Segundo o celebérrimo e tantas veces citado (non sempre co rigor e coñecemento que se debería, todo sexa dito) Lebor Gabála Érenn ou Libro das Invasións, as xentes de Mil Spáine, chegadas a Irlanda desde Brigantia, tocaron terra nun lugar moi concreto do suroeste da illa: unha paraxe que na obra se denomina Inber Scéine, é dicir, 'o esteiro ou baía de Scéne', en romance galego de noso. Na propia obra esclarécese a motivación de tal topónimo, recorrendo para iso á tradición bárdica de explicar os nomes de lugar a partir de personaxes epónimos da historia mítica do país. Neste caso trataríase de Scéne, a muller do bardo Amergin dos Brancos Xeonllos (que non precisa de presentacións, tendo en conta a trascendencia simbólica de que gozou na cultura do noso país). Scéne, como tantos outros expedicionarios milesianos, afogou no mar xunto co seu fillo, Érannán. O desolado Amergin xurou entón que, en lembranza deles, a baía á que aportasen levaría para sempre o nome da súa desventurada esposa. E así o fixo. De feito, o folclore local do condado de Ciarraí (Kerry) identifica os fermosos megálitos de Íochtar Chua (Eightercua), que podedes ver na imaxe, como sendo o lugar onde Scéne e mais o seu fillo foron soterrados unha vez os milesianos conseguiron pór pé, dunha vez e xa para sempre, naquela esquiva Irlanda.
![]() |
Conxunto megalítico de Íochtar Chua / Imaxe de Megalithic Ireland |
Se me permitides un pequeno excursus, gustaríame traer á tona outros casos en que o relato milesiano cristalizou na configuración da xeografía mítica irlandesa. Caso ben coñecido foi o caso de Donn, cuxa embarcación seica afundiu nas inmediacións do espectacular promontorio hoxe chamado, non por acaso, Tech Duinn (palabra por palabra, 'a casa de Donn'). Donn, cuxo nome xa significaba 'o escuro', tornouse dese xeito nunha especie de deus da morte, hospedeiro das almas dos defuntos. Daí precisamente as palabras que se lle atribúen: "Á miña morada todos han vir". E non contaba mentira ningunha, abofé.
Mais retomemos o camiño que deixamos a medio andar, se vos parece. O caso é que, cando o Libro das Invasións aínda gozaba de credibilidade como fonte histórica, moitos autores tentaron localizar o emprazamento dese emblemático Inber Scéine, como se dun Medulio irlandés se tratase. Porque, ao igual có Medulio, o condanado non aparecía por ningures... E normal que non o fixese. Inber Scéne, aínda que acabou por asociarse coa baía de Ceann Mara (Kenmare), non era un topónimo real, senón que naceu da translación ao irlandés dun sintagma latino. E aquí imos ao encontro dun vello amigo noso: Paulo Orosio.
![]() |
Paulo Orosio no Liber Chronicarum (1493) |
Non descubrimos nada cando dicimos que Orosio (c. 383-420), cuxa obra circulou con profusión entre a intelectualidade cristiá britana e irlandesa, constituíu unha fonte privilexiada no fabrico dese ciclo narrativo que hoxe denominamos "mito milesiano". Por exemplo, cando no Libro das Invasións se describe o itinerario dos devanceiros escitas dos irlandeses desde as estepes do leste de Europa até o noroeste de Iberia, esa viaxe decalca fielmente a descrición do orbe e a imago mundi que o historiador e teólogo (supostamente) bracarense incorporou na súa Historiae adversum paganos. Mais o que nos interesa para a cuestión que nos ocupa é o tantas veces reproducido, comentado e non por iso menos problemático fragmento desa mesma obra no cal Orosio descrebe a costa meridional de Irlanda nos seguintes termos:
As costas máis próximas de Hibernia ollan en dirección suroeste á afastada Brigantia, cidade da Gallaecia, que se encontra fronte a elas. Esta cidade é máis claramente visíbel desde o promontorio onde se encontra a desembocadura do Scena.
O certo é que a tal foz do Shannon xa aparecera mencionada na Geographia de Ptolemeu (100-170 dne), que recolle o hidrónimo coa forma Σηνος (Sēnos). Mais a variante gráfica usada por Orosio cinco séculos despois (Scena) ofrece un detalle interesante, mesmo á hora de afinar certos aspectos biográficos do autor, como a debatida cuestión da súa orixe (por máis que entre nosoutros teñamos máis que asumido que esta foi galaica bracarense). E é que o dígrafo inicial Sc-, que debemos ler como <sh>, reflecte moito mellor a pronuncia vernácula irlandesa do hidrónimo. Pronuncia que, por tanto, Orosio demostra coñecer moi ben, seguramente en primeira man.
![]() |
Irlanda na Geographia de Ptolemeu |
Non é este un dato menor para consumo de filólogos curiosos, senón que resulta coherente co coñecemento e familiaridade que, noutros treitos da súa obra, demostra posuír tanto co mundo insular como coas vías comerciais que comunicaban Gallaecia con Britania e Hibernia. Non admira pois que algúns autores chegasen a postular unha orixe insular para Paulo Orosio. Por exemplo, o desaparecido profesor Donnchadh Ó Corráin (1942-2017) mesmo hipotetizou con que Orosio (como no seu momento San Patricio) fose un britano raptado por piratas escotos (irlandeses, para nos entendermos) que conseguiu fuxir deles para se refuxiar en Galiza. Mais das peripecias vitais que o profesor Ó Corráin imaxinou e razoou para Paulo Orosio (nun traballo que paga a pena ler, certamente) falamos outro día, se queredes.
Sem comentários:
Enviar um comentário