Mostrar mensagens com a etiqueta Xeraldo de Gales. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xeraldo de Gales. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 8 de outubro de 2026

VASCOS, IRLANDESES E PROPAGANDA

O rei Henrique II na Topographia Hibernica (ca. 1188)

O mito da procedencia ibérica dos antigos irlandeses funcionou en moitos momentos da historia coma un potente dispositivo ideolóxico que, entre outras cousas, soportou as diferentes reivindicacións de soberanía sobre Irlanda. Un caso engrazado, sen dúbida, ten a ver cos nosos amigos os vascos.

domingo, 9 de novembro de 2025

DE SANTOS E CIDADES ASOLAGADAS EN IRLANDA E GALIZA

O asolagamento da cidade de Duio / Ilustración de Fuco Pardo

Certa noite, unha muller chega co seu neno a unha vila e piden pousada. Os habitantes non só lles negan a debida hospitalidade, senón que se mostran especialmente hostís coa coitada señora e acaban por expulsala de mala maneira, a ela e mais ao fillo. Entón, o cativo maldí a vila e provoca tal terramoto que a sepulta de vez baixo as ondas do mar. Segundo outras versións, nai e fillo continúan o seu camiño, e cando o rapaz olla cara atrás, observa como as augas enguliran sen piedade a poboación que tan vilmente os desprezara e que con tanta cólera acababa de maldicir.

sexta-feira, 12 de fevereiro de 2021

A SEREA RESILIENTE: UNHA DE CIDADES ASOLAGADAS

Ilustración de P. J. Lynch na obra The haunted lake (2018)

 

Ben sabido é que un dos temas máis férteis e omnipresentes da mitoloxía galega (e un dos nosos preferidos, temos de recoñecer) é o das cidades solagadas, engolidas por lagos, lagoas ou polo mesmísimo mar embravecido nunha soa noite de tempestade. Un tema, ademais, que inzou especialmente por toda a beira atlántica europea, pois conéctanos co imaxinario de territorios como a Bretaña, Irlanda ou Gales. De todos os xeitos, atreveríamonos a dicer que o grau de conservación deste folclore no noso país é sensibelmente maior ao dos nosos viciños de alén Estaca de Bares. Polo menos en termos cuantitativos. De facto, por aí fóra fican bastante chocados cando lles mostramos mapas como o elaborado hai uns anos pola cooperativa MAOS, que recolle todos aqueles lugares da Galiza (e sónchevos varias ducias deles!) nos cales existe ou foi rexistada nalgún momento tradición oral relativa a cidades somerxidas. Se aínda non o coñecedes, podedes darlle unha vista de ollos aquí mesmo, pois vale moito a pena.

Sen entrarmos nas diversas interpretacións de que este tema foi obxecto (hainas para case todos os gostos, como suporedes), no caso galego existen, para alén das variantes observábeis entre os diferentes relatos, certos motivos que se repeten en moitos deles, até tornárense pouco menos que en tópicos recorrentes. O verniz cristián e moralizante que supón a intervención de Xesús Cristo ou dalgún dos seus santos como desencadeantes do cataclismo, cun intuito claramente punitivo, é un deles. Mais tamén os vestixios sonoros que costuman deixar esas malfadadas cidades na actualidade, como as badaladas dos seus sinos, o canto dos seus galos ou o bruar dos seus bois, que se deixan ouvir en datas tan asinaladas coma o San Xoán. E aquí, a estas sobrevivencias, é que queríamos chegar...