Fozando aí atrás nas imaxes gardadas no meu vello e obsoleto móbil, deparei coa que encabeza este artigo: un excerto dun artigo da imprensa británica, de comezos do século pasado, relativo a Galiza. Aínda que non anotei data nin procedencia (mea culpa, sen dúbida), iso non nos impide reparar con certa atención nas liñas que resaltei: "O país continúa a ser rico; os paisanos teñen unha aparencia autenticamente irlandesa".
O da aparencia irlandesa deume nas vistas, como non podía ser doutro xeito. A que se referiría? Á vestimenta labrega? Ou talvez a vagas e intuitivas similitudes fenotípicas notadas polo autor, e tan do gusto dos viaxeiros daquela época, que crían descifrar na cor dos ollos ou nos ángulos dos rostros as liñaxes e xenealoxías de pobos enteiros? Claro que talvez a resposta fose máis sinxela, e tan só se tratase dunha manifestación xenérica, puramente retórica (mais certamente exixida polo discurso) do clixé das similitudes galaico-irlandesas. Un tópico que, dito sexa de pasaxe, xa trascendera naquela altura as nosas fronteiras para se instalar no imaxinario dunha parte non cativa da intelectualidade británica.
![]() |
| Feira galega / Arquivo Romero Osende |
Pois ben, a realidade era ben máis prosaica, abofé. Sobre todo cando reparei en que o tal fragmento procedía, en realidade, dunha obra bastante anterior e que no excerto do artigo existían pequenas pero moi significativas diferenzas a respecto da fonte orixinal.
A obra en cuestión é A handbook for travellers in Spain, publicada en 1845 polo hispanista inglés Richard Ford (1796-1858), que se tornaría en todo un clásico da literatura de viaxes. E, no paso en concreto que deu pé a este artigo, o que lemos é o seguinte (o negrito é meu):
O país continúa a ser rico, mais os paisanos, golpeados pola miseria, presentan unha aparencia autenticamente irlandesa na súa pobreza.
Unha conxunción adversativa e un par de substantivos estratexicamente situados (e supoño que moi propositadamente eliminados da versión posterior) fan mudar de vez o sentido do texto, e achégannos á súa verdadeira dimensión, trasfondo e contexto. Nas datas en que Ford publicou o texto, Irlanda era, quer no imaxinario británico quer no europeo en xeral, o paradigma absoluto da pobreza. E poderiamos ir aínda un chisco máis lonxe: Irlanda, e sobre todo aquela Irlanda dramaticamente golpeada pola An Gorta Mór, funcionaba como o baremo que se aplicaba noutros países do mundo occidental á hora de calibraren e avaliaren as súas respectivas realidades socio-económicas. Neste sentido, a obra do viaxeiro británico constitúe un bo exemplo. Non resulta en absoluto difícil encontrar, espalladas ao longo dos diferentes capítulos, diferentes referencias aos irlandeses, a miúdo como un recurso case mecánico e inconsciente (e certamente esperábel nun autor inglés da época) para subliñar a pobreza do obxecto das súas descricións. Neste caso, a dos desventurados campesiños de Caldas de Reis, que eran pobres coma irlandeses.
![]() |
| Labregos irlandeses (ca. 1840) / Autoría descoñecida |
Por tanto, antes cá paisaxe, có folclore ou cós difusos e estereotipados celtas, as analoxías entre Galiza e Irlanda insinuadas ou explicitadas polos observadores externos baseáronse máis ben nunha outra característica moito máis dramática e, por desgraza, tamén moito máis palpábel: a pobreza común que consumía ambos os pobos. Lembremos, de feito, que foi sobre todo nese sentido (e non noutros, máis posteriores) que circulou durante todo o século XIX a identificación do noso país como la Irlanda de España entre os círculos literarios e políticos. E non é por acaso que, no mesmo ano en que Ford falaba das evocacións irlandesas que lle suxería a nosa galaica pobreza, Antolín Faraldo explotase tamén ese tropo para lubricar a maquinaria revolucionaria que botaría a andar no alzamento de abril de 1846, e que, malia o que di neste fragmento, tería máis a ver coa posterior furia feniana que cos pacíficos métodos de Daniel O'Connell:
Galicia es para las otras provincias de la Península lo que la Irlanda respecto del Reino Unido, antes de consagrar por entero el infatigable O'Connell su capacidad y su denuedo en favor de aquel país.
Unha boa lectura na cal se aborda este tema con sumo detemento é o voluminoso A figuración galega de Irlanda. 1840-1936 (Laiovento, 2021), de Xavier R. Madriñán. Quizais un tanto reiterativo en certos puntos e, na miña opinión, tamén desnecesariamente displicente noutros, mais en calquera caso unha boa maneira de nos aproximarmos ás primeiras elaboracións dese tópico de Galiza como "a Irlanda de España".



Sem comentários:
Enviar um comentário