domingo, 3 de janeiro de 2021

UN FIDALGO NO COTO DE UISNEACH

 
Publicada en 1928 e formada por tres partes ("Os señores da terra", "O estudante" e "A maorazga"), Os camiños da vida constitúe talvez unha das novelas máis ambiciosas dese macrotexto que é a obra de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Nas súas páxinas, moldeadas nunha prosa densa e arbórea nen sempre apta para todos os públicos, vannos saíndo ao paso personaxes, temas e situacións através dos cales accedemos, coma un visitante que se arrisca nun cuarto en penumbra, ás contorsións daquel século XIX galego convulso e crepuscular. Estamos perante o tema oteriano por excelencia, de certeza. A decadencia das vellas castes fidalgas (os Doncos e os Puga, neste caso), nun cenario de mudanzas ideolóxicas e sociais tan lentas como traumáticas, nuclea unha trama coral na cal o autor ourensano non perde a oportunidade de incrustar tamén o progresivo espertar do galeguismo decimonónico. Un proto-galeguismo idealista, desencantado e entusiasta á vez, terribelmente romántico en calquer caso, que gaña corpo na figura dun personaxe en concreto: Adrián Soutelo. E é que este vello fidalgo condensa no seu périplo vital algunhas das ideias forza do discurso nacionalista do cal Otero Pedrayo foi partícipe e, en boa medida, co-criador. Entre elas, evidentemente, non podía faltar o celtismo, e máis en concreto o carácter referencial que a Irlanda e a súa loita pola independencia tiveron no imaxinario galeguista da altura.
 
A historia é, en si mesma, pura alegoría. Adrián, estudante en París nos comezos do século XIX, coñece na capital francesa os irmáns O'Bryan (irmán e irmá), exilados irlandeses através de cuxa amizade entra en contacto con elementos que conectan, dalgún xeito, as culturas galega e gaélica. Encoraxado polo amor que vai nascendo devagar entre el e Edith O'Bryan, o fidalgo resolve acompañar os dous irmáns no seu regreso á Irlanda. A viaxe, como non podía ser doutra maneira, conta con paraxes moi calculadas e dotadas de simbolismo, como por exemplo o Sain-Malo dos vellos corsarios onde os viaxeiros, nunha noite de conversa, mesmo acaban por coñecer o filósofo bretón Ernest Renan (unha novela, ben sabemos, terma do que lle poñen). E, por suposto, o desembarco na illa, concretamente en Waterford (onde se non!):
Eu soñei coa mañá de gloria na aldea galega. Cando espertei figuraba seguir o ensoño: a nao flotaba coma un cisne viaxeiro nas augas tranquilas dunha badía engastada en campías verdecentes. Tomamos terra en Waterford. Sentín desexos de falar galego aos rapaces enlarafuzados que formiguexaban nas rúas estreitas ou baixo os teitos de colmo.

Finalmente, chegan á casa familiar dos O'Bryan en Ardagh, no condado de Longford, atravesando un país devastado pola fame, o colonialismo e a opresión non só social e cultural, senón tamén relixiosa. Para Adrián Soutelo trátase, en moitos sentidos, dunha verdadeira viaxe iniciática, e, como tal, esta só podía concluír nun lugar, nun emprazamento moi concreto do condado de Westmeath: no coto de Uisneach. Leamos o excerto que nos interesa:
O'Bryan, pouco denantes da data fixada para voltar eu á Galiza, propúxome outra viaxata. Mellor, unha peregrinaxe. O ceo compasivo descía ata as terras. En facos, formando caravana con outros dous mozos irlandeses, cruzamos dende a mañá anacos de torrón labrego e comesto pola herba ruín e labirintos de rochas e illós. Un segredo no fondo das augas caladas. Sobre das tres da tarde chegamos a unha pequena altura, un coto comesto polos dentes das cabras, que dominaba os horizontes baixos e mollados do condado de West Meath. 
      -Este é un dos fogares da tradición irlandesa. Segundo as nosas crónicas gaélicas, os Firbolgs tomaron terra na illa o ano 3266; o seu xefe, Dala, demarcouna entre os seus cinco fillos. As herdanzas de todos testan neste montiño que figura non ter valor: chámase o coto de Ushna ou de Uisneach. Hoxe, chegando aquí, magóanos unha dor infinda, pois grande parte do norte da illa está poboada por estranxeiros e poderase cruzar de a pé o canal de San Patricio denantes de que se amen as dúas razas. Deus sexa louvado! Chegará un día no que tódolos irlandeses nos xuntemos ceibes no coto de Ushna". Mentres falaba O'Bryan, figuraba que pálidas fadas roldaban pola silenciosa paisaxe. 

Tense dito que nesta obra concorren tres lugares sagrados na cosmovisión oteriana: a vella Compostela, o mosteiro de Oseira e este outeiro de Uisneach. Non é por acaso (nada o é nunca en Otero Pedrayo, non si?), xa que Uisneach (ou Ushna, como o autor escrebe) non deixa de apresentar paralelismos con aquilo que, en boa medida, Compostela significaba (ou quería significar) para aquela xeración de galeguistas dos comezos do século XX.
 
A Pedra das Divisións no coto de Uisneach (Fonte: Ireland Highlights)
 
Como lle conta O'Bryan a Adrián, Uisneach é o centro mítico da Irlanda, un auténtico omphalos ou oenach. Terra de todos e de ninguén a un tempo. Por iso se encontra na antiga provincia de Mide (literalmente, 'o centro, o medio', un topónimo posteriormente anglizado como Meath), e por iso atopamos nela a antiga Pedra das Divisións (Ail na Míreann). Nesta mole, tamén coñecida como Pedra do Gato por causa da súa forma (embora non acabemos de ver a similitude co felino por ningures...), conflúen os catro antigos reinos da illa. É esta centralidade simbólica que explica que fose non só lugar de xuntanza e asemblea (sobre todo en festividades como Bealtaine, durante a cal eran acendidas en Uisneach as primeiras cacharelas de toda a Irlanda), senón tamén (ou, mellor dicendo, por causa diso) o local en que a mitoloxía sitúa os túmulos de grandes deuses, como o mesmísimo Lug Lamfadha ou a deusa Eriu, que precisamente xace baixo a Pedra das Divisións. A propósito, Otero Pedrayo non podía ter escollido un espazo mellor nen máis axeitado para suxerir esa alianza emocional e ideolóxica entre galegos e irlandeses: e é que foi tamén aquí, en Uisneach, onde a tradición asegura que un vello coñecido noso, Amergin (o poeta que acompaña os milesianos desde Brigantia á Irlanda) prometeu á tal deusa Eriu, portadora da soberanía, dar á illa o seu nome se finalmente o seu pobo conseguía derrotar os Tuatha Dé Dannan e conquistar o país. Escusamos dicer que o bardo cumpriu a promesa, xaora. Mais é que, aínda por riba e por se fose pouco, en Uisneach hai tamén unha "cama de santo" (como tantas e tantas que temos espalladas polos montes da Galiza toda), nomeadamente a Cama de San Patricio. En fin, un verdadeiro parque temático de mitoloxía irlandesa onde cada croio, cada herba e cada toxo teñen algo poderoso que contar, e fano cun sotaque ben próximo e familiar, aliás.
 
Representación da deusa Eriu, obra de Patsy Preston (Fonte: westmeath.ie)

Evidentemente, o nacionalismo irlandés (do cal os irmáns O'Bryan son claros representantes) non podía deixar de usufruír do enorme poder simbólico que impregna cada recanto do coto de Uisneach, do mesmo xeito que o fixo con Tara e outros locais sagrados da tradición gaélica (e do mesmo xeito, dito sexa de pasaxe, que fixo o nacionalismo galego co Pico Sacro, por exemplo). Así, nos comezos do século XX, os principais membros da Liga Gaélica visitaron Uisneach regularmente para un feis que decorría cada mes de agosto aló no topo do outeiro. E foi tamén alí, en finais da década de 20 (en datas ben próximas da publicación d'Os camiños da vida), que Eamon de Valera pronunciou un multitudinario mítin, coa Irlanda recén saída dunha cruenta guerra civil, cando aínda as pedras do outeiro gardaban memoria das luminosas palabras alí pronunciadas por Daniel O'Connell ou Pádraig Pearse. E, quen sabe, se callar tamén as daquela conversa entre un irredento feniano irlandés e un imaxinario fidalgo galego que tomaba boa nota de canto aló vía e escoitaba...





Sem comentários:

Enviar um comentário