quinta-feira, 16 de julho de 2026

BRANDOMIL: O CASTRO GRANDE E O MAINO RÍO

 

Ilustración de Vítor Rivas


Había ben anos que non iamos por Brandomil. Tantos, para que vos fagades unha idea, que aínda nin tiveramos ocasión de contemplar ao vivo as dúas estatuas de madeira (obra do Marcos Mariño a súa prodixiosa motoserra) dispostas ao pé da emblemática ponte que atravesa o río Xallas á altura desa localidade. Un guerreiro galaico e mais un lexionario romano recebéronnos á sombra dos bidueiros, único consolo dispoñíbel para aquela tarde de fogaxe inclemente. O guerreiro galaico non é outro có propio Brandomil, personaxe que só existiu nos versos de Eduardo Pondal e que repousa, tamén segundo a imaxinación do Bardo de Ponteceso, baixo as antas da non moi distante "arca antiga da Piosa".

Resulta de sobra coñecido o recurso pondaliano de reutilizar os topónimos do seu Bergantiños natal e das adxacentes terras de Céltigos e Nemancos para lles pór nomes aos seus personaxes: o guerreiro Brandomil pertence así á mesma estirpe literaria có escuro Brandoñas e o roxo Porcar, a etérea fada Morpeguite, a iracunda guerreira Maroñas ou o nobre bardo Gundar, por exemplo. Especial predilección sentía o poeta por aqueles topónimos terminados en -ar ou en -mil, tidos na altura por indiscutibelmente célticos, embora hoxe saibamos que a inmensa maioría deles deben ser explicados en relación co repertorio antroponímico traído polos xermanos. Mais... velaquí o primeiro plot twist deste artigo...

Efectivamente, Brandomil, atendendo á súa forma actual, encaixaría como unha luva naquilo que poderiamos esperar dun topónimo xermánico dos milleiros que inzan a xeografía galaica: por un lado, o lexema brand- (que observamos en Brandariz ou Brandufe, por exemplo), co significado de 'espada'; polo outro, a terminación -mil (a mesma de Samil, Toimil e centos de exemplos máis). En boa lóxica, todo apunta a que o que temos ante nós é unha antiga (UILLA) BRANDIMIRI, xenitivo dun antropónimo xermánico BRANDIMIRUS. A evolución BRANDIMIRI > Brandomil semella tan regular e carente de accidentes destacábeis que nin paga a pena deterse a comentala. Porén, aqueles que algunha vez traballamos e manchamos as mans cos topónimos sabemos ben que até o máis obvio e transparente deles pode non ser o que aparenta. E Brandomil parece tratarse dun deses "falsos amigos". Porque é posíbel que este topónimo xa existise (e xa fose moi antigo, de feito) bastante antes de que o primeiro suevo puxese un pé nas leiras da Gallaecia.

Recuemos algunhas décadas. Xa no seu estudo sobre as vías romanas da Gallaecia, Abelardo Moralejo Lasso postulara a identificación entre o lugar de Brandomil e o antigo Γλανδόµιρον (que podemos transcreber como Glandómiron), citado por Ptolomeu como nome dunha mansión situada na vía que conectaba Aquis Celenis (hoxe Caldas de Reis) con Brigantium. Asumamos que o insigne latinista estaba no certo, e que existe continuidade formal entre o topónimo antigo e mais o moderno, e continuemos.


Para sorpresa e estrañeza de ninguén, o topónimo en cuestión viuse sometido a unha variación formal importante á hora de ser plasmado graficamente, e por iso non admira que reapareza noutras fontes clásicas baixo variantes como Glandimiro ou Glandomarium, entre outras. E que significado podemos postular para esta peculiar formación toponímica? Pois ben, é bastante probábel (sendo este adxectivo o imprescindíbel disclaimer para calquer especulación sobre onomástica antiga) que poidamos interpretalo como un hidrotopónimo. Para xa, a localización desa mansión literalmente nas marxes dun curso fluvial (o Xallas, neste caso) parece favorecer tal vía (nunca mellor dito...) e desbrózanos o camiño cara a unha hipótese deste tipo. Mais aínda podemos fozar un chisco máis. A terminación do topónimo evócanos, cando menos en aparencia, outros ben coñecidos e recorrentemente citados como Mera, Mero, Mira, Meira, o antigo Mirobriga ou epítetos teonímicos como o galaico-lusitano Reumiraego (o deus de *Reumira, quer dicer, o deus do río *Mira). Todos eles, en última análise, parecen pertencer á húmida e fluvial proxenie dunha vella raíz indoeuropea *meiros, para a cal se reconstruíu o significado 'mol, suave, maino'. No tocante ao constituínte inicial, quer dicer, Gland-, parece suxerirnos unha vinculación con *glendos 'val, beira dun río', termo en principio céltico aínda que, conforme a algúns autores, posibelmente se incorporase ás linguas célticas como reliquia dun substrato preindoeuropeo previo. Sexa como for, familia non lle falta: velaí o córnico glan, o bretón medieval glann 'ribeira' ou vellos e sonoros topónimos do mundo britónico como Glannibanta, Amboglanna ou Camboglanna. E, por suposto, o glen do inglés, empréstito que recebeu das linguas gaélicas que o circundan. Importa notar que, non moi lonxe de Brandomil, temos o xa mencionado topónimo Brandoñas, talvez explicábel como resultado dun antigo *Glandonias, con evolución fonética análoga á que lle debemos supor ao topónimo responsábel deste longo latinorio onomástico...

En fin, recapitulando: *Glandómiron ("se é que ese é o seu verdadeiro nome", como se adoita dicer) significaría algo tan sinxelo, transparente e cotián como 'a ribeira do río Miro', sendo Miro o antigo nome local do río Xallas, que neste tramo da súa biografía discorre aínda con serenidade primaveral, lonxe aínda da violencia que o posuirá momentos antes da súa desembocadura no inmenso Atlántico.

De todos os xeitos, aquela mansión de nome indíxena desapareceu, esvaeceuse coma o fume após unha batalla. Símil bastante acaído, porque hoxe sabemos que foi destruída até en dúas ocasións nun breve lapso de tempo, e hai quen lle atribúa tal acción ás empoderadas tribos dos célticos que rodeaban a poboación. O folclore, como de costume, conta coa súa propia explicación para este feito, que nada ten que envexar en termos de coherencia ás mellores e máis documentadas explicacións científicas. E é que di a lenda que a vella vila de Brandomil foi engolida polas augas que xurdiron do Pozo de Limideiro (vestixio das operacións de extracción aurífera en época romana) cando este se desbordou. O tema de cidades alagadas por causa de pozos e fontes que se desbordan (a miúdo por descoido ou neglixencia de quen debía mirar por que tal cousa non sucedese) é certamente recorrente no folclore atlántico: velaí a emblemática cidade de Ys, na baía de Douarnenez, ou o pazo do rei Corc, en Irlanda, ou a mesma orixe do lago Neagh, tamén en Irlanda e do cal xa moito temos falado neste blogue, debido aos seus elocuentes (aínda que en absoluto sorprendentes) paralelismos co folclore galego. Brandomil, por tanto e en definitiva, pertence a esa xenealoxía mítica.

Vista cenital do Pozo de Limideiro (Brandomil, co. Zas) / Fonte: Turismo de Zas

O caso é que a lenda, non sabemos se de maneira propositada ou non, constitúe unha atinadísima metáfora, pois Brandomil xa ten sido definida como unha "vila afundida". Mais noutro sentido. Após funcionar e desenvolverse como un indiscutíbel centro neurálxico da vida e a cultura romanas na rexión, todo aquel esplendor que lle presupomos pareceu ser engolido pola terra. Claro que, como as correntes subterráneas, aquela memoria antiga abrolla de cando en vez. Ora ben, en Brandomil non fai falta fozar moito na terra. As reliquias dos tempos idos abrollan desde os espazos cotiáns nos cales ficaron felizmente integradas e, incluso, disimuladas. Ecos graníticos da vella mansión (en forma de aras, miliarios, columnas...), hoxe conservados e musealizados como cómpre, foron nun principio reutilizados dos xeitos máis diversos: encontrámolos como pías bautismais, embutidos nos muros das casas ou adaptados como prácticos asentos nos cales repousar o cansazo do día e botar catro contos co veciño. O habitual clinic galaico en cuestións de reciclaxe. Pois ben, de todos eses vestixios, interésanme particularmente dúas aras. Unha delas foi descuberta en 1864 e convenientemente reutilizada como lumieira da casa do seu descubridor, até que en 1909 foi levada a Compostela, onde hoxe se conserva (no Museo Catedralicio, máis en concreto). A outra ara emerxeu da terra bastante máis tarde, en 1954, e usábase como asento. Na imaxe podedes ver a primeira das mencionadas:

Ara votiva de Brandomil / Fonte: Fundación Brandomil

Ambas aras votivas están dedicadas ao mesmo deus, o ubicuo Coso, que en ambas as pezas, ademais, aparece seguido do mesmo epíteto teonímico, se ben en linguas diferentes: Maelobrigoe (con flexión galaico-lusitana) nun caso e Maelobrigo (con flexión latina) noutro. Por outras palabras, temos aquí senllas dedicatorias a un dos deuses máis populares do vello panteón galaico definido como divindade protectora dun castro cuxo nome podemos reconstruír como *Maelobris. Ben sabemos que o elemento -bris, relacionado co céltico -briga (cando non simple variante, flexiva ou local, deste lexema) pode traducirse como 'outeiro fortificado, castro' e identifícase sen dificultade nos moitos topónimos en -bre que se amorean, como galiñas ao abrigo da chuvia, en dúas zonas moi concretas do oeste do país. Mais a min o que me interesou desde o comezo foi o lexema, ese Maelo-, até porque a súa presenza nunha formación destas características é, se non estou enganado, inédito na toponimia galega (e xuraría que incluso peninsular).

Toponimia en -bre na Galiza actual / Fonte: Carlos Búa, 2023

Estando como estamos nunha área de presumíbel implantación lingüística céltica (aínda que non saibamos ben en que medida e con que alcance real), parece lóxico procurarmos a etimoloxía puxando ese fío. Nese sentido, coido que o Maelo- en cuestión pode facilmente relacionarse, por exemplo, cunha serie de antropónimos de notábel densidade na antiga área galaico-lusitana (e non só). Nomes como Mailo, Maeilo, Maelo e as súas variantes veñen ao noso encontro, e, de feito, o nome do noso bispo britoniense favorito, Maeloc ou Maelog (lembrade que falamos sobre el aquí), talvez poida arrombarse na mesma gaveta onomástica. Unha posibilidade é que todos estes ítens entronquen co céltico *maglo, co significado de 'nobre, xefe, principal'. Por tanto, se lermos o noso Maelobris baixo esta luz, poderiamos pensar que o topónimo non significaba outra cousa que 'o castro grande' ou 'o castro principal' (en relación a outros da contorna máis ou menos inmediata), equivalente indíxena de nomes romances tan corriqueiros na nosa xeografía actual como Castrogrande, Castromaior e similares. Continuando co razoamento, Maelobris podería tratarse, en definitiva, do nome autóctono (céltico se queredes, ou galaico-lusitano se tendes máis cautelas ao respecto) do antigo castro de Brandomil, ao pé da extinta mansión romana.

Vista aérea do castro de Brandomil / Fonte: Luís do Freixo (Wikiloc)



Sem comentários:

Enviar um comentário