Mostrar mensagens com a etiqueta Montederramo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Montederramo. Mostrar todas as mensagens

sábado, 20 de setembro de 2025

WILLIAM FURLONG, O IRLANDÉS TAUMATURGO

Ilustración de Castelao


De Penedo de Alduxe contaba Álvaro Cunqueiro (e tiña que ser verdade, abofé) que sabía todas as historias de Meira, "dende os enanos dos abades de Santa María a Real ata os ferreiros misteriosos do Pé da Serra, pasando polos tesouros escusados nas lamas". Contaba así mesmo que fora o propio Penedo quen o puxera en coñecemento da existencia da Capa de Ouro, aquela de que falara Lady Gregory e que seica un tal rei Nuga de Irlanda vestía para escorrentar as nubes, crendo estas que viña o sol irritado contra elas. E de Penedo aprendeu aínda Don Álvaro que a tal Capa de Ouro estivera gardada en Meira por moito tempo, e préstame moito pensar que a hibérnica reliquia tería sido levada alí por un curioso inquilino que habitou entre os muros da abadía meirega, e que moi doada e alegremente podería ter protagonizado algún texto do autor mindoniense.