sábado, 24 de julho de 2021

UN APÓSTOLO EN LOCQUIREC

 

Efixie do Apóstolo Santiago na igrexa de Lokireg / Fonte: lokireg.bzh

Locquirec (ou Lokireg, en bretón) é unha vila de fonda tradición mariñeira situada na costa setentrional da Bretaña, nomeadamente no País de Trégor. O nome desta localidade apresenta unha estrutura que resultará transparente para calquer persoa minimamente familiarizada coa toponimia da Bretaña armoricana, e que nos dá moito xeito para introducir a nosa parrafada de hoxe. E é que Lokireg significa, palabra por palabra, 'o lugar [no sentido de 'mosteiro, igrexa, sé, fundación'] de San Guirec', do mesmo xeito que, por exemplo, Locronan (ou Lokorn en bretón) vén sendo 'a igrexa de San Ronan' ou Locqueltas (que é Lokeltaz en bretón) pode ser traducido como 'o mosteiro de San Gildas'. En fin, son todos eles topónimos que nos remeten para a mesma circunstancia: fundacións eclesiásticas impulsionadas e xeridas entre os séculos V e VI da nosa era por misionarios cristiáns (plenamente históricos nuns casos, máis ben semi-lendarios noutros) chegados á Armórica desde a Bretaña insular ou inclusive desde a Irlanda. E San Guirec encaixa de cheo nese perfil

Ao que parece, Guirec foi un frade nascido no séc. VI na Bretaña insular. Ao igual ca outros monxes, dirixiuse á Armórica para levar a cabo o seu labor de evanxelización. Mais un santo celto-atlántico non realiza estas singraduras de calquer xeito, e Guirec, xaora, non ía ser unha excepción: conforme á tradición oral, o noso misionario atravesou o mar a bordo dunha artesa de pedra puxada por anxos, e arribou á praia que aínda hoxe leva o seu nome, ao pé da actual vila de Ploumanac'h. Un areal no cal, de facto, aínda hoxe existe entre os cons da ribeira un vello oratorio dedicado ao santo que fica practicamente mergullado nas augas coa preamar, dando lugar a unha das imaxes máis fermosas, suxestivas e fotografadas da paisaxe bretoa. 

Oratorio de San Guirec / Fonte: Wikipedia
 

Pois ben, Guirec fundou o seu mosteiro no lugar ao cal acabaría por dar nome: Locquirec. E, como é de xustiza, acabou por se tornar tamén no santo padroeiro desa freguesía. Mais, desde hai xa algúns séculos (non se sabe ben cantos, todo hai que dicelo), o santo a quen os fregueses se encomendan de corpo e alma non é o vello misionario bretón, discípulo de San Tugdual e advogado das mulleres que queren arranxar marido, senón outro moito máis canónico e ortodoxo: o Apóstolo Santiago. De facto, a igrexa de Santiago de Locquirec constitúe un dos "pontos zero" da peregrinación xacobea na Bretaña. E, aínda, tal día coma hoxe, 25 de xullo, decorre en Locquirec a celebración máis asinalada do seu calendario festivo anual: o gran pardon (quer dicer, "romaría") dedicada ao Fillo do Trebón. A parafernalia do evento resultaranos moi familiar, e nalgúns dos seus pontos até nos pode relembrar algunha das nosas celebracións mariñeiras dedicadas á Virxe do Carme: misa, grandes pendóns ao vento, unha procisión encabezada por dous nenos que representan Santiago e San Guirec, grandes e elaborados exvotos con forma de barco... Estes dous últimos pormenores non son de maneira nengunha casuais: para os bretóns Santiago é, sobretodo, protector de maruxos e navegantes, mais tamén dos cativos e da infancia en xeral.  

 



O "pardon" de Santiago de Locquirec / Fonte: Le Télégramme

Ora ben, o que aconteceu para que o Apóstolo Santiago viñese a relegar desa maneira o culto ao coitado do San Guirec? Cómpre indicar que estas trocas de oragos non son así tan excepcionais. Mais o interesante é cando eses procesos históricos, cuxas motivacións nen sempre fican claras (e veremos que tal é o caso do que nos ocupa), son explicados e codificados no imaxinario popular mediante lendas ad hoc que, coa súa simples existencia, xa nos falan ás claras do impacto que esa substitución terá tido para a cultura e a mentalidade locais. Así, no século XIX, o poeta e antropólogo bretón Anatole Le Braz recolleu un relato moi interesante que Castelao, algunhas décadas máis tarde, ficou a coñecer mentres percorría os adros da Fisterra armoricana á procura de cruceiros e calvarios. Foi grazas a iso que hoxe contamos cunha tradución dese relato para galego, realizada polo proprio artista rianxeiro e incluída no seu marabilloso As cruces de pedra na Bretaña. Velaquí o texto, moi sinxelo mais recheado de detalles tremendamente significativos:

Un día, ou cecáis unha noite, os mariñeiros de Locquirec ollaron unha barca estrana, que tiña unha forma de artesa e que camiñaba envolta nunha nube luminosa. Viña cara á ribeira, contra vento e marea, sen velas, sen homes, sen timón. Cando arribou, achegáronse as xentes e viron deitado no fondo da barca o corpo dun monxe vestido cun traxe de pelegrino. Os mariñeiros que tiñan viaxado fóra recoñeceron a Sant-Iago, e dixeron: "É Sant-Iago de España ou de Turquía. Vén para facer milagres na nosa freguesía. Recibámolo con respeito, xa que o noso Kirek vai indo moi vello".

É interesante que sexan os mariñeiros (gremio moi ligado a Santiago, como xa dixemos) os que aparezan neste texto pouco menos que coma introdutores e intérpretes do novo culto xacobeu. Tamén a naturalidade e mesmo certa tenrura con que resolven deixar nun segundo plano o vello San Guirec, canso e esgotado, para lle outorgaren unha posición de destaque ao santo recén chegado, máis poderoso e milagreiro. A fin de ciclo non parece resultar excesivamente traumática. De facto, non parece casual que a chegada de Santiago ás costas bretoas se evoque dunha maneira ben similar á da chegada de San Guirec na súa artesa ou arca de pedra. No fin das contas, o relato da translatio do corpo de Santiago non deixa de pertencer a ese corpus mítico-relixioso tipicamente atlántico de santos que navegan en embarcacións pétreas. Dalgún xeito, todo fica na casa, na familia.

Mais a lenda vese aínda complementada e ampliada por outras tradicións locais, que lle dan ao relato unha dimensión máis física e palpábel e que, de algún xeito, confirman a súa veracidade ao tempo que lexitiman o novo culto. Por exemplo, dise que o corpo santo do Apóstolo se conservou en Locquirec. Non se sabe moi ben onde, mais posibelmente nun relicario ou osario situado ao pé da igrexa parroquial e no cal eran soterrados os nenos mortos ao pouco de naceren, que deste xeito ficarían sob a protección do Zebedeu no seu tránsito cara ao Outro Mundo. Como é posíbel que o corpo de Santiago se encontrase á vez en Compostela e en Locquirec? Iso máis non é do que unha pequena contradición que pouco ou nada significa para as lóxicas pre-racionalistas que xeraron estes relatos. O que si é certo é que na igrexa de Locquirec se conservan, como fabulosa reliquia, unha pinga do sangue do Apóstolo. E as reliquias sónchevos cousa moi seria. Como curiosidade, non moi lonxe de Locquirec áchase Saint-Jean-du-Doigt (en romanzo noso, "San Xoán do Dedo"), que pasou a ser denominado dese xeito no século XV a raíz da chegada á igrexa parroquial dunha alegada falanxe da man de San Xoán o Batista. Escusamos dicer que isto acarretou a queda en desgraza do santo local, San Meriadec... E por este carreiro imos chegando a aquela que coidamos ser a interpretación máis verosímil para o caso de Santiago Apóstolo e San Guirec.

Cápsula a conter unha pinga do sangue de Santiago / Fonte: saint-jacques.info

Porque, como xa suxeriron diversos autores (entre os cais o noso paisano Fernando Alonso Romero, no seu imprescindíbel Santos e barcos de pedra), a introdución de Santiago como novo orago tanto de Locquirec como doutras tantas vilas e localidades non foi un fenómeno popular e espontáneo (talvez a interpretación de que máis gostarían Castelao e os seus parceiros do Grupo Nós), senón que probabelmente deba ser entendida como unha intervención da ortodoxia relixiosa romana. Por outras palabras, mediante o culto apostólico a Igrexa oficial tentou minimizar a devoción aos santos locais, representantes do primitivo cristianismo céltico e cun arraigo popular inmenso que, en moitos casos (e por sorte), aínda conservan na Bretaña armoricana. O proprio Alonso Romero, na obra citada, explica estes episodios no cadro das coñecidas alianzas entre a monarquía galaico-asturiana e o imperio carolinxio, nunha altura (o século IX) en que a primeira se converte na auténtica artífice do mito xacobeu entanto que poderoso artefacto político e relixioso, mentres que o segundo se encontra envolvido nunha política de submetimento tamén político e relixioso da Bretaña armoricana. Porén, talvez non haxa que ir tan lonxe no tempo. É posíbel que o contexto histórico máis axeitado para entendermos o suceso do Apóstolo en Locquirec sexa o da Contrarreforma, un período no cal a Igrexa católica operou con especial intensidade e obsesión á hora de manter atados e ben atados os cabos doutrinais, normativos e litúrxicos e evitar deste xeito calquer risco de desviación no seu rabaño. E a relixiosidade popular, ás veces, era vista neses termos. Na Bretaña foi ben coñecida a acción evanxelizadora de Michel Le Nobletz (que Méndez Ferrín, na súa obra Bretaña, Esmeraldina, representa como un fanático católico empeñado en erradicar a relixiosidade tradicial bretoa). E cómpre non esquecer a presenza dos exércitos da monarquía hispánica dos Habsburgo na Bretaña, intervindo nas guerras de relixión que decorren naquel país nos finais do século XVI, e que se callar algo tiveron a ver co caso que nos ocupa (mais recoñecemos que agora estamos a lucubrar gratuitamente).

Sexa como for, hoxe Locquirec, ou Lokireg, celebrará o seu pardon anual, co Apóstolo Santiago como protagonista (e co vello San Guirec a par del), ao mesmo tempo que aquí, na Galiza, festexamos con ese mesmo pretexto o noso día nacional. Unha raíz de viaxes prodixiosas, barcos de pedra e mares longamente comúns latexa por baixo dese vínculo. A nós, con iso, énos abondo. E como non hai festa sen música, terminamos con esta versión de "Yan Derrien", un famoso gwerz sobre a peregrinación dun orfo bretón a Compostela que na Galiza popularizou o Carlos Núñez no seu disco Almas de Fisterra. Mas a versión que partillamos aquí (unha das moitas que existen sobre esta canción) é a do grande cantor bretón Yann Fañch Kemener, recentemente falecido.

 





 

 

 

Sem comentários:

Enviar um comentário