En 1904 apareceu nalgúns xornais galegos unha curiosa noticia: un escueto texto dunhas poucas liñas que informaba da inminente celebración dun congreso pancéltico na moi emblemática cidade de Caernarfon, no País de Gales. Tratábase, en efecto, do segundo congreso destas características, que tomaba o testemuño do organizado tres anos antes en Baile Atha Cliath / Dublín (Irlanda) baixo o auspicio da Celtic Association. En torno destes eventos, e ao abrigo do auténtico rexurdimento que as nacionalidades europeas estaban a experimentar nestes anos, comezaba a se artellar unha rede de relacións culturais e políticas, unha sorte de "Celtosfera", como veu a ser denominada nalgúns ámbitos.
O curioso desa noticia é que se indicaba ademais que no tal congreso "figurarán representantes de Bretaña, País de Gales, Escocia, Irlanda y Galicia" (o resaltado é meu). Descoñezo se existiron uns (improbábeis) contactos previos que non chegaron a cristalizar ou se estamos perante un exemplo de wishful thinking por parte do redactor da noticia, mais non, naquel congreso de Caernarfon non participou delegación galega ningunha. Porén, importa notar que o noso país non ficou á marxe desta construción dun espazo cultural pancéltico, se ben tería que agardar exactamente 20 anos para comparecer nun evento destas características. E, mesmo nesa ocasión, a presenza galega foi pouco máis ca unha anécdota, aínda que non por iso deixou de servir para crear certas complicidades e simpatías que se perpetuarían no tempo e que a dotaron dunha relevancia simbólica digna de reivindicar.
Cóntovos. En outubro de 1924, o xornal A Nosa Terra, órgano de expresión das Irmandades da Fala e do nacionalismo galego da altura, dá conta da celebración dun novo congreso pancéltico, desta volta en Kemper, na Bretaña. Certamente non é a única cabeceira galega a facerse eco de tal evento, mais si (por razóns evidentes que escuso comentar) a que maior atención lle presta e a que con maior entusiasmo o saúda:
Nese congreso non só se exaltan, como resulta esperábel, os vínculos intercélticos (na concepción aínda moi decimonónica que deles se tiña nesa altura), senón que se fai unha énfase especial na reivindicación cultural, lingüística e política do país anfitrión. Por exemplo, vai ser neste congreso que a gwenn ha du comece a se visibilizar como a nova enseña nacional bretoa. Mais, indo ao que realmente nos interesa, no devandito artigo d'A Nosa Terra sinálase ademais que varias institucións sediadas na Coruña, como son a Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Gallegos e (obviamente) a propia Irmandade de Fala local, adheriran ao evento. Non obstante, á hora da verdade, Galiza non chegou a enviar a súa delegación a Kemper. Atendendo á explicación que se dá no propio texto, as razóns non poderían ser máis prosaicas:
Por se recibir tarde en Galicia programa e invitación para asistir ao congreso non foi posible mais que enviar as adhesiós que citamos. D'outra sorte, seguramente que alguns dos nosos intelectuaes que teñen feito estudos encol do celtismo na nosa Terra, non deixarían de enviar ao congreso algún traballo interesante, que fixera así ouvir a voz dos galegos n-aquela reunión de xentes que pertencendo a países distintos teñen, noustante, un orixe e un sentimento común como teñen tamén costumes afís.
É probábel que, para alén da xustificación oferecida nestas liñas, a delicada conxuntura política do momento, marcada pola ditadura de Primo de Rivera e os propios cismas internos que estaba a experimentar o emerxente nacionalismo galego, limitase sensibelmente a capacidade operativa das persoas e organizacións implicadas. De feito, xa acontecera outro tanto cando as Irmandades da Fala non puideran máis que enviar un telegrama de adhesión ao Congreso Internacional da Raza Irlandesa, que decorrera en París en xaneiro de 1922 (en vésperas da cruenta guerra civil que arrasaría a illa) e ao que foran formalmente convidados na secuencia dos seus contactos coa embaixada da República de Irlanda en Madrid. Porén, pondo de lado estas consideracións pragmáticas e situándonos nun plano estritamente simbólico, resulta máis que interesante comprobar como nun mundo tan fechado como era aquela Celtosfera en formación, monopolizado esencialmente polos "países celtas" do ámbito anglófono, Galiza, por motivos diversos, gozaba xa dun grao de (re)coñecemento importante abondo como para ser tida en conta nun xuntoiro pancéltico destas características. Para o galeguismo, que vía no celtismo xa non só unha retórica identitaria senón tamén unha posíbel vía de proxección e visibilidade exterior do país, iso non podía verse senón como un (pequeno) éxito en termos culturais e, se se quere, paradiplomáticos. Por fin, dalgún xeito, conseguían "estar aí".
Dalí a uns días, A Nosa Terra publicaría o telegrama co que Pierre Mocaër (1887-1961), cadro destacado do nacionalismo bretón na altura, respondeu as mensaxes enviadas polos galeguistas ao congreso de Kemper, expresando a alegría que sentía ao ter sido a Bretaña o escenario do debut galego nun evento de fraternidade intercéltica como foi o celebrado en Kemper:
É a primeira vez -di- que os nosos queridos irmans (sic) galegos tiveron participación oficialmente nun Congreso pancéltico e estóu verdadeiramente encantado de que a miña Patria fose o lugar onde se atoparon, inda que sexa de lonxe, os corazóns das nosas nazóns célticas. Todos os congresistas, tamén os da Gran Bretaña e Irlanda, como os bretons (sic), escoitaron con entusiasmo a letura do seu cordial saúdo. Agardamos todos que os vínculos tan felismente estabrecidos entre os fillos da mesma groriosa familia subsistirán sempre e serán froituosos para a defensa dos nosos comuns ideás e intereses.
Todo aquilo foi recollido posteriormente nas actas e crónicas do congreso, recompiladas nun monumental volume intitulado Les Celtes á Quimper, ao que podedes acceder aquí, se vos interesa. Nel, a Real Academia Galega figura na lista de membros de honor e benefactores do evento, recolléndose ademais un dato interesante: na sesión de clausura propúxose Bordeos como futura sede dun novo congreso pancéltico, alegando que a capital aquitana contaba "[c]unha auténtica colonia de galegos e bretóns". Dato curioso, sen dúbida.
E é que, cando n'A Nosa Terra se fala deste momento como o inicio dun "intertroque cultural" (que fermoso hiperenxebrismo, a propósito) entre Galiza e Bretaña, o entusiasmo contido en tal afirmación parece prefigurar en moitos sentidos o que será a realidade dos anos seguintes. Por exemplo, é nestas datas que Vicente Risco inicia a súa interesantísima relación epistolar co bardo bretón Taldir Jaffrenou (1879-1956), que se converterá nun dos enlaces privilexiados do Grupo Nós co mundo político e cultural bretón. Risco utilizou ese contacto para tentar facer realidade un dos seus "soños húmidos", se me permitides a frivolidade: ver a Galiza representada de pleno dereito no Gorsedd armoricano, a asemblea bárdica que, ao igual cós seus equivalentes galés e córnico, viñera a se tornar un dos elementos máis icónicos e representativos daqueles ideais pancélticos. Así llo facía saber Risco a Jaffrenou nunha das súas cartas:
Queremos coñecer aquí a organización bárdica, os seus fins, o seu espírito, a súa regulación, a súa posible adaptación incluso ao noso país; queremos coñecer a literatura na lingua armoricana, a historia e o folclore.
![]() |
| Gorsedd bárdico no dolmen de Canac'h-Laëron (Bretaña) en 1907 |
Tamén, como ben como sabedes, Castelao non había tardar moito en realizar a súa peregrinación a terras bretoas. Esa viaxe iniciática deu bos e sabedores froitos, abofé: para alén da coñecidísima monografía As cruces de pedra da Bretaña (1930), moi valorada na Bretaña por ser a primeira obra deste tipo especificamente voltada para o exuberante mundo dos cruceiros e calvarios bretóns, non podemos esquecer o fascinante corpus epistolar e gráfico que podedes ler aquí, e que dá boa conta dos contactos do autor rianxeiro cos intelectuais bretóns. Entre eles, co xa mencionado Taldir Jaffrenou, a quen define como "home simpatiquísimo e cultísimo, que le Nós sempre" nun postal enviado a Risco. De feito, sabemos que Jaffrenou convidou a Castelao a participar no Gorsedd que se ía celebrar no mes de agosto en Huelgoat, mais o rianxeiro, mergullado nun frenético ritmo de traballo, tería que declinar o ofrecemento: "[A]índa non saín de Finisterre e a Bretaña é un mundo", laiábase noutra das súas misivas a Risco. En fin, que a imaxe e influencia proxectadas por Castelao nos círculos culturais e políticos bretóns da altura foi máis consistente e persistente do que algúns poderían pensar, e por iso non admira que a prestixiosa publicación en lingua bretoa Al Liamm lle dedicase un emotivo e extenso panexírico (con destaque para os vínculos intercélticos que contribuíra a construír) co gallo do seu pasamento en 1950.
![]() |
| Castelao na Bretaña / Fonte: Fundación Castelao |
E xa que falamos de viaxes iniciáticas á Bretaña ao abrigo daquela efervescencia pancéltica, non esquezamos tampouco a de Fermín Bouza Brey por estas mesmas datas, que cristalizou na fermosa composición "A un mozo galego dende Cornualla", uns versos cargados do futuro e a esperanza que parecía representar o celtismo para estes autores:
De todos os xeitos, e desmentindo certos prexuízos particularmente resistentes incluso na actualidade, cómpre engadir que ese fascinio (embora obviamente circunscrito ás elites, e moi especificamente focado na relación coa Bretaña) non foi en absoluto unidireccional. De feito, por veces o noso país mesmo ocupou unha posición de certa referencialidade. A propósito do que xa comentamos sobre Castelao, é moi interesante o que Erwan Chartier di ao respecto na súa obra Histoire de l'interceltisme en Bretagne (2013), cando sinala que "[é] mediante a influencia de Castelao que se perfila, pois, unha das funcións do interceltismo: o recoñecemento internacional da Bretaña". Por outras palabras, os galegos procurabamos neles unha xanela de proxección internacional para o noso país e a nosa cultura, mais, curiosamente, eles tamén chegaron a ver outro tanto en nosoutros. Aquelas redes que se estaban a tecer, por tanto, foron por veces máis horizontais e simbióticas do que podemos pensar se nos limitarmos á imaxe dunha intelectualidade galeguista batendo sen excesivo éxito á porta dese bretemoso e exclusivista mundo céltico.
Máis unha mostra disto que estamos a dicir: para alén da cortesía exixida polo protocolo, é indubidábel que algunha sinceridade había certamente naquelas palabras con que o ínclito Pierre Mocaër lisonxeara os ouvidos dos seus parceiros galegos en 1924. Non o digo á toa. O propio Mocaër actuaría nas décadas seguintes como unha especie de embaixador oficioso de Galiza na Bretaña, publicando artigos sobre o noso país na imprensa francesa en xeral e bretoa en particular. Reparade, por exemplo, na complicidade que denotan estas palabras extraídas dunha colaboración na mítica revista Ar Soner en 1954 (a tradución para galego apareceu nas páxinas do xornal bonaerense Adiante nese mesmo ano):
A Galiza é rica en cruces céltigas, máis que nós, a decir verdade [...] Vése, pois, por este breve resume que a Galiza é unha outra Bretaña na cal nosoutros devemos de nos sentir na nosa casa, como eles tamén poden sentírense na sua estando na Bretaña.
De feito, nese mesmo ano de 1954, Mocaër actuou como anfitrión do coro coruñés Cántigas d'a Terra na súa mítica viaxe a Brest en 1954, da cal xa vos teño falado aquí. A propósito, agarimo que lle sería correspondido un ano máis tarde durante a súa breve estadía na Coruña, tal e como informaron os xornais da cidade. Velaquí unha mostra:
A daquel Congreso Pancéltico de Kemper de 1924 non sería, certamente, a derradeira experiencia galega neste circuíto intercéltico que se estaba a constituír, e que, por razóns obvias, experimentaría unha importante reformulación após o trauma da Segunda Guerra Mundial. Aínda habería outras, máis discretas e silenciosas, con anterioridade ao boom que este tipo de eventos viviría a partir da década de 70 do século pasado. Por exemplo, en 1969, o Festival de Cornouaille, que se celebra cada verán en Kemper (onde se non!) desde 1923, adoptaba pola primeira vez o formato explícito dun festival intercéltico, con un día dedicado á exaltación de cada un dos sete "países celtas". Como podemos ver na imaxe, entre eles xa figura Galiza, festexada, como non podía ser doutro xeito, na xornada de 24 de xullo, véspera do noso día nacional. Polo que recolle a imprensa galega, a cousa debeuse parecer bastante ao que hoxe entenderiamos por ter un stand promocional en Fitur ou nalgún evento similar: paparota, artesanía, algo de literatura e a música representada polo Ballet Gallego Rey de Viana. Mais había que estar e, certamente, estívose. E desde aquela, de feito, xa non deixamos de estar.






Sem comentários:
Enviar um comentário