Resulta difícil non sentir atracción por un lugar tan peculiar como a Illa de Man (Ellan Vannin, na revivida lingua local, o manx). Situada no medio do Mar de Irlanda, cun estatuto xurídico que a sitúa ao mesmo tempo dentro e fóra do Reino Unido, cun idioma propio de vibrante raigame gaélica agochada tras unha ortografía anglo-galesa, cunha herdanza cultural e política que a conecta en primeirísima man co tempo das invasións nórdicas, cuns grupos de música tradicional que encontraron inesperadas afinidades co folk galego... En fin, moito se podería contar da Illa de Man, mais hoxe imos conformarnos cun par de historias que teñen como protagonistas a unha vella e ao mesmísimo San Patricio, e que, contra todo prognóstico (ou se cadra non), encontran ledos e doados paralelismos no folclore da nosa terra. E aproveito para vos recomendar que, se queredes coñecer máis sobre as historias tradicionais desta excéntrica illa, non deixedes de lle botar unha ollada a Contos da Illa de Man, de Sophia Morrison, recentemente traducida para galego por Milagros Torrado Cespón, perfecta coñecedora daquelas terras.
Galiza e a Europa Atlántica: #historia, #folclore, #música, #lingua... Materiais para un imaxinario común.
sexta-feira, 14 de novembro de 2025
quarta-feira, 5 de novembro de 2025
ROLDÁN E RHIANNON
![]() |
| Rhiannon / Ilustración de Alan Lee |
Rhiannon é, sen dúbida, unha das personaxes máis emblemáticas dos Mabinogi e, por tanto, do folclore galés (e céltico, en xeral). A pesar diso, ou talvez precisamente como consecuencia diso, a súa figura foi obxecto de numerosas interpretacións. E algunhas delas, de feito, parecen conectala con lendas de noso.
sábado, 1 de novembro de 2025
CANDO A VELLA SE ENFURECE
![]() |
| Ilustración da banda deseñada Mezolith (Ben Haggarty e Adam Brockbank, 2010) |
No folclore gaélico, a Cailleach (o equivalente da nosa Vella ou Moura) é, entre outras moitas cousas, unha potencia creadora que configura o relevo e a paisaxe. E imos comprobar como até as situacións máis cotiás e domésticas poden ser un magnífico pretexto para exhibir esa faceta cosmogónica.
sexta-feira, 31 de outubro de 2025
"O MES DE SANTOS NOS POBOS CELTAS": UN TEXTO DE OTERO PEDRAYO
Abrímoslle a porta a novembro, ese "bendito mes que comeza con Santos e termina con San Andrés" (como ben reza o ditado popular), e canda el entra, coma unha enxurrada gris e dourada, o tempo dos defuntos. Lonxe de querer entrar en polémicas xa resesas sobre Samhain, Samaín, Halloween, cabazas e demais tópicos que puntualmente (e para xúbilo dos máis belixerantes) ateigan as redes nestas datas, hoxe gustaríame tan só partillar convosco algúns excertos particularmente potentes dun fermoso artigo que Otero Pedrayo publicou na revista Nós (nº 36, 15/12/1926) baixo o título "O mes de Santos nos pobos celtas". Nel, o patriarca de Trasalba mergulla no riquísimo corpus de tradicións relativas á morte, aos defuntos e aos entes sobrenaturais que se documentan (e, en non poucos casos, aínda se ven e se practican) nos territorios desa Celtia bicada polas ondas do Atlántico. Imos ver que nos conta (e, se vos parece, con esta marabilla como banda sonora para a lectura):
A raza saudosa dos Fisterres atrántecos adica un mesiño inteiro â lembranza dos difuntos. O tempo do murchar das follas, do erguerse xigante da voce do mar, tudo un mundo d'almas volve á terra nai como unha néboa pecha d'espritos.
sexta-feira, 26 de setembro de 2025
DE CÍNIFES E GUERREIROS NA LAGOA DE ANTELA
De todos é sabido que o Rei Artús, soberano dos bretóns e dono do mundo, xace entre as néboas de Ávalon, a Illa das Mazás (Afallach) onde agarda, como o cabaleiro que dorme no corazón do noso Pico Sacro, o momento certo para voltar e reclamar os seus dominios. Velaí a xénese do spoir breton. Mais son moitos menos os que saben que os seus leais e famosos cabaleiros acabaron encantados ben perto de nosoutros, nas augas do que noutrora foi a lagoa de Antela. E é que...
quarta-feira, 10 de setembro de 2025
OS FILLOS DE MARIÑA
Se falamos de mulleres mariñas e sagas familiares haberá que comezar (como non!) pola nosa lenda dos Mariños. Sobradamente coñecida e analizada, ben sei, mais o propósito deste artigo obrígame a contárvola máis unha vez, aínda que sexa de maneira sintética.
sábado, 19 de fevereiro de 2022
DE MUNSTER Á CORUÑA (II): ALGO SOBRE OS O'SULLIVAN DE BEARE
Había ben tempo que queriamos falar do clan O'Sullivan Beare (ou Ó Suíleabháin Bhéara, en bon gaélico) e das súas conexións coa nosa terra, que, como suporedes, van obrigarnos a recuar até aqueles convulsos anos iniciais do século XVII. Nesa viaxe habemos facer varias paraxes, e aínda seremos tan ingratos que puniremos a vosa atención con digresións a esgalla. Desculpádenos, mais é que nós aprendemos a contar historias con Cunqueiro e Fole e, portanto, non coñecemos outro xeito de facelo...
sábado, 24 de julho de 2021
UN APÓSTOLO EN LOCQUIREC
![]() |
| Efixie do Apóstolo Santiago na igrexa de Lokireg / Fonte: lokireg.bzh |
Locquirec (ou Lokireg, en bretón) é unha vila de fonda tradición mariñeira situada na costa setentrional da Bretaña, nomeadamente no País de Trégor. O nome desta localidade apresenta unha estrutura que resultará transparente para calquer persoa minimamente familiarizada coa toponimia da Bretaña armoricana, e que nos dá moito xeito para introducir a nosa parrafada de hoxe. E é que Lokireg significa, palabra por palabra, 'o lugar [no sentido de 'mosteiro, igrexa, sé, fundación'] de San Guirec', do mesmo xeito que, por exemplo, Locronan (ou Lokorn en bretón) vén sendo 'a igrexa de San Ronan' ou Locqueltas (que é Lokeltaz en bretón) pode ser traducido como 'o mosteiro de San Gildas'. En fin, son todos eles topónimos que nos remeten para a mesma circunstancia: fundacións eclesiásticas impulsionadas e xeridas entre os séculos V e VI da nosa era por misionarios cristiáns (plenamente históricos nuns casos, máis ben semi-lendarios noutros) chegados á Armórica desde a Bretaña insular ou inclusive desde a Irlanda. E San Guirec encaixa de cheo nese perfil.
sexta-feira, 14 de maio de 2021
A TROITA (DE) ANA
Temos un fraquiño polas pequenas historias. En parte ben sabemos o porqué. Sentimos, por un lado, devoción polo imperfecto, e nesas historias costuma haber algo de fragmentario, a sensación de que sobreviven coma un retallo ou un parágrafo dun texto moito máis amplo e complexo que, se cadra, nunca chegaremos a coñecer (mais sempre poderemos imaxinar). Por outra banda, esas historias conteñen un recendo doméstico, de cotidianidade mesmo. E palpitan, por veces agochadas mais sempre recoñecíbeis, como un músculo máis dese todo orgánico que é o día a día das persoas que as contan, que as lembran e que, cedo ou tarde, as esquecen (aínda que ás veces hai sorte e simplesmente as transforman).
sexta-feira, 6 de novembro de 2020
"OS DO PÁXARO" E A CAZA AO REI CHARLO
![]() |
| Ilustración de Denis Conroy |
Vilanova de Lourenzá (ou simplemente Vilanova, como a coñecen os indíxenas) é unha localidade do corazón da Mariña lucense coñecida basicamente polas súas fabas e polo seu mosteiro, unha edificación cuxo perfil domina tanto a pequena vila coma o vizoso val en que esta se encontra situada. Porén, non moita xente sabe que os habitantes de Vilanova son popularmente coñecidos como "os do páxaro" (sobre todo, como a ninguén sorprenderá, por parte dos seus veciños de Mondoñedo), unha denominación que a piques estivo de se ver reflectida no proprio brasón municipal, que finalmente se decantou polos aburridos e sobreexplotados motivos xacobeos.
-
U n santo, unha barca de pedra, un carro de bois, un sepulcro no medio do monte, un santuario que atrae milleiros de romeiros... Con estas p...
-
Ilustración d' A Torre dos Mouros (Manel Cráneo, 2011) S e nestas inminentes ferias de Nadal vos dá por viaxar a Portugal e vos cadra ...
-
F ozando aí atrás nas imaxes gardadas no meu vello e obsoleto móbil, deparei coa que encabeza este artigo: un excerto dun artigo da impren...








