quarta-feira, 30 de dezembro de 2020

AS LAVANDEIRAS DA NOITE

 


Lava, lavandeira, lava,

lavandeiriña do alén,

se ti hoxe non me lavas

non me lavará ninguén...

(Xosé Filgueira Valverde)

Poñédevos na nosa situación. É unha noite fría, ou xélida para sermos sinceros, coma a dos bos invernos de outrora. Decembro vello cabalga. Hai só uns minutos que deixou de chover, e as nubes da neve e a sarabia conceden unha breve tregua que a lúa (unha lúa chea de redondez perfeita) aproveita para señorear os ceos. Baixo a súa luz, a mancha de carballos e bidueiros que enxergo desde a ventá, luminosa polo día, convértese nunha estadea de escuálidos pantasmas, cos famélicos brazos ou os irtos cabelos (non seriamos quen de diferenciar unha cousa da outra) erguidos no medio da xeada que comeza a caer. Un pouco máis aló, o rego, carretando auga a fartar, escorrega polo medio dos prados coma unha serpe de prata. De feito, o seu murmurio é o único son que ecoa neste teatro nocturno. Mais ollade, ollade esa figura debruzada sobre as súas augas... Unha figura humana, con feituras femininas, mesmo. Unha figura que até me atrevería a dicer que canta... Canta? Pois é, canta. E, de feito, só agora reparo en que o murmurio do rego que chega aos meus ouvidos non é tal, senón a tristísima cantiga que gorgulla desde os adentros daquela muller. De cuxa identidade xa son plenamente consciente.

terça-feira, 22 de dezembro de 2020

O CISNE BRANCO DE CORÙNA

Jacques Tardi regresa a las trincheras - Zenda
A guerra nas trincheiras (ilustración de Jacques Tardi no álbum Putain de guerre)

  

Aqueles de vós que gostedes da música escocesa moi probabelmente teñades ouvido polo menos algunha das múltiples versións de An Eala Bhán ("O cisne branco"), sen dúbida unha das máis populares melodías da tradición gaélica.  Estes versos pasaron polas mans de moitas das máis prestixiosas intérpretes da música escocesa, se ben nós temos debilidade persoal por esta versión de Julie Fowlis. A propósito, unha cantora que coñece ben a Galiza, como demostrou co impresionante achegamento que realizou a un tema tan noso como é "Camariñas" (se aínda non o escoitastes, facede o favor e premede aquí!).