sexta-feira, 14 de maio de 2021

A TROITA (DE) ANA

 


Temos un fraquiño polas pequenas historias. En parte ben sabemos o porqué. Sentimos, por un lado, devoción polo imperfecto, e nesas historias costuma haber algo de fragmentario, a sensación de que sobreviven coma un retallo ou un parágrafo dun texto moito máis amplo e complexo que, se cadra, nunca chegaremos a coñecer (mais sempre poderemos imaxinar). Por outra banda, esas historias conteñen un recendo doméstico, de cotidianidade mesmo. E palpitan, por veces agochadas mais sempre recoñecíbeis, como un músculo máis dese todo orgánico que é o día a día das persoas que as contan, que as lembran e que, cedo ou tarde, as esquecen (aínda que ás veces hai sorte e simplesmente as transforman).