Mostrar mensagens com a etiqueta Illa de Man. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Illa de Man. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 14 de novembro de 2025

EXCURSIÓN Á ILLA DE MAN


 

Resulta difícil non sentir atracción por un lugar tan peculiar como a Illa de Man (Ellan Vannin, na revivida lingua local, o manx). Situada no medio do Mar de Irlanda, cun estatuto xurídico que a sitúa ao mesmo tempo dentro e fóra do Reino Unido, cun idioma  propio de vibrante raigame gaélica agochada tras unha ortografía anglo-galesa, cunha herdanza cultural e política que a conecta en primeirísima man co tempo das invasións nórdicas, cuns grupos de música tradicional que encontraron inesperadas afinidades co folk galego... En fin, moito se podería contar da Illa de Man, mais hoxe imos conformarnos cun par de historias que teñen como protagonistas a unha vella e ao mesmísimo San Patricio, e que, contra todo prognóstico (ou se cadra non), encontran ledos e doados paralelismos no folclore da nosa terra. E aproveito para vos recomendar que, se queredes coñecer máis sobre as historias tradicionais desta excéntrica illa, non deixedes de lle botar unha ollada a Contos da Illa de Man, de Sophia Morrison, recentemente traducida para galego por Milagros Torrado Cespón, perfecta coñecedora daquelas terras.

sexta-feira, 31 de outubro de 2025

"O MES DE SANTOS NOS POBOS CELTAS": UN TEXTO DE OTERO PEDRAYO

Abrímoslle a porta a novembro, ese "bendito mes que comeza con Santos e termina con San Andrés" (como ben reza o ditado popular), e canda el entra, coma unha enxurrada gris e dourada, o tempo dos defuntos. Lonxe de querer entrar en polémicas xa resesas sobre Samhain, Samaín, Halloween, cabazas e demais tópicos que puntualmente (e para xúbilo dos máis belixerantes) ateigan as redes nestas datas, hoxe gustaríame tan só partillar convosco algúns excertos particularmente potentes dun fermoso artigo que Otero Pedrayo publicou na revista Nós (nº 36, 15/12/1926) baixo o título "O mes de Santos nos pobos celtas". Nel, o patriarca de Trasalba mergulla no riquísimo corpus de tradicións relativas á morte, aos defuntos e aos entes sobrenaturais que se documentan (e, en non poucos casos, aínda se ven e se practican) nos territorios desa Celtia bicada polas ondas do Atlántico. Imos ver que nos conta (e, se vos parece, con esta marabilla como banda sonora para a lectura):

A raza saudosa dos Fisterres atrántecos adica un mesiño inteiro â lembranza dos difuntos. O tempo do murchar das follas, do erguerse xigante da voce do mar, tudo un mundo d'almas volve á terra nai como unha néboa pecha d'espritos.

sábado, 17 de outubro de 2020

DA BEIRA ATLÁNTICA


A chamada Rosa dos Ventos é unha paraxe obrigada para os centos de persoas que visitan acotío a Torre de Hércules ("que mellor debera ser chamada de Breogán", por palabras do noso Otero Pedrayo). Situada coma unha búsola atlántica aos pés do senlleiro faro coruñés, nesta obra de Xabier Correa Corredoira aparecen representados, mediante cadanseu símbolo, os sete países ditos "celtas". Os mesmos mencionados nos coñecidos versos do hino dos Ultreia, o grupo de xuventudes galeguistas criadas por Álvaro das Casas en 1932, e que proclamaban:

Ei, Armórica, Cornubia e Cambria,

Scotia, Erín, Galiza

e a Illa de Man!

Son sete as nacións celtas

fillas do pai Breogán!