Mostrar mensagens com a etiqueta Toponimia. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Toponimia. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 3 de agosto de 2026

A ALESIA GALAICA

Para a nosa viaxe de hoxe coido moi oportuno partirmos deste cadriño da célebre banda deseñada Astérix et le bouclier arverne (1968). Nel faise referencia, como vedes, á non menos célebre batalla de Alesia, que decorreu no ano 52 a.C. e que lle puxo un tráxico desfecho á revolta de Vercingétorix contra o poder romano. O cadriño, ademais, ironiza co feito de que, durante moito tempo, o emprazamento exacto de Alesia resultase incerto, motivo polo cal foron propostas tantas localizacións como autores se debruzaron sobre tal cuestión. Hoxe, no entanto, existe consenso en que se trata da actual Alise-Sainte-Reine (habemos voltar sobre isto, perdede coidado), na rexión da Borgoña.

Quer o simbolismo de Alesia quer o seu carácter en certa medida etéreo poderían conectala moi ben co noso mito homólogo, o do monte Medulio. Mais, lonxe de me querer enlear neste tema (máis que amortizado, sen dúbida), gustaríame falarvos da nosa Alesia galega. Porque unha Alesia, cando menos, debémola ter. E neste caso en concreto non resulta difícil atinar coa súa localización exacta, que debemos procurar nas terras da Ribeira Sacra, nomeadamente no que hoxe é Esgos. Como o sabemos? Pois, precisamente, grazas ao propio topónimo Esgos...

quinta-feira, 16 de julho de 2026

BRANDOMIL: O CASTRO GRANDE E O MAINO RÍO

 

Ilustración de Vítor Rivas


Había ben anos que non iamos por Brandomil. Tantos, para que vos fagades unha idea, que aínda nin tiveramos ocasión de contemplar ao vivo as dúas estatuas de madeira (obra do Marcos Mariño a súa prodixiosa motoserra) dispostas ao pé da emblemática ponte que atravesa o río Xallas á altura desa localidade. Un guerreiro galaico e mais un lexionario romano recebéronnos á sombra dos bidueiros, único consolo dispoñíbel para aquela tarde de fogaxe inclemente. O guerreiro galaico non é outro có propio Brandomil, personaxe que só existiu nos versos de Eduardo Pondal e que repousa, tamén segundo a imaxinación do Bardo de Ponteceso, baixo as antas da non moi distante "arca antiga da Piosa".

segunda-feira, 13 de abril de 2026

O SALTO DO CAN

 


Seica, en certa ocasión, os membros do clan Ó Catháin, poderosa liñaxe gaélica que señoreaba os condados de Aointrim / Antrim e Doire / Derry, encontrábanse asediados polos seus inimigos. Perante tal desesperada situación, un dos cans dos Ó Catháin botou a correr e deu tan tremendo e prodixioso chimpo que conseguiu sobrevoar tanto as tropas inimigas como o mesmo río Ró / Roe ao carón do cal se encontraban acampados. Deste xeito, o cánido (imaxino que un deses poderosos cans lobeiros autóctonos de Irlanda) puido levar unha mensaxe de auxilio aos aliados dos seus donos, que supomos que moito llo estimaron e debidamente llo recompensaron. Velaí a razón  de que o lugar onde se produciu este feito pasase a levar por nome Léim an Mhadaidh, hoxe grotescamente anglicizado como "Limavady", e cuxa tradución para galego facilmente nos fará levantar unha cella: e é que Léim an Mhadaidh  significa, palabra por palabra, "O Salto do Can".

sexta-feira, 19 de dezembro de 2025

UNHA DE TOPONIMIA HISTÓRICA: OS CÉLTICOS DE SANTAGÕES

 

Ilustración d'A Torre dos Mouros (Manel Cráneo, 2011)

Se nestas inminentes ferias de Nadal vos dá por viaxar a Portugal e vos cadra por pasar polo termo municipal de Vila do Conde, se cadra reparades na existencia dun curioso topónimo que dá nome a un lugar situado ás beiras do río Ave: Santagões. Trátase dun magnífico exemplo de como a toponimia, sen o concurso das necesarias (se ben, por desgraza, non sempre dispoñíbeis) fontes documentais, pode converterse nun auténtico e exasperante false friend. Porque, aínda que de maneira intuitiva poderiamos pensarlle nunha etimoloxía vinculada co lexema "santo" (e, por tanto, interpretalo como un haxiotopónimo máis dos milleiros que inzan o corpus toponímico galego-portugués), a verdade é que a orixe de Santagões ten máis a ver con celtas que con advocacións cristiás. Explícome.

sábado, 13 de setembro de 2025

INBER SCÉINE E PAULO OROSIO


Segundo o celebérrimo e tantas veces citado (non sempre co rigor e coñecemento que se debería, todo sexa dito) Lebor Gabála Érenn ou Libro das Invasións, as xentes de Mil Spáine, chegadas a Irlanda desde Brigantia, tocaron terra nun lugar moi concreto do suroeste da illa: unha paraxe que na obra se denomina Inber Scéine, é dicir, 'o esteiro ou baía de Scéne', en romance galego de noso. Na propia obra esclarécese a motivación de tal topónimo, recorrendo para iso á tradición bárdica de explicar os nomes de lugar a partir de personaxes epónimos da historia mítica do país. Neste caso trataríase de Scéne, a muller do bardo Amergin dos Brancos Xeonllos (que non precisa de presentacións, tendo en conta a trascendencia simbólica de que gozou na cultura do noso país). Scéne, como tantos outros expedicionarios milesianos, afogou no mar xunto co seu fillo, Érannán. O desolado Amergin xurou entón que, en lembranza deles, a baía á que aportasen había levar para sempre o nome da súa desventurada esposa. E así o fixo. De feito, o folclore local do condado de Ciarraí (Kerry) identifica os fermosos megálitos de Íochtar Chua (Eightercua), que podedes ver na imaxe, como sendo o lugar onde Scéne e mais o seu fillo foron soterrados unha vez os milesianos conseguiron pór pé, dunha vez e xa para sempre, naquela esquiva Irlanda.