![]() |
| Ilustración de Vítor Rivas |
Galiza e a Europa Atlántica: #historia, #folclore, #música, #lingua... Materiais para un imaxinario común.
![]() |
| Ilustración de Vítor Rivas |
Un santo, unha barca de pedra, un carro de bois, un sepulcro no medio do monte, un santuario que atrae milleiros de romeiros... Con estas premisas, calquera pensaría que me estou a referir ao Apóstolo Santiago e ao culto xacobeo. Mais, como xa suporedes, trátase dunha desas trampas que tanto nos prestan neste blogue. Non, non é do Fillo do Trebón de quen vos vou falar hoxe, senón do seu (digámolo así, coa típica exaxeración céltica) doppelganger bretón: San Ronan de Locronan (ou Lokorn, en bo bretón), talvez o santo máis venerado polos nosos curmáns armoricanos, con permiso (só faltaba!) doutros tantos e tantas que inzan a relixiosidade popular daqueloutra fisterra. Boa proba diso é que, cada seis anos, aínda na actualidade, milleiros de bretóns (vivos e mortos, desta parroquia e mais da outra) participan na Grande Troménie ou, por outras palabras, o "gran perdón" ou peregrinación de Lokorn, para honraren o seu padroeiro como cómpre. Como curiosidade literaria que nunca sobra, de Lokorn era a moi aristocrática dama a quen José María Castroviejo converteu na súa particular fornecedora de historias en El pálido visitante (1964).
Abrímoslle a porta a novembro, ese "bendito mes que comeza con Santos e termina con San Andrés" (como ben reza o ditado popular), e canda el entra, coma unha enxurrada gris e dourada, o tempo dos defuntos. Lonxe de querer entrar en polémicas xa resesas sobre Samhain, Samaín, Halloween, cabazas e demais tópicos que puntualmente (e para xúbilo dos máis belixerantes) ateigan as redes nestas datas, hoxe gustaríame tan só partillar convosco algúns excertos particularmente potentes dun fermoso artigo que Otero Pedrayo publicou na revista Nós (nº 36, 15/12/1926) baixo o título "O mes de Santos nos pobos celtas". Nel, o patriarca de Trasalba mergulla no riquísimo corpus de tradicións relativas á morte, aos defuntos e aos entes sobrenaturais que se documentan (e, en non poucos casos, aínda se ven e se practican) nos territorios desa Celtia bicada polas ondas do Atlántico. Imos ver que nos conta (e, se vos parece, con esta marabilla como banda sonora para a lectura):
A raza saudosa dos Fisterres atrántecos adica un mesiño inteiro â lembranza dos difuntos. O tempo do murchar das follas, do erguerse xigante da voce do mar, tudo un mundo d'almas volve á terra nai como unha néboa pecha d'espritos.
Se o sochantre de Cunqueiro e a súa cadavérica comitiva se tivesen levemente desviado do seu traxecto, afastándose só unhas poucas leguas das vizosas ribeiras do río Blavet, non habían demorar moito a chegar ao lugar de Pluveleg (Plumelec, en francés). E, se é certo que Cunqueiro se inspirou nos seus nativos eidos britonienses para imaxinar un país bretón que non visitaría até dez anos máis tarde da publicación d'As crónicas do sochantre, en Pluveleg nin sequera tería que forzar moito a maquinaria da súa prodixiosa imaxinación. Por que digo isto? Porque o tal topónimo procede e fai referencia a un nome que, por forza, centos de veces tería resoado nos seus ávidos ouvidos de fabulador: Pluveleg significa, palabra por palabra, "a freguesía de Maelog".
1. O CURRACH DA MISARELA
Na súa visita ao eremitorio da Misarela, no actual concello da Pobra do
Caramiñal, o Padre Sarmiento (1695-1772) describiu deste xeito tan expresivo aquel lugar
afundido entre os barrancos da Serra da Barbanza:
San Juan de la Misarela es uno de los sitios más lóbregos, solos, escarpados y estrechos que se puede imaginar para ermitaños. Ha sido monasterio de benedictinos. Después se dio a franciscanos, pero no pudiendo subsistir allí, se fueron a fundar a la Puebla del Deán.
De todos é sabido que o Rei Artús, soberano dos bretóns e dono do mundo, xace entre as néboas de Ávalon, a Illa das Mazás (Afallach) onde agarda, como o cabaleiro que dorme no corazón do noso Pico Sacro, o momento certo para voltar e reclamar os seus dominios. Velaí a xénese do spoir breton. Mais son moitos menos os que saben que os seus leais e famosos cabaleiros acabaron encantados ben perto de nosoutros, nas augas do que noutrora foi a lagoa de Antela. E é que...
En 1904 apareceu nalgúns xornais galegos unha curiosa noticia: un escueto texto dunhas poucas liñas que informaba da inminente celebración dun congreso pancéltico na moi emblemática cidade de Caernarfon, no País de Gales. Tratábase, en efecto, do segundo congreso destas características, que tomaba o testemuño do organizado tres anos antes en Baile Atha Cliath / Dublín (Irlanda) baixo o auspicio da Celtic Association. En torno destes eventos, e ao abrigo do auténtico rexurdimento que as nacionalidades europeas estaban a experimentar nestes anos, comezaba a se artellar unha rede de relacións culturais e políticas, unha sorte de "Celtosfera", como veu a ser denominada nalgúns ámbitos.
![]() |
| Efixie do Apóstolo Santiago na igrexa de Lokireg / Fonte: lokireg.bzh |
Locquirec (ou Lokireg, en bretón) é unha vila de fonda tradición mariñeira situada na costa setentrional da Bretaña, nomeadamente no País de Trégor. O nome desta localidade apresenta unha estrutura que resultará transparente para calquer persoa minimamente familiarizada coa toponimia da Bretaña armoricana, e que nos dá moito xeito para introducir a nosa parrafada de hoxe. E é que Lokireg significa, palabra por palabra, 'o lugar [no sentido de 'mosteiro, igrexa, sé, fundación'] de San Guirec', do mesmo xeito que, por exemplo, Locronan (ou Lokorn en bretón) vén sendo 'a igrexa de San Ronan' ou Locqueltas (que é Lokeltaz en bretón) pode ser traducido como 'o mosteiro de San Gildas'. En fin, son todos eles topónimos que nos remeten para a mesma circunstancia: fundacións eclesiásticas impulsionadas e xeridas entre os séculos V e VI da nosa era por misionarios cristiáns (plenamente históricos nuns casos, máis ben semi-lendarios noutros) chegados á Armórica desde a Bretaña insular ou inclusive desde a Irlanda. E San Guirec encaixa de cheo nese perfil.
Temos un fraquiño polas pequenas historias. En parte ben sabemos o porqué. Sentimos, por un lado, devoción polo imperfecto, e nesas historias costuma haber algo de fragmentario, a sensación de que sobreviven coma un retallo ou un parágrafo dun texto moito máis amplo e complexo que, se cadra, nunca chegaremos a coñecer (mais sempre poderemos imaxinar). Por outra banda, esas historias conteñen un recendo doméstico, de cotidianidade mesmo. E palpitan, por veces agochadas mais sempre recoñecíbeis, como un músculo máis dese todo orgánico que é o día a día das persoas que as contan, que as lembran e que, cedo ou tarde, as esquecen (aínda que ás veces hai sorte e simplesmente as transforman).
Embora no noso país fose obxecto de debates e polémicas de carácter nominalista nas cales os galegos somos consumados expertos, ninguén pode dubidar que a chamada "música celta" foi (e continúa a ser, aínda que en menor medida nos últimos tempos) unha ferramenta de inestimábel valor na actualización e difusión internacional do noso folclore. Mais, contrariamente ao que moita xente costuma pensar, este fenómeno musical e cultural (que nos permite estar presentes en cenarios tan conceituados coma o Festival Interceltique de Lorient ou o Celtic Connections, por exemplo) non é algo recente na Galiza. Non nasce, nen moito menos, con Carlos Núñez. Nen sequer con Milladoiro ou Emilio Cao, pioneiros do folque galego na década de 70 do século pasado. Non, en realidade, para termos unha visión cabal e completa da cuestión, temos de recuar un pouco máis no tempo, e até facer unha pequena viaxe no espazo.
![]() |
| Ilustración de P. J. Lynch na obra The haunted lake (2018) |
Lava, lavandeira, lava,
lavandeiriña do alén,
se ti hoxe non me lavas
non me lavará ninguén...
(Xosé Filgueira Valverde)
Poñédevos na nosa situación. É unha noite fría, ou xélida para sermos sinceros, coma a dos bos invernos de outrora. Decembro vello cabalga. Hai só uns minutos que deixou de chover, e as nubes da neve e a sarabia conceden unha breve tregua que a lúa (unha lúa chea de redondez perfeita) aproveita para señorear os ceos. Baixo a súa luz, a mancha de carballos e bidueiros que enxergo desde a ventá, luminosa polo día, convértese nunha estadea de escuálidos pantasmas, cos famélicos brazos ou os irtos cabelos (non seriamos quen de diferenciar unha cousa da outra) erguidos no medio da xeada que comeza a caer. Un pouco máis aló, o rego, carretando auga a fartar, escorrega polo medio dos prados coma unha serpe de prata. De feito, o seu murmurio é o único son que ecoa neste teatro nocturno. Mais ollade, ollade esa figura debruzada sobre as súas augas... Unha figura humana, con feituras femininas, mesmo. Unha figura que até me atrevería a dicer que canta... Canta? Pois é, canta. E, de feito, só agora reparo en que o murmurio do rego que chega aos meus ouvidos non é tal, senón a tristísima cantiga que gorgulla desde os adentros daquela muller. De cuxa identidade xa son plenamente consciente.
![]() |
| Nicholas Clay como Lancelot no filme Excalibur de John Boorman (1981) |
A chamada Rosa dos Ventos é unha paraxe obrigada para os centos de persoas que visitan acotío a Torre de Hércules ("que mellor debera ser chamada de Breogán", por palabras do noso Otero Pedrayo). Situada coma unha búsola atlántica aos pés do senlleiro faro coruñés, nesta obra de Xabier Correa Corredoira aparecen representados, mediante cadanseu símbolo, os sete países ditos "celtas". Os mesmos mencionados nos coñecidos versos do hino dos Ultreia, o grupo de xuventudes galeguistas criadas por Álvaro das Casas en 1932, e que proclamaban:
Ei, Armórica, Cornubia e Cambria,
Scotia, Erín, Galiza
e a Illa de Man!
Son sete as nacións celtas
fillas do pai Breogán!