Partamos da base (estas cousas cómpre deixalas claras por moi sabidas que sexan) de que a etimoloxía de Portugal, como antigo nome da actual cidade do Porto, ten as súas orixes no sintagma Portu Cale, xa abondo glosado, estudado e analizado polos máis prestixiosos filólogos de aquén e alén. Mais, antes diso, existiron outras etimoloxías para o topónimo en cuestión. Algunhas delas (imos traendo así a auga ao noso rego) permítennos conectar a cidade do Douro e, por extensión, a Galiza histórica co corpus de narracións históricas e / ou mitolóxicas que se foi elaborando ao longo dos séculos no espazo atlántico. Un lugar onde, parafrasando a Manuel Gago, todos somos conscientes de que as nosas orixes están noutro lugar, de que os nosos devanceiros viñeron de fóra. Como, por exemplo, neste caso, de Gales ou de Grecia.
Galiza e a Europa Atlántica: #historia, #folclore, #música, #lingua... Materiais para un imaxinario común.
sábado, 18 de abril de 2026
sexta-feira, 19 de dezembro de 2025
UNHA DE TOPONIMIA HISTÓRICA: OS CÉLTICOS DE SANTAGÕES
![]() |
| Ilustración d'A Torre dos Mouros (Manel Cráneo, 2011) |
Se nestas inminentes ferias de Nadal vos dá por viaxar a Portugal e vos cadra por pasar polo termo municipal de Vila do Conde, se cadra reparades na existencia dun curioso topónimo que dá nome a un lugar situado ás beiras do río Ave: Santagões. Trátase dun magnífico exemplo de como a toponimia, sen o concurso das necesarias (se ben, por desgraza, non sempre dispoñíbeis) fontes documentais, pode converterse nun auténtico e exasperante false friend. Porque, aínda que de maneira intuitiva poderiamos pensarlle nunha etimoloxía vinculada co lexema "santo" (e, por tanto, interpretalo como un haxiotopónimo máis dos milleiros que inzan o corpus toponímico galego-portugués), a verdade é que a orixe de Santagões ten máis a ver con celtas que con advocacións cristiás. Explícome.
domingo, 2 de novembro de 2025
DE VIVEIRO A SMERWICK: UNHA EPOPEA ATLÁNTICA DO SÉCULO XVI
Aquela tranquila mañá da primavera de 1570 aportaba ás augas de Viveiro o navío "Trinity", procedente do porto irlandés de Waterford. O seu capitán non era un calquera: tratábase do célebre recusant Thomas Stukley, cabaleiro inglés armado en aventureiro e algo pirata, de quen se rumoreaba ser fillo bastardo do mesmísimo Henrique VIII. Mais Stukley non viña precisamente de turismo, senón que traía un plan. Un plan ambicioso e quizais temerario en moitos sentidos, mais tamén moi acorde coa época convulsa e o escenario concreto en que lle cadrara vivir: católico de xema, como dixemos, Sutkley pretendía convencer o rei Filipe II de que respaldase o seu proxecto de invadir Inglaterra, realizar o ideal pouco menos que cabaleiresco de libertar a María Estuardo (a malfadada raíña dos escoceses, presa pola súa curmá Sabela Tudor) e restituíla no trono da súa terra natal, que lexitimamente lle correspondía.
quarta-feira, 30 de dezembro de 2020
AS LAVANDEIRAS DA NOITE
Lava, lavandeira, lava,
lavandeiriña do alén,
se ti hoxe non me lavas
non me lavará ninguén...
(Xosé Filgueira Valverde)
Poñédevos na nosa situación. É unha noite fría, ou xélida para sermos sinceros, coma a dos bos invernos de outrora. Decembro vello cabalga. Hai só uns minutos que deixou de chover, e as nubes da neve e a sarabia conceden unha breve tregua que a lúa (unha lúa chea de redondez perfeita) aproveita para señorear os ceos. Baixo a súa luz, a mancha de carballos e bidueiros que enxergo desde a ventá, luminosa polo día, convértese nunha estadea de escuálidos pantasmas, cos famélicos brazos ou os irtos cabelos (non seriamos quen de diferenciar unha cousa da outra) erguidos no medio da xeada que comeza a caer. Un pouco máis aló, o rego, carretando auga a fartar, escorrega polo medio dos prados coma unha serpe de prata. De feito, o seu murmurio é o único son que ecoa neste teatro nocturno. Mais ollade, ollade esa figura debruzada sobre as súas augas... Unha figura humana, con feituras femininas, mesmo. Unha figura que até me atrevería a dicer que canta... Canta? Pois é, canta. E, de feito, só agora reparo en que o murmurio do rego que chega aos meus ouvidos non é tal, senón a tristísima cantiga que gorgulla desde os adentros daquela muller. De cuxa identidade xa son plenamente consciente.
segunda-feira, 19 de outubro de 2020
GALIZA NUNHA CARTA SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA
![]() |
| A Torre de Hércules na Idade Media (Enrique Cabarcos/Factoría Gráfica) |
En 1609, o líder irlandés Florence Mac Carthy (ou Fínghin mac Donncha Mac Carthaig, polo seu nome en gaélico) non estaba a pasar o seu mellor momento. O coñecido polos ingleses como the dangerousest (sic) man in all Ireland cumpría o seu nono ano de cativerio na Torre de Londres, onde permanecería até ao seu falecimento en 1640. Eis o prezo que tivo de pagar pola súa activa participación na Guerra dos Nove Anos, o conflito que marcou o declinio definitivo da vella Irlanda gaélica e no cal, como xa vimos, a monarquía dos Austrias hispánicos estivo moi directamente envolvida.
Pois ben, foi nese ano de 1609 que Mac Carthaig (unha parte de cuxa familia acabou exilada na Coruña) dirixiu unha extensa carta ao conde de Thomond na cal se debruzaba sobre a historia antiga da Irlanda, demostrando un notábel coñecimento sobre o que as fontes da súa época (e aínda de épocas anteriores) recollían acerca dese tema en particular. Como non podía ser doutro xeito, as referencias á Galiza (e a Portugal) emerxen cando toca narrar os primordios do poboamento da illa e a procedencia dos seus máis antigos habitantes. A carta pode lerse na íntegra premendo aquí, mais nós imos centrarnos no excerto que máis nos interesa, e que traducimos (esperamos que de xeito polo menos aceptábel) para o noso romanzo galego:
-
U n santo, unha barca de pedra, un carro de bois, un sepulcro no medio do monte, un santuario que atrae milleiros de romeiros... Con estas p...
-
Ilustración d' A Torre dos Mouros (Manel Cráneo, 2011) S e nestas inminentes ferias de Nadal vos dá por viaxar a Portugal e vos cadra ...
-
F ozando aí atrás nas imaxes gardadas no meu vello e obsoleto móbil, deparei coa que encabeza este artigo: un excerto dun artigo da impren...




