sábado, 24 de julho de 2021

UN APÓSTOLO EN LOCQUIREC

 

Efixie do Apóstolo Santiago na igrexa de Lokireg / Fonte: lokireg.bzh

Locquirec (ou Lokireg, en bretón) é unha vila de fonda tradición mariñeira situada na costa setentrional da Bretaña, nomeadamente no País de Trégor. O nome desta localidade apresenta unha estrutura que resultará transparente para calquer persoa minimamente familiarizada coa toponimia da Bretaña armoricana, e que nos dá moito xeito para introducir a nosa parrafada de hoxe. E é que Lokireg significa, palabra por palabra, 'o lugar [no sentido de 'mosteiro, igrexa, sé, fundación'] de San Guirec', do mesmo xeito que, por exemplo, Locronan (ou Lokorn en bretón) vén sendo 'a igrexa de San Ronan' ou Locqueltas (que é Lokeltaz en bretón) pode ser traducido como 'o mosteiro de San Gildas'. En fin, son todos eles topónimos que nos remeten para a mesma circunstancia: fundacións eclesiásticas impulsionadas e xeridas entre os séculos V e VI da nosa era por misionarios cristiáns (plenamente históricos nuns casos, máis ben semi-lendarios noutros) chegados á Armórica desde a Bretaña insular ou inclusive desde a Irlanda. E San Guirec encaixa de cheo nese perfil