sábado, 18 de abril de 2026

GALESES E GREGOS: DÚAS ETIMOLOXÍAS PARA PORTUGAL


Partamos da base (estas cousas cómpre deixalas claras por moi sabidas que sexan) de que a etimoloxía de Portugal, como antigo nome da actual cidade do Porto, ten as súas orixes no sintagma Portu Cale, xa abondo glosado, estudado e analizado polos máis prestixiosos filólogos de aquén e alén. Mais, antes diso, existiron outras etimoloxías para o topónimo en cuestión. Algunhas delas (imos traendo así a auga ao noso rego) permítennos conectar a cidade do Douro e, por extensión, a Galiza histórica co corpus de narracións históricas e / ou mitolóxicas que se foi elaborando ao longo dos séculos no espazo atlántico. Un lugar onde, parafrasando a Manuel Gago, todos somos conscientes de que as nosas orixes están noutro lugar, de que os nosos devanceiros viñeron de fóra. Como, por exemplo, neste caso, de Gales ou de Grecia. 

1. OS GALESES EXILADOS

A Primera Cronica General de Espanna foi un proxecto historiográfico promovido por Afonso IX o Sabio (1221-1284) co intuito de relatar a historia da Península Ibérica desde os primordios do mundo até á época en que a obra foi confeccionada. Nesa obra enciclopédica, que posteriormente viría a coñecer unha versión en galego, deparamos cunha curiosa etimoloxía para Portugal:

[...] e los otros que llamaron galaicos poblaron Galizia, que antiguamente solie seer desde el agua de Cea fasta el puerto de Gaia. Despues uinieron galeses por mar, que eran echados de su tierra, e arribaron a un lugar que agora llaman Puerto e poblaron una gran partida de Galizia que era yerma entre los dos rios que llaman Duero e Minno, e pusieronle nombre [de] Portugal.

Conforme a este breve relato, Portugal e o seu alfoz terían sido, en orixe, un antigo "porto dos galeses", e a tal feito ficaría a deber o seu nome. Este fragmento sempre me resultou interesante por dous motivos bastante obvios. Por un lado, porque transmite unha lembranza moi vívida da Gallaecia extensa (identificada no texto como Galizia), do Douro á beira cantábrica, desde Fisterra ás marxes do río Cea. Mais tamén porque tal etimoloxía (que, escuso dicer, non resiste o exame da máis elemental metodoloxía onomástica) parece apoiarse na memoria do intenso tráfico poboacional e cultural que, cos seus picos e os seus vales, caracterizara noutrora o espazo atlántico, e que probabelmente outorgaba a esta narración unha maior verosimilitude. De feito, o pormenor de se trataren de "galeses exilados", literalmente "echados de su tierra", non pode menos que traernos á cabeza o caso máis popular e difundido entre nosoutros: os asentamentos bretóns no norte de Galiza e occidente de Asturias, que tradicionalmente se viñeran explicando como consecuencia da presión exercida polos invasores anglos e saxóns na illa de Britania e o subseguinte éxodo de boa parte da súa poboación nativa cara á Armórica e a Gallaecia. É posíbel, por tanto, que este tipo de etimoloxías non sempre fosen simples castelos no ar alicerzados en homonimias máis ou menos afortunadas e intuitivas, senón que en ocasións tamén se nutrisen de tradicións ou consensos narrativos propios da época en que foron postas por escrito.

2. GATELO

A segunda etimoloxía lévanos lonxe, nomeadamente á Escocia, que ultimamente voltou a gañar certa notoriedade (e ben que me alegro) no ambiente cultural galego grazas a libros coma este. Visitamos concretamente a Hector Boece (1465-1536), filósofo e historiador de cuxa pluma saíu a Historia Gentis Scotorum, que podedes ler aquí. Nela, ao igual que nas obras da mesma temática que a precederon e lle serviron como fonte, aparece un vello e moi aprezado coñecido noso (ben como dos anticuarios galegos dos séculos XVI e XVII): o príncipe Goídel Glas ou Gatelo, na altura xa plenamente consolidado como devanceiro mítico por excelencia dos escoceses. Boece narra a viaxe deste personaxe e da súa muller, a exipcia Scota, desde os confíns orientais do Mediterráneo até ao extremo noroccidental da Península Ibérica, e como Gatelo viría a se converter no heroe epónimo de Portugal:

Após longa e penosa viaxe ao longo do mar Mediterráneo, chegou el ao país de Numidia, cuxos habitantes lle impediron tomar terra. Tras isto, izou velas e, após unha longa e traballosa viaxe, chegou á parte de Hispania que daquela chamaban Lusitania, a cal, por causa de el ter chegado alí, foi chamada "Portugal", quer dicer, "o porto de Gatelo". Quen pode afirmar con certeza un asunto de tal antigüidade?

A cidade de Portugal sería, por tanto, unha das moitas fundacións levadas a cabo por Gatelo no Noroeste ibérico, entre elas as cidades de Braga e, por suposto, a propia Brigantia. De feito, e se me permitirdes a digresión, non me resisto a partillar convosco o resto deste capítulo, xa que nel faise referencia explícita a Galiza, que, curiosamente, entra no relato como escenario dunha especie de programa de realoxamento de migrantes. E é que, tras vencer os desconfiados habitantes nativos nunha batalla, o príncipe grego chega a un acordo con eles. Mais, como bos galegos que os autóctonos eran, tras o acordo chegou o trasacordo. Así nolo conta Boece:

Após esta vitoria, os nativos fixeron un tratado de paz con Gatelo, e asignáronlle certas terras nas cales el debería asentarse de alí en diante. Pouco tempo despois, el fundou unha cidade á beira do Miño, a cal foi chamada daquela Brachara, mais agora recebe o nome de Braga. Non obstante, os nativos, receando que estas novas xentes de liñaxe estranxeira viñesen a ultrapasalos en riqueza e poder, arrepentíronse do trato feito; e, por tanto, coa axuda dos seus veciños, presentáronlle batalla a Gatelo [...] Mais os nativos, vendo aqueles estranxeiros chegaren á batalla con tal coraxe e espírito mesmo estando en terra allea, temeron que, no caso de perderen a dita batalla, acabasen reducidos a perpetua servidume, polo que lle pediron a Gatelo parlamentar. Nese parlamento concedéronlle eles certas terras terras na parte setentrional de Hispania, hoxe chamada Galiza; porque eles tiñan unha profecía segundo a cal unhas xentes estranxeiras habían de vir algún día a habitar naquela rexión. E encoraxaron a Gatelo a pasar coa súa xente a aquela rexión, o cal lle sería permitido sen empezo ningún pola súa parte, e prometeron que, se a algún pobo se lle ocorría atacalo, eles acudirían na súa axuda.

resto é sabido: Galiza converteuse no recanto onde Gatelo e mais Scota encontraron asento definitivo (non sen teren que lidar con certas hostilidades locais), e desde onde os seus descendentes, xa identificados como escotos (aínda que mellor sería chamalos de galigrecos, sen dúbida...) iniciaron o capítulo final desta epopea fundacional coa creación dunha especie de talasocracia que integrou Galiza, Irlanda e a Gran Bretaña. Mais en todo isto, se vos parece, xa afondaremos noutra ocasión. 

Chegada de Gatelo e Scota a Portugal na banda deseñada Gargoyles (Robby Bevard & Greg Guler, 2008)


.


Sem comentários:

Enviar um comentário