Mostrar mensagens com a etiqueta Santiago de Compostela. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Santiago de Compostela. Mostrar todas as mensagens

sábado, 24 de julho de 2021

UN APÓSTOLO EN LOCQUIREC

 

Efixie do Apóstolo Santiago na igrexa de Lokireg / Fonte: lokireg.bzh

Locquirec (ou Lokireg, en bretón) é unha vila de fonda tradición mariñeira situada na costa setentrional da Bretaña, nomeadamente no País de Trégor. O nome desta localidade apresenta unha estrutura que resultará transparente para calquer persoa minimamente familiarizada coa toponimia da Bretaña armoricana, e que nos dá moito xeito para introducir a nosa parrafada de hoxe. E é que Lokireg significa, palabra por palabra, 'o lugar [no sentido de 'mosteiro, igrexa, sé, fundación'] de San Guirec', do mesmo xeito que, por exemplo, Locronan (ou Lokorn en bretón) vén sendo 'a igrexa de San Ronan' ou Locqueltas (que é Lokeltaz en bretón) pode ser traducido como 'o mosteiro de San Gildas'. En fin, son todos eles topónimos que nos remeten para a mesma circunstancia: fundacións eclesiásticas impulsionadas e xeridas entre os séculos V e VI da nosa era por misionarios cristiáns (plenamente históricos nuns casos, máis ben semi-lendarios noutros) chegados á Armórica desde a Bretaña insular ou inclusive desde a Irlanda. E San Guirec encaixa de cheo nese perfil. 

segunda-feira, 19 de outubro de 2020

GALIZA NUNHA CARTA SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA

 

A Torre de Hércules na Idade Media (Enrique Cabarcos/Factoría Gráfica)
 

En 1609, o líder irlandés Florence Mac Carthy (ou Fínghin mac Donncha Mac Carthaig, polo seu nome en gaélico) non estaba a pasar o seu mellor momento. O coñecido polos ingleses como the dangerousest (sic) man in all Ireland cumpría o seu nono ano de cativerio na Torre de Londres, onde permanecería até ao seu falecimento en 1640. Eis o prezo que tivo de pagar pola súa activa participación na Guerra dos Nove Anos, o conflito que marcou o declinio definitivo da vella Irlanda gaélica e no cal, como xa vimos, a monarquía dos Austrias hispánicos estivo moi directamente envolvida.

Pois ben, foi nese ano de 1609 que Mac Carthaig (unha parte de cuxa familia acabou exilada na Coruña) dirixiu unha extensa carta ao conde de Thomond na cal se debruzaba sobre a historia antiga da Irlanda, demostrando un notábel coñecimento sobre o que as fontes da súa época (e aínda de épocas anteriores) recollían acerca dese tema en particular. Como non podía ser doutro xeito, as referencias á Galiza (e a Portugal) emerxen cando toca narrar os primordios do poboamento da illa e a procedencia dos seus máis antigos habitantes. A carta pode lerse na íntegra premendo aquí, mais nós imos centrarnos no excerto que máis nos interesa, e que traducimos (esperamos que de xeito polo menos aceptábel) para o noso romanzo galego: