![]() |
| Brasón na fachada da "Casa da Señorita" / Fotografía: Beira Atlántica |
Se algún día paseardes polo centro de Outeiro de Rei (ben pertiño da cidade de Lugo), talvez reparedes na Casa Forte ou "Casa da Señorita", o pazo que se ergue coma unha besta ferida e melancólica ao pé da igrexa de San Xoán, só a uns centos de metros do antigo Camiño Real que hoxe chamamos Nacional VI. Malia o estado deplorábel en que se encontra o predio, aínda dá para admirarmos o brasón que coroa unha das súas portas principais, coas armas dos Aguiar, os Montenegro ou os Gaioso ben á vista. E pouco máis. O resto é cemento, táboas, andaimes e ruínas. O desleixo habitual. Mais o que poucos saben é que, dentro daquelas paredes noutrora soberbias, houbo irlandeses. E irlandeses de estirpe rexia, aliás.
