sexta-feira, 6 de novembro de 2020

"OS DO PÁXARO" E A CAZA AO REI CHARLO

Ilustración de Denis Conroy

Vilanova de Lourenzá (ou simplemente Vilanova, como a coñecen os indíxenas) é unha localidade do corazón da Mariña lucense coñecida basicamente polas súas fabas e polo seu mosteiro, unha edificación cuxo perfil domina tanto a pequena vila coma o vizoso val en que esta se encontra situada. Porén, non moita xente sabe que os habitantes de Vilanova son popularmente coñecidos como "os do páxaro" (sobre todo, como a ninguén sorprenderá, por parte dos seus veciños de Mondoñedo), unha denominación que a piques estivo de se ver reflectida no proprio brasón municipal, que finalmente se decantou polos aburridos e sobreexplotados motivos xacobeos.

Ben, e cal era ese paxaro epónimo, estaredes a vos perguntar? Tratábase, probabelmente, do carrizo (Troglodytes troglodytes), unha diminuta ave cuxa particularidade, quer en Galiza quer noutros países da nosa área cultural, consistía no respecto (raiano co temor relixioso) que infundía nas xentes e que o convertía nun animal intocábel, unha criatura que baixo ningún concepto debía ser agredida nin moito menos cazada. Ora ben, esta interdición desaparecía por completo nunha data moi concreta e simbólica do ano: o 26 de decembro, día de Santo Estevo. Ese era o día en que, en Irlanda, os wren boys (palabra por palabra, "os rapaces do carrizo"), mascarados con cores vivas e rechamantes ou ben ataviados con corozas, capturaban o paxaro e introducíano nunha gaiola de vimbios e acivro, para pasealo a seguir polas casas da vila adiante mentres pedían o aguinaldo entre danzas, música e cantigas coma esta. Nalgúns gravados antigos, até resulta difícil diferenciar este festexo dun dos nosos entroidos tradicionais; reparade por exemplo nesta imaxe, que representa os wren boys de Deangain / Dingle (un dos epicentros tradicionais desta celebración) nunha data indeterminada do século XIX, con vexigas e todo:



A tradición goza hoxe dunha enorme vitalidade na illa, se ben xusto é recoñecer que se viu suavizada, pois antigamente o destino do infeliz rei dos paxaros era ser sacrificado (e escollo tal palabra moi á mantenta, pois algo hai de sacrificio ritual nese acto) e o seu corpo sen vida pendurado do extremo dunha longa vara que os wren boys levaban pousada sobre os ombros. En fin, esta celebración, que recebe o nome de Lá an Dreoilín ('o día do carrizo', en galaico romance de noso), é un costume de especial destaque no calendario da illa e, con mínimas variantes de datas e formato, aparece ben documentado (embora non tan ben conservado como en Irlanda, por desgraza) noutros países atlánticos e aínda nalgúns que xa non o son tanto, coma a Occitania. 

Os estudosos, en xeral, tenderon a relacionar estas prácticas co tema tipicamente céltico do sacrificio ritual do rei no solsticio de inverno, necesario para o rexurdir da vida no ano que estaba a piques de entrar pola porta. Admitindo a polisemia que este tipo de costumes adoitan gañar co paso dos séculos e das xentes, o certo é que tal interpretación parece, cando menos, verosímil e defendíbel cos datos de que dispomos. Non é por acaso que o paxariño protagonista de toda esta foliada responda a nomes como rei Charlo pito rei en galego, reyezuelo en castelán ou le roy Brethaud en certas zonas da Bretaña armoricana nas cales tamén era capturado nese día. E en Gales, cando a rapazada entraba nunha casa co carrizo na gaiola, eran recebidos co grito: "Deixade pasar o rei". O carrizo é, en definitiva, o rei dos paxaros (e non só...).

"Wren boys" / Fonte: Dingle Benners Hotel

Sabendo isto todo, voltemos á carreira a Vilanova de Lourenzá, porque hai afirmacións anteriores que precisan de ser probadas e xustificadas, evidentemente. Aquí, e grazas a documentos dos séculos XVI e XVII, temos constancia de que se levaba a cabo un rito esencialmente idéntico aos anteriores, coñecido como "a solta do páxaro". Na Gran Enciclopedia Galega resúmese a estrutura de tal ritual nos seguintes termos (a xeito de disclaimer necesario, tende en conta que, na época a que nos estamos a referir, o primeiro día do ano corresponderíase co actual 26 de decembro):

[O]s veciños de Vilanova [...] oferecían ao abade do mosteiro o primeiro día de cada ano, cando se reunían os alcaldes ordinarios cos escribáns de número. Na compañía dos habitantes do lugar dirixíanse á cela do padre, levando un paxariño, ao que denominaban "rei charlo". Portábano preso cunha fita nunha lanza e este a ombreiros de dous veciños elixidos polos alcaldes e entregábanllo ao monxe superior baixo a seguinte fórmula: "Señor, os ofrecemos este pájaro en señal de vasallaje", que este recibía de mans do rexedor de fidalgos e, finalmente, mediante o ritual de cortarlle algunhas plumas, deixábano en liberdade. Despois, procedíase á elección dos alcaldes anuais, a cal se lle transmitía ao relixioso para que a confirmase. En caso contrario este decretaba: "No viene en forma". Ordenábaselles entón que realizasen nova escolla [...] No caso de que non cumprisen con esta cerimonia o día estabelecido por non poder cazalo tiñan obrigación con este recoñecemento o día de Reis, baixo pena de certa cantidade de maravedís que pagaban se había falta na súa execución.

Esta vinculación da caza do carrizo ou rei charlo coa vasalaxe e a renovación do poder político non constitúe en absoluto un hapax ou caso isolado na nosa contorna máis inmediata. O investigador Fernando Alonso Romero, que se debruzou sobre este ritual nun artigo pioneiro na interpretación do mesmo no noso país, sinala que tamén no norte de Portugal existiu un costume idéntico, se ben en torno do porco bispo, un paxaro que podemos identificar máis ben cun paporrubio ou pisco (Erithacus rubecula), embora na cultura popular sexa relativamente habitual a confusión entre este paxaro e o carrizo (razón pola cal tampouco podemos descartar que o noso rei charlo sexa, na verdade, un paporrubio). Podedes ler unha pormenorizada descrición desta cacería aquí mesmo. E incluso sen saírmos aínda da vella Gallaecia, mais deslocándonos nesta ocasión ás zamoranas terras de Aliste, nomeadamente á localidade de Villarino Tras la Sierra, poderemos asistir en 26 de decembro de cada ano á concorrida festa de "El Pajarico", unha celebración que partilla numerosos elementos simbólicos e visuais coa do Lá an Dreoilín irlandés, e que serve aliás, como en tantos outros lugares, para marcar o inicio das mascaradas de inverno, que na comarca alistana son protagonizadas polos "zamarrones".

Procesión de "El Pajarico" en Villarino Tras la Sierra / Fotografía de Carlos Glez. Ximénez
  
En fin, que as orixes profundas dun alcume en principio tan pintoresco e inocuo como "os do páxaro" parecen conectar as boas xentes de Vilanova de Lourenzá, no corazón da vella Galiza Britoniense, con outras latitudes da nosa común paisaxe atlántica. Mais non queremos terminar sen lembrar que a don Álvaro Cunqueiro, distinto mindoniense onde os houber, non lle prestaba moito o tal sobrenome, ou, séndomos máis estritos, as súas cruentas orixes, das cales era perfectamente consciente. E, nunha daquelas arroutadas líricas, escrebeu nun dos seus artigos para o xornal El Pueblo Gallego en marzo de 1936:
Millor sería que lles chamaran eisí porque algún reiseñor, ou alaúda, cantaran na tomba do Santo Conde Osorio Gutiérrez, anos inumerábeles. Escribiríanse entón uns versos como aqués do meu amado Guérin: "Les ressignols chantaient sur le tombeau d'Orphée". Mais non é eisí.
E recoñezo que tampouco me desgustaría a idea; no fin das contas, Osorio Goterres, fundador do mosteiro de Vilanova, ten tamén moito daqueles santos celto-atlánticos navegantes que tanto nos fascinan... Mais esa échevos fariña para outra muiñada, madia leva...
 





Sem comentários:

Enviar um comentário