![]() |
| O rei Henrique II na Topographia Hibernica (ca. 1188) |
O mito da procedencia ibérica dos antigos irlandeses funcionou en moitos momentos da historia coma un potente dispositivo ideolóxico que, entre outras cousas, soportou as diferentes reivindicacións de soberanía sobre Irlanda. Un caso engrazado, sen dúbida, ten a ver cos nosos amigos os vascos.
Porque aínda que os galegos ficamos claramente coa patente e hoxe somos nós os que temos a Breogán por devanceiro mítico do país, durante moito tempo (e por diversos motivos, algúns máis prosaicos ca outros), os vascos foron os habitantes da cornixa cantábrica preferidos polos irlandeses á hora de identificaren os seus devanceiros remotos. É unha idea, aliás, que vén á tona de xeito cíclico. En épocas relativamente recentes, e a través dos estudos xenéticos (ou, séndomos máis estritos, de certa interpretación e até mistificación dos mesmos), non faltou quen recuperase a idea da ascendencia vasca dos actuais irlandeses. Mais o mito subxacente documéntase xa, no mínimo, desde a Baixa Idade Media. E as motivacións con que foi construído foron ben diferentes das que nun comezo poderiamos pensar.
Temos que recuar ao século XII, cando Geoffrey de Monmouth (1090-1155) compón a súa Historia Regum Britanniae, unha das fontes primordiais do que acabaría por ser a materia de Bretaña. Nesta obra, o bispo galés recolle unha curiosa historia relativa a Gurgunt, rei de Britania, quen, após esmagar con éxito unha revolta en Dinamarca, regresa ao seu país e...
... encontrou, ao pasar polas illa Orcadas, trinta naos cheas de homes e mulleres, e, cando preguntou polo motivo de teren chegado a aquel lugar, dirixiuse a el o caudillo daquela xente, chamado Partoloim, e, rendéndolle preitesía, pregoulle graza e paz. Dixo que fora expulso das terras de Hispania, e que vagaba por aqueles mares á procura dun lugar onde se estabelecer. Pedíalle, por tanto, unha pequena parte de Britania para poboala e non deambular por máis tempo a través do odioso mar, pois transcorrera xa un ano e medio desde que, desterrado da súa patria, sucaba o océano canda os seus compañeiros. Cando Gurgunt Barbtruc soubo que viñan de Hispania, que eran chamados Basclenses e cal era o obxecto da súa petición, enviou homes con eles á illa de Hibernia, que daquela estaba deserta, sen un só habitante, e concedéullela. Partoloim e a súa xente medraron e multiplicáronse alí, e nesa illa continúan hoxe os seus descendentes.
Como xa imaxineredes, eses "basclenses" (nos que o autor recicla habilmente unha das migracións míticas fundacionais de Irlanda, nomeadamente a de Parthalán) eran nin máis nin menos que os vascos, que deste xeito, e por decisión e concesión persoal do rei de Britania, se convertían nos primeiros poboadores de Irlanda. Pouco tempo máis tarde, Xeraldo de Gales (ca. 1146-ca. 1223), vello coñecido deste blogue, incluía o relato na súa Topographia Hibernica, mais acrecentándolle un pequeno epílogo no cal ficaba clara e patente a súa verdadeira intención ao rescatar a historia dos basclenses:
Por este motivo parece que os reis de Britania teñen dereito a reclamar Irlanda, aínda que sexa un dereito antigo. Lemos tamén que Artur, o famoso rei dos britóns, tiña os reis de Irlanda como tributarios, e que algúns deles viñeron á súa corte na gran cidade de Caerleon.
E aínda, por se fose pouco e para non deixar cabos soltos, engade que
[a] cidade de Baiona fica na fronteira de Gascuña e está baixo o mesmo goberno. É a capital de Basclonia, terra de onde proviñan os irlandeses. Hoxe en día, Gascuña e toda a Aquitania áchanse baixo o mesmo dominio que Gran Bretaña.
A mensaxe non pode ser máis clara, nin máis coherente co propósito da obra: se Irlanda fora poboada orixinalmente por xentes a quen a illa lles fora concedida por monarcas britanos, obviamente os seus descendentes (os irlandeses coetáneos dos autores) debían ser tamén vasalos dos reis de Inglaterra (Henrique II na altura), que se percibían a si mesmos como sucesores lexítimos daqueles antigos soberanos de Britania e que, por se fose pouco, había tempo que contaban tamén entre os seus vastos dominios co soar orixinario dos antigos irlandeses (Basclonia). A lóxica era esmagadora, abofé. E, certamente, axeitábase coma unha luva aos esforzos que os señores anglo-normandos estaban a realizar para someter Irlanda non só por vías militares e diplomáticas, senón tamén, como vemos, mediante outras estratexias, entre as cales se encontraba a reciclaxe e manipulación de mitos fundacionais ao servizo dunha verdadeira propaganda imperial (da cal a Topographia Hibernica é, sen dúbida, un produto especialmente aprimorado).
![]() |
| Posesións de Henrique II ("Imperio Anxevino") / Fonte: History Ireland |
Por tanto, e de maneira non pouco paradoxal, a orixe ibérica (e nomeadamente vascona) dos antigos irlandeses, que séculos máis tarde sería esgrimida en apoio das pretensións emancipatorias da poboación gaélica, vese aquí integrada nun discurso que visa lexitimar o sometemento desta aos novos señores foráneos. As voltas que dá a vida (e a historia!).


Sem comentários:
Enviar um comentário