sexta-feira, 30 de outubro de 2020

OS FILLOS DE Ó CORRA E A "PUNTA DE HISPANIA"

Dous irlandeses nun currach, na "Topographia Hibernica" de Giraldus Cambrensis (ca. 1188)
 
Como xa temos comentado noutra ocasión, os immrama son narracións características da Irlanda medieval nas cales se relatan viaxes mariñas á procura do Paraíso. Un deses poucos relatos que deron chegado aos nosos días é o coñecido como Immram curaig húa Corra (que podemos traducir como "A viaxe do currach dos fillos de Ó Corra), un texto do século XII incluído no Libro de Leinster. 
 
O texto relátanos, en esencia, unha típica historia cristiá de pecado e redención protagonizada polos tres personaxes que dan título ao texto, e que non son outros que os tres fillos de  Conall Derg ua Corra, un abastado terratenente de Connacht. Os rapaces, así que chegan á idade adulta, demostran o que poderiamos chamar unha inusitada iniciativa empresarial, pois dedícanse basicamente a atacar e devastar as principais igrexas e cenobios da provincia. Ora ben, após experimentaren unha visión sobrenatural (coa súa correspondente epifanía), os tres arrepéndense das atrocidades cometidas e resolven restaurar os templos destruídos. Aínda, seguindo o consello de San Coman de Kinvara, adquiren un currach, unha típica embarcación irlandesa de madeira recoberta de peles, sen dúbida non moi diferente daquelas que Avieno atribuía aos nosos Oestrimnios no poema Ora Maritima ou as que Xulio César coñeceu na Bretaña insular e descrebeu no seu De bello gallico
 
Pois ben, a bordo dese currach e na compaña dun bispo, un crego, un diácono, un bardo e mais o proprio artesán que construíra o barco, os tres irmáns adéntranse no inmenso e hostil océano.  E, como adoita ocorrer nos immrama, os navegantes coñecen diversas illas fabulosas nas cales viven diferentes aventuras. Na derradeira das illas que visitan, un discípulo ordénalles dirixirse a "Rind Espáine" (literalmente, a "Punta de España", ou mellor "de Hispania", para evitarmos malentendidos desnecesarios), onde efectivamente acaban por recalar e onde fundan unha igrexa coa súa correspondente comunidade cristiá:
 
 "Marcharedes de aquí", dixo el [o discípulo], "a través do mar até á Punta de Hispania, e a tripulación dun barco de pesca sairá logo ao voso encontro, e levaravos a terra [...] E no tocante a ti", díxolle ao bispo, "descerás do barco ao chegardes á praia, haste prostrar tres veces perante Deus, e en redor da herba sobre a cal porás o rostro hase reunir unha hoste chegada de toda a parte".

 Alí ficará asentada a maior parte da tripulación, non sendo o bispo, que continuará aínda a súa viaxe até Roma e que será que, en última instancia, transmita todos estes acontecimentos ao seu regreso á Irlanda. En fin, que se queredes coñecer máis en profundidade o contexto e mais a trama da obra, podedes botar man do interesante contributo de Kirsten Eivor Bekkhus, que podedes ler aquí.

Mais nosoutros imos ao que nos interesa, que non é outra cousa ca esa Rind Espáine. Os diferentes autores que se debruzaron sobre este texto coinciden en que a tal Punta de Hispania podería moi probabelmente ser localizada na actual Galiza. Fernando Alonso Romero, bon coñecedor desas antigas autoestradas marítimas que nos xonguen en moitos sentidos ao mundo atlántico, propuña na súa obra Santos e barcos de pedra (1994) o cabo da Estaca de Bares, o máis setentrional ponto da península Ibérica. Contradicía así o autor coruñés a preferencia da maioría dos investigadores irlandeses mostraron xa desde o século XIX polo cabo Fisterra, talvez por ser o noso emblemático promontorio un referente fundamental no tránsito marítimo entre as Illas Británicas e o Mediterráneo. Na verdade, e conforme nos teñen comentado algunhas persoas que coñecen ben a navegación atlántica, a opción da Estaca de Bares sería, con certeza, moito máis práctica e razoábel para uns viaxeiros chegados por mar desde a Irlanda. 
 
O cabo da Estaca de Bares (Fonte: lascatedrales.com)

 
Mais, de todos os xeitos, o que resulta realmente interesante non é tanto a ubicación concreta dese accidente xeográfico como a constatación de que neste texto parece estar a ecoar, de maneira clara e audíbel, a memoria dos vellos vínculos do cristianismo céltico insular co Noroeste da península Ibérica, e (máis en concreto) cos asentamentos de relixiosos irlandeses e bretóns nas nosas costas. O exemplo mellor documentado deses contactos foi, sen dúbida, a diocese britoniense do bispo Maeloc e o seu monasterium Maximi, mais non debeu tratarse, nen moito menos, de algo excepcional nen isolado.

Sem comentários:

Enviar um comentário