quinta-feira, 16 de julho de 2026

BRANDOMIL: O CASTRO GRANDE E O MAINO RÍO

 

Ilustración de Vítor Rivas


Había ben anos que non iamos por Brandomil. Tantos, para que vos fagades unha idea, que aínda nin tiveramos ocasión de contemplar ao vivo as dúas estatuas de madeira (obra do Marcos Mariño a súa prodixiosa motoserra) dispostas ao pé da emblemática ponte que atravesa o río Xallas á altura desa localidade. Un guerreiro galaico e mais un lexionario romano recebéronnos á sombra dos bidueiros, único consolo dispoñíbel para aquela tarde de fogaxe inclemente. O guerreiro galaico non é outro có propio Brandomil, personaxe que só existiu nos versos de Eduardo Pondal e que repousa, tamén segundo a imaxinación do Bardo de Ponteceso, baixo as antas da non moi distante "arca antiga da Piosa".