Hoxe vouvos falar dun antigo pobo galaico que xamais existiu, mais que para moitos historiadores (e durante bastante tempo) foi o auténtico responsábel pola colonización da illa de Irlanda: os iernos.
Como adoito dicir, a idea de os
primeiros poboadores de Irlanda (e mesmo das Illas Británicas en xeral) teren
chegado en diferentes vagas procedentes desde o Norte da Península Ibérica era
pouco menos ca un axioma historiográfico nos séculos XVI, XVII e XVIII. Mais
esa idea-forza central xerou diferentes narrativas, con diferentes
protagonistas e circunstancias. Para os irlandeses, as xentes de Míl Spáine
(Milesius) e a Torre de Breogán conformaban, en esencia, o mito fundacional por
antonomasia, xa desde a súa elaboración e difusión durante a Idade Media.
Porén, estes elementos non gozaron de especial predicamento na historiografía
galega (nin, en xeral, na hispánica) até o século XIX, co desenvolvemento do
discurso celtista. Os anticuarios peninsulares procuraban os protagonistas
daquela antiga migración en personaxes ora tirados das crónicas gaélicas (como
o celebérrimo Gatelo ou Goídel Glas e a súa esposa Scota) ora directamente inventados (como o
rei Brigo), mais cuxa historicidade non foi cuestionada durante séculos.
![]() |
Gatelo e Scota no Scotichronicon (William Bower, séc. XV) |
Houbo, de todos os xeitos,
quen, cun criterio un chisco máis "obxectivo", tentase identificar os
pobos prehistóricos concretos que, principalmente desde as costas galegas,
colonizaron Irlanda e Gran Bretaña. Uns candidatos obvios eran os brigantes.
Cómpre dicir que tal grupo étnico non está atestado en fonte ningunha, mais a súa
existencia inferíase da de Brigantium, identificado xa coa Coruña
xa con Betanzos (e, nalgunhas fontes, mesmo con Compostela ou a Bragança
portuguesa). Os supostos brigantes galegos constituían uns óptimos candidatos a
protagonizar este relato das orixes, xa que o seu nome coincidía co do pobo que
habitara tanto o sur da actual Irlanda como algunhas áreas do que hoxe é
Inglaterra. Mesmo así, foi unha hipótese tan obvia como pouco explorada
polos nosos autores barrocos. Isto si, os británicos víano moito máis claro:
por exemplo, para o escocés George Buchanan, eses brigantes eran descendentes
dos nobres brigantinos que Gatelo, unha vez proclamado rei de Galiza e
consolidada a fusión legal e étnica das súas xentes (de orixe greco-exipcia)
cos indíxenas galegos, tiña levado canda el cando acometeu a conquista e
sometemento das illas.
![]() |
Ilustración da exposición Galaicos, un pobo entre dous mundos |
Mais, como dicía, non foron
eses brigantes só existentes nas elucubracións filolóxicas, senón outro pobo ben diferente o que maior
éxito e predicamento colleitou neste tipo de narrativas. Outro pobo que aparecerá
por toda a parte nas obras seiscentistas e setecentistas, de autorías e
temáticas diversas: o pobo dos "yernos" ou "iernos". Ora
ben, escusades procurar os iernos nos mapas ou elencos de antigos pobos
galaicos. Como sinalei ao comezo deste artigo, os iernos non existiron. De onde
diaños xurdiron entón? Pois dun simple lapsus calami, segundo
parece.
Explícome: a forma
"iernos" foi un erro na transcrición realizada polos copistas
medievais do topónimo Laeron, que aparece na De
Chorographia de Pomponio Mela (séc. I dne) como nome do actual río Lérez:
[T]otam Celtici sunt, sed a Durio ad flexum Grovi, fluuntque per eos Avo, Celadus, Nebis, Minius et cui [O]blivionis cognomen est Limia. [F]lexus ipse Lambriacam urbem amplexus recipit fluuios Laeron et Ullam.
E é así que comezan a aparecer
as referencias xa non só ao río Yerno (sic), senón tamén, por
extensión, ao pobo dos yernos que habitaría tanto as marxes dese curso fluvial como, en xeral, a costa atlántica
galega, e mesmo a un Promontorio Yerno no cal se parece ter
producido unha confusión ou contaxio con outro etnónimo (este, efectivamente, real):
o dos nerios. De feito, na cartografía da altura acaba por ser habitual que o
Cabo Fisterra, tradicionalmente identificado co Promontorium
Nerium das fontes latinas clásicas, apareza consignado tamén
como Cabo de Yerna e outras formas similares. Como acontece,
sen irmos moito máis lonxe, no célebre mapa de Ojea, de 1603.
![]() |
O cabo Fisterra ou Yerna no mapa de Ojea (1603) |
Ora ben, por que estes yernos fantasmagóricos, xurdidos dunha errática caneta medieval ou dunha falcatruada de Titivillus, acabaron por se tornar nos candidatos ideais para protagonizaren aquelas expedicións de conquista dos antigos galaicos en terras de Irlanda? A resposta é sinxela, mais non por iso menos fascinante: por unha simple cuestión de hominimia, o recurso ao cal aqueles anticuarios barrocos adoitaban botar man para (re)construíren antigas migracións de pobos, xentes e culturas.
Efectivamente, un dos antigos
nomes da illa de Irlanda fora Hierna ou Ierna,
forma que tradicionalmente se viñera explicando a partir do grego *hieron 'santo,
sagrado'. Irlanda, por tanto, viría sendo a Illa Sagrada, un epíteto que gañou
fama e repercusión. Porén, tendo en conta os iernos galaicos, a explicación
podía ser reaxustada con extrema facilidade: Irlanda chamárase Hierna ou Ierna porque
fora poboada nos tempos primixenios polos iernos chegados desde as costas e
promontorios occidentais de Galiza. Todo encaixaba coma unha luva, e pouco máis
habería que engadir a tal despregamento de lóxica.
Esta etimoloxía tan bizarra
coñeceu diferentes expansións. Florián de Ocampo interpretou o corónimo Irlanda a
partir dun antigo (e, obviamente, non documentado) Iern-land, é
dicir, palabra por palabra, 'o país dos iernos'. Aínda, o xesuíta galego
Álvarez Sotelo, destacado elaborador de fábulas primixenias galaico-británicas,
explicaba a propia forma Hibernia a partir de Yernia,
co mesmo significado.
![]() |
Irlanda na Geographia de Ptolomeu (séc. II dne) |
En fin, dá para cavilar como unha (en aparencia) inocua gralla acabou por soster todo un discurso historiográfico máis ou menos elaborado. E, por extensión, dá tamén para reflexionar sobre a fraxilidade das fontes que adoitamos utilizar, ben como a dos argumentos e relatos que facemos descansar a miúdo sobre tales fontes.
Para saberdes máis, non
deixedes de ler os densos, interesantísimos e referenciais contributos de
Fernando Pereira González, especialmente (polo que toca a este fío) este que
vos deixo aquí.
Sem comentários:
Enviar um comentário