quinta-feira, 21 de agosto de 2025

A ORIXE DOS IRLANDESES NUN (SUPOSTO) MANUSCRITO GALEGO

 


Cando me aburro (cousa que ultimamente acontece con maior frecuencia da desexábel, todo hai que dicilo), dáme  por fozar en vellas historias de Irlanda, case sempre á procura de referencias a Galiza. E nesta que vedes na imaxe de cabeceira aparece unha tan curiosa como suxestiva. Cóntovos.

Histoire de l'Irlande ancienne et moderne foi publicada orixinalmente en francés en París, no ano 1758. É obra do abade James Mac Geoghegan (1702-1763), nado en Irlanda mais, como tantos outros compatriotas, educado en Franza, onde transcorrería o resto da súa vida. A obra, como non podía ser doutro xeito, conta cun apartado dedicado á orixe do pobo irlandés, no cal Mac Geoghegan se atén estritamente aos marcos e convencións narrativas da etnogonía irlandesa por excelencia: ese construto xurdido da imaxinación dos eruditos medievais que adoitamos denominar mito milesiano. Xa sabedes, a idea de os irlandeses descenderen dos migrantes chegados do Norte da Península Ibérica, máis en concreto do rei Milesius (ou Míl Spáine), a quen, a propósito, Mac Geoghegan denomina, de maneira sistemática e (non o vou negar) para a miña persoal satisfacción, "rei de Galiza".

Ilustración de James FitzPatrick

Isto que acabo de dicir non supón, en principio, nada de insólito, pois encontrámonos perante o que se pode considerar pouco menos que como un axioma indiscutíbel que se repite (coas lóxicas variantes que en nada alteran a liña discursiva central) na historiografía desta época, e en ambas as dúas beiras do Golfo de Biscaia, ademais. O interesante, de todos os xeitos, vén cando o abade Mac Geoghegan invoca datos e probas concretas en apoio desa orixe hispánica dos primeiros irlandeses. E, entre elas, fai referencia a un curioso manuscrito. Velaquí o excerto concreto, que tentei traducir para galego da maneira máis fiel posíbel:

Podemos engadir aínda a autoridade dun antigo manuscrito latino en caracteres góticos [...] Foi descuberto hai uns cantos anos nos arquivos dun mosteiro de Galiza por Sir John Higgins, conselleiro de Estado e médico de cabeceira do rei Filipe V. O manuscrito leva por título "Concordantia Hispaniae atque Hiberniae à Sedulio Scoto genere Hiberniensi et Episcopo Oretensi", e atribúeselle a Sedulio o Novo, que viviu no século oitavo. Sedulio, tendo adquirido unha grande reputación polos seus comentarios do Evanxeo de San Mateo e das Epístolas de San Paulo, foi enviado polo Papa Gregorio II a Hispania, nomeándoo bispo de Oreto, para arranxar certas discordias que xurdiran entre o clero daquela nación. Sedulio, ao deparar con certa oposición por parte dos hispanos por causa de ser el un estranxeiro, compuxo ese tratado no cal demostra que, como irlandés que era e, por tanto, descendente de hispanos, debía gozar dos mesmos privilexios de que eles gozaban. Dese xeito, el continuou a desfrutar do seu bispado, até que foi afastado del polos mouros. O Papa nomeouno despois bispo titular de Gran Bretaña.

Existiría tal manuscrito? Embora o abade Mac Geoghegan fale a partir de informacións e fontes secundarias (os típicos "seicas" e "disques"), en principio non hai por que dubidar dese feito, como tampouco da palabra e testemuño do seu alegado descubridor, o eminente Sir John Higgins (1678-1729). Outra cuestión é se o tal manuscrito foi, efectivamente, escrito do puño e letra dese Sedulio a quen se lle atribúe. Aquí xa habería que falar de cuestións historiográficas e de crítica textual que ultrapasan (e con moito) os propósitos deste artigo, mais que xa vos adianto que non parecen xogar moi a favor de tal hipótese. Por un lado, porque as fontes hesitan bastante na identificación dese Sedulio (houbo, de feito, varios autores e eclesiásticos con ese nome), ben como na cronoloxía en que se debería encadrar. Por non falar da súa vinculación á diocese de Oreto (Oretum), en terras da actual provincia de Ciudad Real.

Ilustración das Grandes chroniques de France

Ora ben, aínda que o tal texto fose apócrifo, isto non resta nin un ápice de valor ao testemuño da súa existencia, xa que, se dermos por certo o seu contido, non deixariamos de estar perante o enésimo exemplo (e ben antigo, aliás) da instrumentalización do mito da orixe ibérica dos irlandeses para lexitimar ou garantir o seu estatus na sociedade peninsular que os acollera. Algo que os fillos de Hibernia farían con particular insistencia a partir do século XVI (cando os avatares da xeopolítica, as tensións etno-relixiosas e o puro designio xeográfico os vincularon fortemente á Monarquía Hispánica dos Habsburgos) e até ben entrado o século XX. De feito, mesmo poderiamos elucubrar que o manuscrito fose fabricado precisamente nese período (a auténtica Idade de Ouro dos cronicóns e das fábulas pseudo-históricas dos anticuarios barrocos), atendendo ás aspiracións e expectativas desa crecente comunidade irlandesa exilada na Península Ibérica, e cunha presenza particularmente intensa (e por veces problemática, como xa vimos aquí) no Reino de Galiza. Isto, evidentemente, non deixa de ser unha conxectura coma outra calquera, mais non lle neguemos polo menos unha mínima pátina de verosimilitude.

Para alén desta referencia puntual a ese manuscrito, o noso abade Mac Geoghegan completa este apartado indicando que ese corpus de tradicións estaban tan asumidas e naturalizadas (tanto no imaxinario erudito como no popular) que...

[o]s irlandeses son tratados como habitantes do país, particularmente en Galiza e nas partes setentrionais do Reino, onde eles gozan dos mesmos privilexios que os nativos.

Pode parecer un exaxero tal afirmación, mais non o é tanto. Cómpre lembrar a este respecto o Tratado de Daingean / Dingle, asinado en 1529, en virtude do cal os habitantes de vastas zonas do sur de Irlanda pasaron a se declarar súbditos do emperador Carlos V e, en consecuencia, a gozar dos mesmos dereitos e privilexios que calquera natural dos territorios por el gobernados (entre os cales, loxicamente, se encontraban os diferentes reinos hispánicos). Por outro lado, a continuada e por veces case obsesiva focalización xeográfica en Galiza e esas "partes setentrionais do Reino" tampouco é arbitraria nin casual: os irlandeses estiveran especialmente interesados en vincularen as súas orixes á nosa terra, mais tamén ao País Vasco e, xa en menor medida, a Asturias e á montaña cántabra, por seren todos eles territorios aos cales se lles presumía unha indiscutíbel pureza de sangue que os nobres gaélicos, xaora, tamén reclamaban para si mesmos. Un interesante exemplo disto, dos moitos que poderiamos traer á tona, emerxe na Description de las tierras de los condes de Tyron y de Tyrconel y una breve relacion de su sangre y descendencia (ca. 1608), no cal lemos a propósito deses dous aristócratas gaélicos, Aodh Mór Ó Neíll e  Ruairí Ó Domhnaill, o seguinte:

[E]stos condes son descendientes por linea recta del rey Gathelo, que fue casado con Scota, hija de Pharaon, rey de Egipto. El qual Gathelo, huiendo de las plagas con que Dios castigó a Egipto por medio de Moysen, se embarcó con su gente y muger Scota, y no paró hasta que aportó en Galicia, y conquistando a Bizcaya, las Asturias y Galicia se llamo rey délias, y un rey que descendió del despues llamado Milesio embio sus hijos con una armada de sesenta navios que salio del puerto de La Coruña a conquistar y poblar a Irlanda, mil años antes del nacimiento de N[uestro] S[eño]r, como lo refieren todas las antiguas chronicas de Irlanda, o setecientos como cuentan otros authores antiguos.


'
Irlandeses do século XVI / Ilustración de Lucas d'Heere

En fin, non quero concluír este artigo sen pedirvos moi encarecidamente que, se sodes por acaso daqueles que andan a fozar en tombos, cartorios e cartafoles dos nosos mosteiros (actividade á cal eu mesmo lle teño dedicado non poucas horas), prestedes especial atención a ver se non vos aparece o pergameo mencionado polo abade Mac Geoghegan. Non vaia ser o demo que aínda continúe alí!

 


Sem comentários:

Enviar um comentário