domingo, 28 de fevereiro de 2021

NOS PRIMORDIOS DO CELTISMO MUSICAL: UN CORO CORUÑÉS NA BRETAÑA


 

Embora no noso país fose obxecto de debates e polémicas de carácter nominalista nas cales os galegos somos consumados expertos, ninguén pode dubidar que a chamada "música celta" foi (e continúa a ser, aínda que en menor medida nos últimos tempos) unha ferramenta de inestimábel valor na actualización e difusión internacional do noso folclore. Mais, contrariamente ao que moita xente costuma pensar, este fenómeno musical e cultural (que nos permite estar presentes en cenarios tan conceituados coma o Festival Interceltique de Lorient ou o Celtic Connections, por exemplo) non é algo recente na Galiza. Non nasce, nen moito menos, con Carlos Núñez. Nen sequer con Milladoiro ou Emilio Cao, pioneiros do folque galego na década de 70 do século pasado. Non, en realidade, para termos unha visión cabal e completa da cuestión, temos de recuar un pouco máis no tempo, e até facer unha pequena viaxe no espazo.

 

Mais imos por partes, e comecemos, como cómpre, polo inicio. En 28 de decembro de 1916 fúndase na Coruña o coro "Cántigas da Terra", unha agrupación estreitamente vencellada a ese estourido de entusiasmo galeguista que foron as Irmandades da Fala, constituídas nesa mesma cidade só uns poucos meses antes. Sob a dirección musical de Mauricio Farto Parra e a artística de Leandro Carré Alvarellos e Xosé Iglesias Roura, a súa estrea perante o gran público terá lugar en 12 de xullo de 1917, no Teatro Rosalía de Castro, coa representación da peza A festa do Tabeirón, de Henrique Labarta Posse. A partir de aí, "Cántigas da Terra" acabará por se tornar un referente incontornábel na recuperación non só da música popular galega, senón tamén doutros elementos intimamente conectados á mesma, coma o traxe tradicional, gañando progresivamente un prestixio que se mantén intacto nos nosos días. Entre os músicos que fixeron parte do seu elenco contáronse algúns que escusan calquer apresentación, como Emilio Corral, o Gaiteiro Maior do Reino da Galiza, a quen costuma ser atribuída (non sen polémica, é verdade) a celebérrima "Muiñeira de Cabana".

 

O coro "Cántigas da Terra" na década de 40 / Fonte: Flickr

 

Deamos agora, se nolo permitirdes, un pequeno chimpo no tempo aos anos 50. Nesa altura, na Bretaña encóntrase en andamento unha auténtica revolución no tocante á recuperación e valorización do folclore proprio, nun proceso que viña dos tempos previos á Segunda Guerra Mundial e que ten como particularidade o constante e estreito diálogo coas tradicións musicais dos demais países celtófonos (moi especialmente da Irlanda e a Escocia). De facto, a noción de interceltismo non era nada novo na Bretaña. Os curmáns armoricanos foron desde sempre uns entusiastas pioneiros desta idea de irmandade entre as vellas fisterras atlánticas, e xa nos finais do século XIX organizaran eventos deste tipo, con presenza de delegacións irlandesas, escocesas e galesas, principalmente. Ora ben, boa parte da "culpa" do que está a acontecer na música tradicional bretoa nesta altura hai que lla atribuír a Polig Monjarret (1920-2003). Para alén do seu traballo como compilador (velaí o monumental Tonioù Breizh Izel, do que anos depois se servirían The Chieftains para o seu magnífico disco A Celtic Wedding) e como criador da Boadeg Ar Sonerien (a asociación de músicos tradicionais bretóns), a súa man está por tras do nascimento dun dos fenómenos máis singularmente bretóns: as bagadoù (plural de bagad, palabra bretoa para 'banda' ou 'agrupación'), esas formacións que, inspiradas nas pipe bands da Escocia, combinan as bombardas bretoas coas percusións de alta tensión e as gaitas escocesas. 

 

Polig Monjarret en 1943 (Arquivo Familiar Monjarret)

Claro que, chegados a este ponto, talvez sexa necesario un pequeno esclarecimento para aqueles puristas que estiveren a ler estas liñas: a gaita escocesa (ou, séndomos máis estritos, a Highland bagpipe), no momento histórico de que estamos a falar, non era un instrumento alleo nen intruso no folclore bretón. Os primeiros exemplares, ao que parece, foran introducidos no país armoricano en finais do século XIX, e a súa asimilación e integración (non isenta, é verdade, dos esperábeis debates e confrontos entre tradicionalistas e escotómanos), fica ben patente no momento en que acabou por ser batizada cun nome bretón, binioù braz (quer dicer, 'a gaita grande'), por contraposición á binioù kozh (palabra por palabra, 'a gaita vella' ou 'a gaita antiga'), a pequena e estridente cornamusa que adoitaba ser tocada con acompañamento de bombarda (e eventualmente de tambor) nas festas e romarías da Baixa Bretaña. De facto, o nascimento das bagadoù tivo un curioso efecto colateral que debe ser contado: contrariamente ao que poderiamos pensar, a creación destas poderosas formacións instrumentais non supuxo un tiro de graza para a vella binioù kozh, senón que a salvou dunha extinción que, só uns poucos anos antes, parecía pouco menos que inevitábel. O proprio Castelao, cando viaxou a aquelas terras na década de 20, constatou por escrito a situación, indicando que na Bretaña a gaita estaba tan morta como a sanfona na Galiza. Hoxe, felizmente, ambos os instrumentos gozan dunha excelente saúde, e a arcaica e singular sonoridade do dúo formado por bombarda e binioù kozh non falta en nengunha boa fes noz. Con intérpretes tan competentes coma estes.

É neste ambiente de efervescencia e renovación que se organiza en Brest, nos días 9, 10 e 11 de xullo de 1954, a segunda edición do Festival Internacional de Cornamusas. Por outras palabras, un festival musical intercéltico, como aparece denominado tamén na imprensa da época. Á cidade do País de Leon son convidadas, como costume, delegacións irlandesas e escocesas, mais desta volta haberá unha novidade: pola primeira vez, acode tamén representación galega. De quen se trata? Efectivamente, do coro "Cántigas da Terra". A agrupación coruñesa convértese deste xeito na primeira formación galega a participar nun evento intercéltico. Coidamos non exaxerar se dicemos que un dos soños do galeguismo da Época Nós, para quen o celtismo e o atlantismo constituían referentes inegociábeis, viraba realidade. Mais tamén un fito moi relevante para unha cultura coma a galega, que desde a Guerra Civil vivía unha "longa noite de pedra" de ostracismo e negación, e que, con certeza, non desfrutaba de moitas ocasións coma esta para asomar a cabeza nos círculos culturais europeus. 

 

Cartaz do Festival Internacional de Brest / Fonte: Musée Breton

Evidentemente, o factótum daquilo foi Polig Monjarret, quen até chegou a escreber ao Concello da Coruña  para obter información sobre o coro. A familia Monjarret aínda conserva a resposta que lle encamiñou o consistorio herculino, nunha misiva na cal lemos excertos tan fermosos e esclarecedores coma este:

A agrupación é formada por 70 persoas de ambos os sexos, incluíndo un grupo de danza que executa bailes tradicionais da nosa rexión [...] Cada un dos membros é fiel ao espírito que anima este conxunto: garantir a pervivencia das belas melodías de orixe celta. Deste xeito, a par das puramente representativas da Galiza, encóntranse outras composicións proprias dos países que conservan a súa orixe céltica.

Coñecemos aínda máis pormenores da intrahistoria daquela pequena aventura intercéltica. Por exemplo, folleando o número de Ar Soner (a revista da Boadeg Ar Sonerien) correspondente ao mes de abril de 1954, deparamos con esta referencia ao planning da viaxe que levaría a delegación galega a Brest. Aínda pagariamos algo, e non pouco, por ir naqueles autocarros ateigados de galegos e bretóns, entre empadas, sidra, alalás e gavottes!

 


Ora ben, cales foron as repercusións deste pequeno fito? Para xa, constituíu un precedente que sen dúbida contribuíu para que a Galiza, trinta anos máis tarde, fose aceptada como membro de pleno direito no Festival Interceltique de Lorient, en boa medida continuador e herdeiro daquel encontro intercéltico de Brest. E isto sábeno e lémbrano ben aínda hoxe en "Cántigas da Terra": un dos seus máis entusiastas membros, Xeranio Torreiro (1932-2019), axiría durante máis de dúas décadas como embaixador plenipotenciario do festival bretón (e, por extensión, do celtismo musical) na Galiza. Pola súa banda, Polig Monjarret continuou a exercer como embaixador in pectore da cultura galega na Bretaña, impulsionando intercambios, fomentando o coñecimento e o aprezo mutuos. En 1964, no mesmo ano en que a Bagad Kadoudal de Rennes desfilaba polas rúas de Vigo entre a expectación do público (como podedes observar aquí), Monjarret convidaba un tal Álvaro Cunqueiro a percorrer os camiños, os calvarios e as igrexas da Bretaña, as mesmas que o autor mindoniense ensoñara (esa é, sen dúbida, a palabra certa) no seu romance As crónicas do sochantre, publicado unha década antes. Cunqueiro, que redixiu unhas crónicas daquel périplo publicadas nas páxinas do Faro de Vigo, ficou chocado co poderío das bagadoù, que entendeu como un modelo válido para rexenerar a música tradicional galega, aínda que para o anecdotario ficaron cousiñas se callar máis prosaicas, como a moi  grata impresión que trouxo da rede viaria bretoa ("Que carreteras!", exclamaba). 

 

Álvaro Cunqueiro, Zaig Monjarret e Polig Monjarret en Locronan (Arquivo Familiar Monjarret)

Terminemos cunha pequena curiosidade. Un dos temas máis coñecidos do repertorio de "Cántigas da Terra",  que deixaron gravado no seu primeiro traballo discográfico Estampas coruñesas 1921-1928, é a "Pandeirada de Nebra". Esta peza sería versionada décadas máis tarde polo harpista Emilio Cao en Fonte do Araño (1978), considerado por moitos a obra fundacional da música celta contemporánea na Galiza (un valor simbólico acrescido, aliás, polo facto de contar cun preámbulo do mesmísimo Alan Stivell). E máis tarde aínda, en 1993, a "Pandeirada de Nebra" sería a música con que a banda lalinesa Dhais inauguraría a primeira edición dun dos grandes festivais intercélticos dos nosos tempos: o Celtic Connections de Glasgow. Por veces é incríbel a naturalidade con que acaban por confluír as historias, non credes?

 









2 comentários:

  1. Bo día! Que artigo tan intersante! Son da organización de Cántigas da Terra, gustarianos compartir este artigo nas nosas redes pero queremos citarche para agraderche a información.

    Apertas!!

    ResponderEliminar
  2. Moitísimas grazas! Por suposto que podedes compartir, é toda unha honra para este que escrebe. Podedes citar como Beira Atlántica, é máis que suficiente.Apertas!

    ResponderEliminar