Para a nosa viaxe de hoxe coido moi oportuno partirmos deste cadriño da célebre banda deseñada Astérix et le bouclier arverne (1968). Nel faise referencia, como vedes, á non menos célebre batalla de Alesia, que decorreu no ano 52 a.C. e que lle puxo un tráxico desfecho á revolta de Vercingétorix contra o poder romano. O cadriño, ademais, ironiza co feito de que, durante moito tempo, o emprazamento exacto de Alesia resultase incerto, motivo polo cal foron propostas tantas localizacións como autores se debruzaron sobre tal cuestión. Hoxe, no entanto, existe consenso en que se trata da actual Alise-Sainte-Reine (habemos voltar sobre isto, perdede coidado), na rexión da Borgoña.
Quer o simbolismo de Alesia quer o seu carácter en certa medida etéreo poderían conectala moi ben co noso mito homólogo, o do monte Medulio. Mais, lonxe de me querer enlear neste tema (máis que amortizado, sen dúbida), gustaríame falarvos da nosa Alesia galega. Porque unha Alesia, cando menos, debémola ter. E neste caso en concreto non resulta difícil atinar coa súa localización exacta, que debemos procurar nas terras da Ribeira Sacra, nomeadamente no que hoxe é Esgos. Como o sabemos? Pois, precisamente, grazas ao propio topónimo Esgos...
Explícome. Se acudirmos ás fontes escritas alto-medievais (particularmente abundantes e ben conservadas neste caso, grazas á proliferación de núcleos monásticos por toda esa área), non precisaremos de fozar moito nin moi fondo para depararmos con referencias a ese lugar. As máis antigas preséntannolo insistentemente baixo a mesma forma: Alesgos. A evolución fonética a partir deste rexistro respecta escrupulosamente as pautas máis elementais do galego-portugués: Alesgos > Aesgos > Eesgos > Esgos. Mais, por outra banda (e índomos ao que realmente nos interesa), o medieval Alesgos permítenos inferir aínda a forma antiga do topónimo, que debeu ser *ALÉSICOS, termo cuxa interpretación máis verosímil non parece ser outra que 'os [habitantes] de Alesia'.
![]() |
| Camiño Real en San Pedro de Rocas (co. Esgos) / Alejandro Sanmartín |
Claro que, como xente observadora e rigorosa que sodes, decerto que reparastes en que, chegados a este punto, son varias as hipóteses que se poden barallar. Por exemplo, para a Alesia da Galia tense proposto como orixe o celta *(p)ales- 'rocha, promontorio', aparentado, entre outras, coa voz actual falesia ('cantil') e coas nosas ubicuas palas (como Palas de Rei, sen irmos máis lonxe). Porén, tamén se ten falado do termo indoeuropeo *alisa, nome da árbore que hoxe denominamos en galego coas voces romances amieiro, ameneiro ou abeneiro (fronte ao castelán, que mantén o prelatino aliso), e que xerou numerosos hidrónimos por toda a Europa Occidental. De feito, un exemplo tan ilustrativo como (polo menos á simple vista) opaco deste tipo de nomes de lugar no ámbito galaico encontrámolo no que hoxe é o concello de Ribadeo. Paga a pena tomarmos por un momento o desvío que nos propón este topónimo, non credes?
Talvez teñades ouvido falar do diploma do Rei Silo, célebre pergameo no cal este monarca, en data tan temperá como o ano 775, doaba a uns frades de Trabada varias terras situadas entre os ríos Eo e Masma. Non obstante, non son estes dous os únicos cursos fluviais mencionados no texto, xa que nel tamén aparece o río Alesancia (sic). Trátase dunha formación totalmente canónica en termos lingüísticos: a terminación -antia é frecuentísima na nosa paleo-hidronimia, mentres que o lexema que a acolleu parece ser, cun altísimo grao de probabilidade, o devandito *alisa. Por outras palabras, e simplificándomos a cuestión, Alesancia / Alesantia podería ledamente traducirse como 'o río dos amieiros', unha designación tan prosaica e descritiva como certamente fermosa na súa sinxeleza.
![]() |
| Diploma do rei Silo / Fonte: Wikimedia Commons |
Pois ben, segundo o finado Juan José Moralejo (1941-2012), é posíbel identificar ese antigo río Alesantia co curso fluvial que hoxe recebe o nome de Río Grande, afluente do Eo na súa marxe esquerda. Mais o interesante é que, a pesar desta substitución toponímica, a vella forma Alesantia en absoluto desapareceu. Para lle seguirmos o rastro (como adoita acontecer en tantísimos casos similares) só temos que deitar a ollada por uns segundos sobre o nome do lugar polo que decorre o tal río: As Anzas. Si, tendes razón no que estades a pensar: Alesantia, en boa lóxica e aplicando estritamente as pautas da nosa fonética histórica, tería que ter dado na actualidade un topónimo *Asanza. Mais é aquí onde entran en xogo os imponderábeis da toponimia, ou, para sermos máis exactos, as maneiras en que os falantes tentamos regularizar a toponimia e tornala, na medida do posíbel, máis transparente e racional. E é que a sílaba inicial As- de *Asanza foi interpretada como un artigo feminino plural, mais, como a concordancia gramatical do resultante *As Anza renxía máis ca un piso de madeira vella, foille adicionado decontado un -s como marca de plural. Et voilá! Acabamos por chegar así ao actual As Anzas.
Xa aliviada a sede nas augas do vello rego de Alesantia, voltemos onda os nosos amigos os alésicos. Tendo en conta todo canto acabamos de dicir, é probábel que portasen tal nome por seren os habitantes da ribeira dun río noutrora denominado Alesia (en referencia á presenza característica de ameneiros nas súas ribeiras) e que se podería identificar con algún dos cursos fluviais que regan o territorio do actual concello de Esgos e/ou a súa contorna. Persoalmente, e coñecendo un pouco a nosa toponimia prelatina, paréceme a opción máis plausíbel a razoábel. E a que nos permite afirmar, embora sexa indirectamente, que nosoutros tamén tivemos unha Alesia...
De todos os xeitos, a toponimia non esgota as conexións entre a Alesia gaulesa e o noso país, senón que outros eidos como a mitoloxía e o folclore activan sinapses non menos interesantes. Por exemplo, sabemos que, conforme á auctoritas dos mitógrafos clásicos, Alesia foi fundación do mesmísimo Heracles (a quen parece ser que os celtas tiñan polo seu devanceiro mítico) cando regresaba de vencer o temíbel xigante tricéfalo Xerión nas inmediacións da actual Torre de Hércules. Ou, puxando agora o fío das haxiografías edificantes, lembremos o nome actual de Alesia, que non é outro que Alise-Sainte-Reine, por causa da santa cultuada nesa localidade, Sainte Reine (ou Santa Rexina; por outras palabras, santa e raíña). Segundo a tradición, Rexina, moza de virtude intachábel natural de Augustodunum (actual Autun), foi pretendida por un centurión de nome Olibrio. Mais a rapaza non só rexeitou as propostas do romano, senón que (para sorpresa de ninguén) tamén se recusou a abxurar da súa fe cristiá. O resto é tan predicíbel que case escuso contárvolo: Olibrio, enfurecido, ordena prendela e decapitala, e no punto exacto en que cae a cabeza da nova mártir abrolla deseguido unha fonte de auga milagreira, ou, se preferirdes, de augas santas. Como vedes, a historia reproduce unha estrutura recorrente neste tipo de relatos, e que no noso caso en concreto non pode deixar de nos lembrar a haxiografía de Santa Mariña de Augas Santas (ou o seu alter ego de Trentinán, de quen temos falado aquí). De feito, non deixa de ser curioso (aínda que tampouco extraordinario) que tamén o centurión responsábel polo martirio da nosa Mariña levase por nome Olibrio...




Sem comentários:
Enviar um comentário