sexta-feira, 19 de dezembro de 2025

UNHA DE TOPONIMIA HISTÓRICA: OS CÉLTICOS DE SANTAGÕES

 

Ilustración d'A Torre dos Mouros (Manel Cráneo, 2011)

Se nestas inminentes ferias de Nadal vos dá por viaxar a Portugal e vos cadra por pasar polo termo municipal de Vila do Conde, se cadra reparades na existencia dun curioso topónimo que dá nome a un lugar situado ás beiras do río Ave: Santagões. Trátase dun magnífico exemplo de como a toponimia, sen o concurso das necesarias (se ben, por desgraza, non sempre dispoñíbeis) fontes documentais, pode converterse nun auténtico e exasperante false friend. Porque, aínda que de maneira intuitiva poderiamos pensarlle nunha etimoloxía vinculada co lexema "santo" (e, por tanto, interpretalo como un haxiotopónimo máis dos milleiros que inzan o corpus toponímico galego-portugués), a verdade é que a orixe de Santagões ten máis a ver con celtas que con advocacións cristiás. Explícome.

Abonda mergullar un pouco na documentación máis antiga (en latín, evidentemente) sobre esta poboación para comprobarmos que aparece mencionada baixo formas como Celteganos e variantes similares. Aínda que neste punto a cuestión xa comeza a desprender o inconfundíbel aroma dos celtas, se cadra non se trata dos celtas nos cales adoitamos pensar automaticamente cando ese etnónimo vén á tona. Non, haille que dar aínda un par de voltas ao nobelo. Vexamos.

Coñecendo minimamente as regras de evolución fonética desde o latín ao noso romance, semella evidente que a forma Celteganos nos autoriza a reconstruír un étimo *Celticanos. O sufixo -anos dános aquí a pista decisiva de que o derivado en cuestión non é outra cousa que un xentílico, quer dicer, un adxectivo indicativo da orixe xeográfica dun grupo humano que, nalgún momento histórico (xa veremos cal), se asentou nese territorio. Aterrando xa no que nos interesa: *Celticanos faría referencia a continxentes populacionais chegados de Celticos, que hoxe, obviamente, sería Céltigos.

Aínda podemos puxar máis o fío e ir encaixando máis pezas do crebacabezas. O topónimo pode ser contextualizado no período de expansión que viveu o reino galaico nos séculos IX e X. Unha expansión cara ao sur que implicou o asentamento de colonos chegados das comarcas norteñas nos novos territorios anexados e reorganizados pola monarquía. A toponimia da metade meridional da actual Galiza e do terzo norte de Portugal (os finibus Gallecie da altura) é abondo elocuente no tocante a isto, con casos ben estudados e documentados: Armeses, As Maus, Sarreaus, Naveaus, Boveses... Este mapiña elaborado por LaGISteria para un artigo que publiquei sobre este tema hai algúns anos (e que podedes ler aquí na íntegra, se vos interesa) dá para nos facermos unha idea da magnitude do fenómeno:


Ora ben, no caso de Santagões pódenos xurdir unha dúbida lexítima á hora de lles asignarmos unha orixe xeográfica concreta aos seus primeiros poboadores, xa que en Galiza, como ben sabemos, existe un bon feixe de topónimos coa forma Céltigos. Porén, coido que a candidata idónea neste caso é a antiga terra de Céltigos, un vasto commisso (ou condado, para nos entendermos) que herdou o nome e mais a extensión dos antigos Celtici Supertamarci mencionados nas fontes clásicas. Esa terra de Céltigos, na época de que estamos a falar, debía abranguer aínda toda a costa atlántica galega a norte do río Tambre, como vedes no mapa embaixo (obra do infatigábel Miguel Costa). Só a posterior emerxencia de novas xurisdicións políticas (como Nemancos, Carnota, Soneira etc.) conseguiría fragmentala e reducir sensibelmente a súa primitiva extensión, se ben aínda hoxe Céltigos é o nome dun dos arciprestados da arquidiocese compostelá. En definitiva, que foi probabelmente desa terra de Céltigos de onde terán chegado os migrantes que deron nome ao lugar de *Celticanos > Celteganos Santagões

Aquelas migracións alto-medievais foron impulsionadas polos monarcas, en especial por Afonso Magno (852-910), a través dos poderosos magnatas locais (comites) galegos, moi interesados na colonización e exploración daquelas ricas terras meridionais. Sabemos tamén que os comites da Galiza atlántica avanzaron internándose polos vales fluviais entre Braga e o Porto, onde fica precisamente Santagões. Talvez o caso máis coñecido sexa, nese sentido, o de Vímara Peres (820-873), comes de Bergantiños e celebrado conquistador do Porto. Por tanto, non resultaría en absoluto estraño nin sorprendente que, entre as xentes movimentadas por aqueles comites, houbese precisamente grupos da terra de Céltigos, responsábeis, en última instancia, da orixe dun topónimo (*Celticanos > Santagões) que deixaba constancia da súa  procedencia territorial concreta.

Aínda, non moi lonxe de Santagões, mais xa en Gondar, fica Santegãos, para o cal o contraste co caso anterior e o sentido común parecen suxerir unha orixe idéntica. Mais como en toponimia (como na política) o sentido común adoita ser o menos común dos sentidos, prefiro absterme de aventar hipótese ningunha ao respecto.

En fin, que a toponimia, tratada desde un mínimo rigor, unha actitude de dúbida constante e unha lectura crítica das fontes ao noso dispor, constitúe unha ferramenta moi potente á hora de reconstruírmos movementos de poboación no pasado. E non só as grandes migracións, máis ou menos obvias, máis ou menos coñecidas (e cada vez máis grazas aos prodixiosos avanzos da arqueoxenética, de feito), senón tamén outras a escala máis pequena, de discretos grupos de poboación que un día emprenderon a ruta do sur para se diluíren nas correntes da historia e deixarnos, como soa lembranza, o nome do seu lar nativo transplantado aos eidos adoptivos.




Sem comentários:

Enviar um comentário