Na súa Estoria de Espanna, o rei Afonso o Sabio (para nosoutros o nono do seu nome) sinala que a denominación primitiva da illa de Britania non era outro que "Siluria". É certo que tal corónimo non gozou de excesiva fortuna histórica (e até pode ser considerado pouco menos que un hapax), mais non é menos verdade que me dá a escusa perfecta para vos falar do pobo que a motivou, os siluros, e dos seus vínculos pseudo-históricos con Galiza en particular e co norte da Península Ibérica en xeral.
Sediados no sur do actual País de Gales, os siluros ou silures destacaron nunha habilidade que partillaban con outras tribos da antiga Britania: a de incharlles os fociños ás lexións romanas que invadiran o seu territorio. Quer por libre quer confederados con outros pobos veciños, a ferocidade da súa resistencia foi obxecto de comentarios por parte de diversos autores, tanto contemporáneos como posteriores. Para que vos fagades unha idea, o xeneral Publio Ostorio Scapula, nun acto desesperado, creou unha rede de fortificacións coa intención de manter os siluros recluídos na costa (non vos culparei se agora mesmo estades a visualizar a aldea dos irredutíbeis Astérix, Obélix e compañía), mais estes non só deron rebentado o dique de contención senón que mallaron nos romanos canto quixeron e máis.
Porén, malia as dimensións épicas da súa oposición aos invasores, ben ilustrada por este episodio en concreto, escuso dicir que os siluros sofreron a mesma sorte cás demais tribos britanas, e no corazón do seu territorio ancestral mesmo se chegou a fundar un centro administrativo romano de certa entidade: Uenta Silurum, actualmente Caerwent. Como curiosidade totalmente colateral ao tema que nos interesa, foi aí, na vella capital dos siluros, onde se descubriu unha coñecida e ben estudada inscrición votiva dedicada ao deus MARTI OCELO, cuxo segundo elemento conecta do lexema céltico okelo 'promontorio, punta, fortaleza (por extensión)' ben coñecido na toponimia das antigas Gallaecia, Galia e Britania. Se vos interesa este particular, podedes consultar aquí o contributo que lle dedicou a esta familia toponímica o investigador Carlos Búa hai xa bastantes anos.
O caso (por irmos aterrando no tema que nos interesa) é que, até ondeu eu sei, os siluros protagonizan a referencia máis antiga a unha orixe ibérica dos habitantes das Illas Británicas. E cando digo "antiga" estoume a retrotraer á propia época romana, xa que me estou a referir a Tácito, o célebre historiador que viveu a cabalo entre os séculos I e II da nosa era. Efectivamente, na súa Vida de Agrícola, Tácito faise eco da crenza xeneralizada de que os siluros procedían do norte da Península Ibérica, e fundamenta o valor de tal afirmación en dous argumentos que non por intuitivos deixan de casar moi ben coas lóxicas propias da súa época: por unha banda, o fenotipo dos siluros, que segundo el di son maioritariamente morenos e de cabelo ondulado ("colorati vultus, torti plerumque crines"); pola outra, a posición xeográfica do territorio que habitaban, situado literalmente fronte a Hispania ("posita contra Hispania"). Catro séculos máis tarde, o tamén historiador Jordanes retomaba na súa De origine actibusque Getarum esta descrición dos siluros,
caracterizándoos de novo como xentes morenas, de cabelo negro e crecho
(o cal, curiosamente, permite diferencialos dos pictos da Caledonia,
"roxos e corpulentos"), ao
tempo que chama a atención para a súa similitude física cos gauleses e,
sobre todo, cos hispanos, dos cales afirma descenderen. Estamos, segundo parece, perante tentativas de
racionalizar, no marco dun discurso propiamente historiográfico, unha
crenza evidentemente moito máis antiga, pois non resulta difícil nin
ousado identificar por baixo destes textos os vellos imaxinarios que
conectan ambas as beiras do Golfo de Biscaia desde a Idade do Bronce. Imaxinarios que, cada certo tempo (como veremos) emerxen á superficie con extrema naturalidade, se ben convenientemente actualizados e adaptados ás circunstancias propias de cada época.
Porque o interesante é observar como esta idea foi resucitada polos anticuarios ibéricos dos séculos XVI e XVII, que procederon a integrala nos relatos historiográficos das súas respectivas nacións e territorios coa intención evidente de incrementar a antigüidade, glorias e triunfos das mesmas. Así, a ascendencia hispana dos siluros xa aparece en Florián de Ocampo (1499-1558). O cronista do rei Carlos I aseguraba teren sido eles os primitivos habitantes da montaña ástur-cántabra, que en épocas remotas cruzaban até Irlanda e Bretaña en barcas de coiro (ah, as icónicas barcas de coiro do poema de Avieno...) para finalmente acabar por poboar ambas as illas. Porén, foi o asturiano Luis Alfonso de Carvallo (1571-1635) quen desenvolveu a idea máis polo miúdo e con maior profundidade na obra Antigüedades y cosas memorables del Principado de Asturias, facendo nela os siluros descendentes dos antigos poboadores de Asturias, os cales, de novo, "pasavan muy de ordinario a la isla de Bretania, que aora llaman de Inglaterra...". Sinala aínda Carvallo que aqueles antigos asturianos foron denominados "siluros" polos habitantes da illa que procederon a colonizar. Como probas empíricas que invoca en auxilio da veracidade desta historia recorre (nunha práctica ben común na época) ás coincidencias toponímicas, ao existiren segundo el en Gran Bretaña nomes asturianísimos como Lugo, Pravia ou Tineo, mais tamén a curiosas notas etnográficas, ao observar, por exemplo, que aqueles ástures que colonizaran Britania construíran "sus casa de madera y estacones hincados en la tierra, entretexidos con varas", procurando sen dúbida un paralelismo con construcións ben similares e coñecidas do noroeste peninsular.
"Roundhouse" reconstruída no Chiltern Open Air Museum (Inglaterra) |
Ben, mais coido que a estas alturas podo intuír cal é a pregunta que vos anda a roldar a cabeza. E os nosos anticuarios galegos? A verdade é que sorprendería non encontrarmos neles a máis mínima referencia a esta cuestión, tendo en conta o programa de construción dun relato historiográfico apoloxético para o noso país que moitos deles asumiran, e para o cal non se desdeñaba ningún material dispoñíbel que puidese vir a ser explotado para tal fin. Cómpre lembrar, aliás, que a idea da orixe galega dos antigos irlandeses e británicos constituía desde había tempo un lugar común plenamente asumido polos nosos eruditos, pouco menos ca un axioma historiográfico que, evidentemente, cada un deles reformulou, reelaborou e contextualizou de diferentes maneiras. Ademais, at last but not at least, non podemos negar que os siluros, tal e como os presentaban as fontes antigas, resultaban uns candidatos certamente apetitosos á hora de ilustrar e exemplificar algunhas das cualidades que a calquera autor desta época lle encantaría poder atribuír aos seus antergos: o valor, a resistencia, a defensa da patria fronte ao invasor estranxeiro...
Que aconteceu entón? Persoalmente, coido que o espazo que poderían ocupar os siluros nas nosas crónicas e compendios xa se encontraba satisfactoriamente cuberto por outros referentes de grande éxito e predicamento non só entre os nosos escritores, senón tamén entre os británicos e irlandeses: estoume a referir ao mito do rei Gatelo ou Goídel Glas (o lendario príncipe grego que reinou en Galiza, Irlanda e Britania) e, sobre todo no relativo a Irlanda, polos semi-inventados iernos, un pobo que xurdiu dun marabilloso lapsus calami e do cal espero poder falarvos nalgunha outra ocasión. A propósito, Breogán, embora xa presente nas crónicas irlandesas, non sería convidado a esta festa das orixes até bastante máis tarde...
Por tanto, os siluros, malia a súa relevancia discursiva nos relatos elaborados noutros territorios sobre as orixes ibéricas dos poboadores das Illas Británicas, resultaban en certa maneira desnecesarios e prescindíbeis para os nosos anticuarios. Houbo, no entanto, unha excepción: o xesuíta ourensán Juan Álvarez Soutelo (1648-1712), quen "galeguizou" os siluros (daquela ben vedes que a apropiación cultural que hoxe tanta dor de cabeza lles produce a algúns estaba á orde do día...) e os converteu nun pobo galaico que no ano 256 antes da nosa era emprendera unha expedición para poboar Irlanda, pasando de alí á veciña Britania.
Juan Álvarez Soutelo segundo unha IA |
Sem comentários:
Enviar um comentário