e Olwen" é considerado o texto de temática artúrica máis antigo de cantos se conservan, e, como boa narración céltica, a densidade e exuberancia da historia fagocita case por completo o argumento, reducíndoo á mínima expresión. Por iso mesmo é tan doado de resumir: por causa dunha maldición que lle lanza a súa madrasta, Culhwch non poderá achar repouso até seducir a fermosa Olwen. O caso é que Culhwch, malia que nin sequera coñece a Olwen, namórase instantaneamente dela só con escoitar a súa mención, e inicia de inmediato a ardua empresa de encontrala e seducila. Ardua sobre todo por un motivo: ela é filla dun perigoso e temíbel personaxe, o horríbel xigante Yspaddaden Penkawr, quen obviamente non a cederá de bon grado. Aínda ben que o heroe ten un as na manga: el é curmán do mesmísimo Artur, e acode á súa corte para lle solicitar axuda en tan arriscada misión. É alí onde Culhwch pide axuda tanto ao soberano dos bretóns como aos seus numerosos guerreiros, que pasa a enumerar un por un. Escuso dicir que esta enumeración é unha escusa ideal para que o autor do texto despregue e exhiba toda a súa habilidade retórica e sabedoría histórica, xa que neses máis de 200 nomes que conforman a lista encontramos personaxes de todo tipo, procedencia e condición: guerreiros que séculos despois se transmutarán en populares cabaleiros da literatura cortesá, deuses antigos, reis franceses, personaxes burlescos, heroes da mitoloxía irlandesa (como Chú Chulainn!)... e incluso santos. Nun determinado momento, menciónase o noso amigo: "Meilic, o fillo de Caw". E non concorre só nesta longuísima digresión, senón que o fai canda os seus irmáns (entre eles San Gildas), o cal nos permite corroborar a súa identidade sen dúbida ningunha. 

Vemos, por tanto, como Maelog e a súa familia eran personaxes importantes abondo como para seren inseridos nese catálogo de celebridades e eminencias que un bon poeta debía coñecer (e presumir de coñecer), até o extremo de presentalos na órbita do rei por antonomasia: Artur, o señor do mundo. Mais o caso é que, por mor dos ataques pictos e irlandeses, a familia de Maelog foi enviada case ao completo a Gwynedd, no actual Gales, nomeadamente á illa de Ynys Môn, un dos grandes epicentros políticos e relixiosos da Britania da altura. Nese novo ambiente, Maelog, após formarse na abadía de Llancarfan, xuntouse ao séquito de discípulos do prestixioso San Cybi, unh das figuras máis preeminentes daquel primeiro cristianismo britano.  

Ynys Môn nun mapa de J. Janssen (ca. 1650)

Claro que o envolvimento de San Cybi na turbulenta situación política da súa Cornubia natal (o que hoxe é a Cornualla británica) obrigouno a emprender unha precipitada fuxida. Maelog tornouse así un dos "doce mariñeiros que formaron a familia de San Cybi", como son mencionados nun poema da época, e iniciou un longo périplo que o levou primeiro a Morgannwg e despois ao oeste de Irlanda, onde un litixio de marcos con outro relixioso local (o mesmísimo San Fintan) o levou a ser expulsado de novo ao mar canda os seus camaradas. Santos si, mais, como vedes, os marcos sónchevos os marcos, e dous ferrados son máis ca un...

Maelog deu chegado de novo a Ynys Môn, onde fundou unha igrexa que perpetuou o seu nome na toponimia local até os nosos días: Llanfaelog (ao pé do Llyn Maelog ou "lago de Maelog", aínda por riba).  Como cu de mal asento que era, aínda regresou a ao actual Gales, ao reino de Powys, onde ergueu a abadía de Llowes, á fronte da cal comezou a adquirir un prestixio que irradiou a todo o sur do país, onde a toponimia dá conta da súa frenética actividade, como doadamente podedes verificar neste mapa (sempre e cando aceptemos que todos eses topónimos derivados de Maelog fan referencia ao noso santo, que esa é outra...):

 

Saint Maelog. A brief long life (J. Douglas Davies, 1995)

Mais, nese momento, comezou a circular por Britania unha obra moi polémica que, por se fose pouco, saíra do exaltado maxín dun familiar do noso protagonista. Xa o coñecemos: refírome o seu irmán máis vello, Gildas. Tratábase de De excidio et conquestu Britanniae, unha amarga e explícita diatribe do abade de Rhuys contra os príncipes britanos, a cuxos pecados e laxitude moral atribuía a perda da illa ás mans dos pagáns saxóns, meros instrumentos do castigo divino.  As consecuencias foron as esperábeis: a familia de Gildas converteuse en albo da ira dos deostados príncipes indíxenas e, para evitaren represalias, dirixíronse decontado ao exilio, á Armórica. O propio Maelog (talvez após unha nova e fugaz estadía en Irlanda) seguiu tamén ese mesmo rumbo, e será aló, na marxe esquerda do alegre e vizoso Blavet, naquelas chairas onde comezou esta nosa viaxe, onde o noso santo nómade pareceu asentar de vez. Mais reparade en que digo "pareceu"... porque o propio Douglas Davies fai notar que, na verdade, "moi pouco se rexistrou dos seus derradeiros anos de vida". E claro, alí onde a documentación cala, a imaxinación inflamada dun galego parece autorizada a falar (non é casual que comezásemos todo este sarillo con Cunqueiro!).

Maelog no "Baralho Suevo" (A Gentalha do Pichel)

Vexamos: ese tramo final da vida de Maelog, no cal as fontes (xa de seu exiguas) gardan silencio, cadra cronoloxicamente co período no cal, curiosamente, emerxen na nosa documentación galaica as dúas únicas referencias a Mailoc, o celebérrimo bispo britoniense que acabou por abrir unha fenda máis que significativa no noso imaxinario cultural. E agora fala xa a pura temeridade persoal, non exenta de certo wishful thinking pola miña parte: imaxinades o vello Maelog, xa no outono da súa azarada vida, sendo reclamado desde o seu retiro armoricano para realizar unha derradeira viaxe e facerse cargo daqueloutros irmáns britanos que ficaran no norte da Gallaecia? Tal hipótese non ten máis base cá cronoloxía, que de ben pouco serve, e a coincidencia antroponímica, fráxil argumento tamén tendo en conta que Maelog e as súas diversas variantes foi un nome persoal bastante usado entre a poboación britónica da altura. De feito, mesmo conta con paralelismos na onomástica indíxena galaico-lusitana, na cal a raíz Maelo- / Mailo- (talvez do céltico *maglo-  'nobre, xefe, persoa principal') pode rastrexarse en antropónimos como Mailo, Maeilo, Maelo... ou incluso en topónimos como o noso *Maelobris ('castro grande, castro principal'), que podemos inferir dos epítetos teonímicos Maelobrigo e Maelobrigoe contidos en dúas aras votivas achadas en Brandomil, e que talvez fose o nome indíxena do castro desa localidade.

Mais, deixando de lado por un segundo todas estas precaucións e resalvas, non digades que non sería lindo completar este mapa cunha frecha que apuntase á ribeira meridional dese mar inzado de célticos santos navegantes... Como o propio Cunqueiro diría, "iso non lle pode facer mal a ninguén".

Saint Maelog, a brief long life (J. Douglas Davies, 1995)

Secomasí, a brétema histórica en que Maelog habita, ben como a súa proximidade ás vastas e non menos nebulosas comarcas do mito artúrico, sempre farán del un idóneo candidato para a ensoñación e a fabulación literarias. Sóuboo ben Ramón Otero Pedrayo, talvez o primeiro autor a explorar esta dimensión do escuro bispo britoniense, entroncándoo coa épica cabaleiresca e co tema das cidades asolagadas nun texto que publicou en 1946 no xornal La Noche. Velaquí un fragmento (o texto na íntegra podédelo ler aquí):

¿Queres que che conte a sua historia? Ti tés ouvido a historia da vila fermosa de Ys ergueita nas beiras do mar de Armórica e castigada pol'os seus pecados. Alí reinaba o capricho da fermosa diabresa Dahut filla do bon rei de Cornualles Gandlou (sic) e d'unha walkiria... Pol'o amor de Dahut moitos cabaleiros morrían en pecado mortal pelexando nos torneos. Mailoc foi un d'iles moi valente, o santo abade Guenolé resucitóuno e feito monxe viu a Galiza onde tamén hai cidades asulagadas pol'os seus pecados d'orgolo e sensoalidade como aquila de Ys que tiña as chaves do mar...



Sem comentários:

Enviar um comentário