sábado, 18 de abril de 2026

GALESES E GREGOS: DÚAS ETIMOLOXÍAS PARA PORTUGAL


Partamos da base (estas cousas cómpre deixalas claras por moi sabidas que sexan) de que a etimoloxía de Portugal, como antigo nome da actual cidade do Porto, ten as súas orixes no sintagma Portu Cale, xa abondo glosado, estudado e analizado polos máis prestixiosos filólogos de aquén e alén. Mais, antes diso, existiron outras etimoloxías para o topónimo en cuestión. Algunhas delas (imos traendo así a auga ao noso rego) permítennos conectar a cidade do Douro e, por extensión, a Galiza histórica co corpus de narracións históricas e / ou mitolóxicas que se foi elaborando ao longo dos séculos no espazo atlántico. Un lugar onde, parafrasando a Manuel Gago, todos somos conscientes de que as nosas orixes están noutro lugar, de que os nosos devanceiros viñeron de fóra. Como, por exemplo, neste caso, de Gales ou de Grecia. 

terça-feira, 14 de abril de 2026

A PRINCESA IRLANDESA DE BOUZAS

"Restos de un naufragio" (Carlos de Haes)


Conta a lenda que, após unha dura derrota fronte aos seus inimigos, Eoghan, fillo de Eoghan Mór (rei de Mumu / Munster, a provincia que ocupa o sur da illa de Irlanda) tivo que se exilar en Castela (sic), cuxa capital ficaba na cidade do Faro de Breogán (sic). Anacronismos á marxe, Eoghan aproveitou ben aquela estadía na corte ibérica, xa que se namorou de tal xeito da filla do rei daquelas terras que resolveu levala canda el de volta para Irlanda, onde a converteu na súa esposa. A princesa chamábase Béara, e Eoghan, como mostra do seu grande amor, deulle o seu nome á península homónima do extremo suroccidental da illa, que xa temos evocado nalgún outro artigo deste blogue (por exemplo, aquí), pois a densidade da súa historia e folclore, en tantos puntos conectado co noso, ben o merecían.

segunda-feira, 13 de abril de 2026

O SALTO DO CAN

 


Seica, en certa ocasión, os membros do clan Ó Catháin, poderosa liñaxe gaélica que señoreaba os condados de Aointrim / Antrim e Doire / Derry, encontrábanse asediados polos seus inimigos. Perante tal desesperada situación, un dos cans dos Ó Catháin botou a correr e deu tan tremendo e prodixioso chimpo que conseguiu sobrevoar tanto as tropas inimigas como o mesmo río Ró / Roe ao carón do cal se encontraban acampados. Deste xeito, o cánido (imaxino que un deses poderosos cans lobeiros autóctonos de Irlanda) puido levar unha mensaxe de auxilio aos aliados dos seus donos, que supomos que moito llo estimaron e debidamente llo recompensaron. Velaí a razón  de que o lugar onde se produciu este feito pasase a levar por nome Léim an Mhadaidh, hoxe grotescamente anglicizado como "Limavady", e cuxa tradución para galego facilmente nos fará levantar unha cella: e é que Léim an Mhadaidh  significa, palabra por palabra, "O Salto do Can".

sábado, 11 de abril de 2026

FAME, CROIOS E REIS: CONEXIÓNS GALAICO-IRLANDESAS NA OBRA DE GEOFFREY KEATING

          


1. OS FAMENTOS FILLOS DE BREOGÁN

Quen máis e quen menos medrou escoitando a estoria do rei Breogán (ou Brigo) que enxergou as costas de Irlanda deste o alto da torre que el mesmo ordenara construír en Brigantia, a mesma que hoxe identificamos sen maior problema coa Torre de Hércules. Mais, como poderedes supor, esta versión, hoxe comodamente instalada no noso imaxinario colectivo e convertida en leit motiv sempre que veñen á tona as antigas relacións galaico-irlandesas, non foi en absoluto a única. Existiron outras menos coñecidas entre nós, como a de que a existencia daquela illa fabulosa lle foi revelada en soños a Íth, "rasgo importante que une esta leyenda con otras populares en nuestra región", como deixou escrito Manuel Murguía nunha das súas incursións no tema.