Mostrar mensagens com a etiqueta Mito milesiano. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Mito milesiano. Mostrar todas as mensagens

sábado, 11 de abril de 2026

FAME, CROIOS E REIS: CONEXIÓNS GALAICO-IRLANDESAS NA OBRA DE GEOFFREY KEATING

          


1. OS FAMENTOS FILLOS DE BREOGÁN

Quen máis e quen menos medrou escoitando a estoria do rei Breogán (ou Brigo) que enxergou as costas de Irlanda deste o alto da torre que el mesmo ordenara construír en Brigantia, a mesma que hoxe identificamos sen maior problema coa Torre de Hércules. Mais, como poderedes supor, esta versión, hoxe comodamente instalada no noso imaxinario colectivo e convertida en leit motiv sempre que veñen á tona as antigas relacións galaico-irlandesas, non foi en absoluto a única. Existiron outras menos coñecidas entre nós, como a de que a existencia daquela illa fabulosa lle foi revelada en soños a Íth, "rasgo importante que une esta leyenda con otras populares en nuestra región", como deixou escrito Manuel Murguía nunha das súas incursións no tema. 

domingo, 11 de janeiro de 2026

GALIZA NAS "CHRONICLES OF ERI" (I): AS ETIMOLOXÍAS


Quizais o máis neutro que se poida dicir de Roger O'Connor (1762-1834) é que se tratou de todo un personaxe, sen dúbida. De fondas convicións nacionalistas (aínda que de familia protestante), a súa vida transcorreu entre a axitación política e relixiosa, os preitos familiares, os agobios económicos e o cultivo dunha personalidade, no mínimo, extravagante. Un exemplo é a propia imaxe que encabeza este artigo. Vedes a coroa sobre a que pousa a man? Non é casual: o noso amigo Roger, como reza o texto ao pé da ilustración orixinal, considerábase o único e verdadeiro "Ard Rí" (Rei Supremo) de Irlanda, ao terse por descendente e tocaio do último que ostentara tal distinción, Ruaidrí Ua Conchobhair (anglicizado como Rory O'Connor). En fin, que se vos proe a curiosidade, tendes unha pormenorizada descrición da súa azarosa vida aquí mesmo.

quinta-feira, 27 de novembro de 2025

UN FIDALGO NO COTO DE UISNEACH

 
Publicada en 1928 e formada por tres partes ("Os señores da terra", "O estudante" e "A maorazga"), Os camiños da vida constitúe talvez unha das novelas máis ambiciosas dese macrotexto que é a obra de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Nas súas páxinas, moldeadas nunha prosa densa e arbórea nen sempre apta para todos os públicos, vannos saíndo ao paso personaxes, temas e situacións a través dos cales accedemos, coma un visitante que se arrisca nun cuarto en penumbra, ás contorsións daquel século XIX galego tan convulso e crepuscular. Estamos perante o tema oteriano por excelencia, de certeza. A decadencia das vellas castes fidalgas (os Doncos e os Puga, neste caso), nun escenario de mudanzas ideolóxicas e sociais tan lentas como traumáticas, nuclea unha trama coral na cal o autor ourensán non perde a oportunidade de incrustar tamén o progresivo espertar do galeguismo decimonónico. Un proto-galeguismo idealista, desencantado e entusiasta á vez, terribelmente romántico en calquer caso, que gaña corpo na figura dun personaxe en concreto: Adrián Soutelo. E é que este vello fidalgo condensa no seu périplo vital algunhas das ideas forza do discurso nacionalista do cal Otero Pedrayo foi partícipe e, en boa medida, co-creador. Entre elas, evidentemente, non podía faltar o celtismo, e máis en concreto o carácter referencial que Irlanda e a súa loita pola independencia (ou, séndomos exactos, unha certa visión desa loita pola independencia) tiveron no imaxinario galeguista da altura.

sábado, 13 de setembro de 2025

INBER SCÉINE E PAULO OROSIO


Segundo o celebérrimo e tantas veces citado (non sempre co rigor e coñecemento que se debería, todo sexa dito) Lebor Gabála Érenn ou Libro das Invasións, as xentes de Mil Spáine, chegadas a Irlanda desde Brigantia, tocaron terra nun lugar moi concreto do suroeste da illa: unha paraxe que na obra se denomina Inber Scéine, é dicir, 'o esteiro ou baía de Scéne', en romance galego de noso. Na propia obra esclarécese a motivación de tal topónimo, recorrendo para iso á tradición bárdica de explicar os nomes de lugar a partir de personaxes epónimos da historia mítica do país. Neste caso trataríase de Scéne, a muller do bardo Amergin dos Brancos Xeonllos (que non precisa de presentacións, tendo en conta a trascendencia simbólica de que gozou na cultura do noso país). Scéne, como tantos outros expedicionarios milesianos, afogou no mar xunto co seu fillo, Érannán. O desolado Amergin xurou entón que, en lembranza deles, a baía á que aportasen había levar para sempre o nome da súa desventurada esposa. E así o fixo. De feito, o folclore local do condado de Ciarraí (Kerry) identifica os fermosos megálitos de Íochtar Chua (Eightercua), que podedes ver na imaxe, como sendo o lugar onde Scéne e mais o seu fillo foron soterrados unha vez os milesianos conseguiron pór pé, dunha vez e xa para sempre, naquela esquiva Irlanda.

terça-feira, 2 de setembro de 2025

DE MUNSTER Á CORUÑA (III): EXILIO E HIBERNOFOBIA


Xa temos falado aquí do éxodo que, nos comezos do século XVII e moi especialmente após a batalla de Kinsale, protagonizaron milleiros de católicos irlandeses con destino aos territorios setentrionais da Península Ibérica en xeral, e ao Reino de Galiza en particular. No que aínda non tiveramos tempo de afondar é nunha das consecuencias máis esperábeis e non por iso menos tristes que ese fenómeno produciu no imaxinario social da altura. E é que, cando esa afluencia continua de desterrados puxo seriamente a proba a capacidade das institucións para xestionaren e absorberen debidamente unha enxurrada humana de tales dimensións, non demoraron a aparecer certos fenómenos e actitudes que non poden deixar de nos resultar familiares... e rabiosamente actuais, de feito.

sábado, 30 de agosto de 2025

A CONQUISTA DE IRLANDA: OS IERNOS

Hoxe vouvos falar dun antigo pobo galaico que xamais existiu, mais que para moitos historiadores (e durante bastante tempo) foi o auténtico responsábel pola colonización da illa de Irlanda: os iernos.

quinta-feira, 21 de agosto de 2025

A ORIXE DOS IRLANDESES NUN (SUPOSTO) MANUSCRITO GALEGO

 


Cando me aburro (cousa que ultimamente acontece con maior frecuencia da desexábel, todo hai que dicilo), dáme  por fozar en vellas historias de Irlanda, case sempre á procura de referencias a Galiza. E nesta que vedes na imaxe de cabeceira aparece unha tan curiosa como suxestiva. Cóntovos.

sábado, 19 de fevereiro de 2022

DE MUNSTER Á CORUÑA (II): ALGO SOBRE OS O'SULLIVAN DE BEARE


 

Había ben tempo que queriamos falar do clan O'Sullivan Beare (ou Ó Suíleabháin Bhéara, en bon gaélico) e das súas conexións coa nosa terra, que, como suporedes, van obrigarnos a recuar até aqueles convulsos anos iniciais do século XVII. Nesa viaxe habemos facer varias paraxes, e aínda seremos tan ingratos que puniremos a vosa atención con digresións a esgalla. Desculpádenos, mais é que nós aprendemos a contar historias con Cunqueiro e Fole e, portanto, non coñecemos outro xeito de facelo...