György Grissaphan era un cabaleiro húngaro, daqueles de
rancio avoengo e preclara estirpe, que aló polo século XIV servía o seu rei
loitando en terras de Apulia, no reino de Nápoles. A ferocidade e crueldade de
Grissaphan eran incontestábeis. En Italia cometeu "innúmeros danos e
depredacións", asasinando vilmente milleiros de persoas e converténdose
nun precursor do que hoxe chamariamos, sen dúbida, crimes de guerra.
Mais, durante unha noite de vixilia, todo mudou.
Grissaphan, de súpeto, experimentou unha insólita revelación e tornouse
consciente da envergadura dos seus moitos crimes e abominacións. E,
"temendo a ira de Deus e a condenación eterna", resolveu largar as armas,
aínda tépedas do sangue recente dos inimigos, e expiar os seus moitos e
terríbeis pecados.
Por ese motivo, dirixiuse a pé a Avignon, onde daquela
se encontraba a sé papal, para obter a absolución e disporse a cumprir coa
penitencia que o Santo Padre tivese a ben asignarlle. Mais, xulgándoa escasa e
insuficiente, decidiu completala levando a cabo a peregrinación a Santiago de
Galiza. Unha vez alí, Grissaphan preguntou aos clérigos composteláns por algún
lugar afastado e remoto ao cal se puidese retirar para facer penitencia a xeito
de ermitán. E os clérigos, abofé, recomendáronlle o lugar certo para tal fin:
[U]n lugar a dous días de viaxe desde Compostela chamado San Guillerme, cabo da igrexa de Santa María de Fisterra, que é lugar solitario e ermo, afastado das xentes e das súas casas, situado entre altísimos montes que ninguén adoita frecuentar.
Trátase, como certamente xa imaxinastes, da ermida de
San Guillerme, en Fisterra, que pola primeira vez na historia aparece
documentada como apéndice e conclusión da peregrinación xacobea. Para aqueles
que, como Grissaphan, gostan de levar a cousa aos extremos (nunca mellor dito,
neste caso).
![]() |
Ruínas da ermida de San Guillerme / Fonte: Galicia Adiante |
Mais o retiro espiritual non correu como o noso protagonista esperaba. As xentes da contorna, atraídas pola presenza e crecente fama daquel asceta estranxeiro, comezaron a visitalo e a importunalo con frecuencia a cada vez maior. Receando Grissaphan que aquelas visitas e reverencias o movesen ao pecado da vaidade, o cabaleiro maxiar decidiu abandonar Fisterra, mais non por iso se afastou moito destas desoladas e marxinais ribeiras atlánticas, xa que, fascinado polas historias que escoitara sobre o lugar, puxo rumbo cara ao Purgatorio de San Patricio, situado "nos confíns da Terra, a saber, na provincia de Irlanda, que é a máis occidental do mundo".
![]() |
Mapa de Station Island, co Purgatorio de San Patricio (Thomas Carve, 1666) |
O Purgatorio de San Patricio era algo así como un must que obsesionaba a mentalidade medieval. Seica os que se internaban naquela cova experimentaban as dores e privacións do Purgatorio, garantindo dese xeito que ficarían exentos de as padecer na Outra Vida. Traballo feito non corre présa, ben sabedes... O noso cabaleiro húngaro cumpriu co rito e viviu en primeira persoa todas as experiencias místicas e alucinóxenas que adoitaban ser descritas polos peregrinos que se adentraran no Purgatorio. Un Purgatorio que, por veces, máis parecía un inferno dantesco que un espazo provisorio de expiación e purificación...
Após esta experiencia definitivamente transformadora,
Grissaphan regresou a Avignon, onde narrou as súas vivenzas e aventuras a un
frade agostiño que as puxo por escrito, preto sobre branco e palabra por
palabra, en latín da altura. O resultado da suposta transcrición de todo ese
relato que vos acabo de resumir (e que, obviamente, foi en esencia unha pura
ficción medieval) é a obra Visiones Georgii, moi posibelmente
composta polo frade Petrus de Paternis, mestre de teoloxía en Avignon. Como xa
suporedes, as citas literais que fun intercalando ao longo deste post proceden
desa obra (traducidas por min mesmo para galego, de maneira seguramente moi
mellorábel).
![]() |
Ilustración das Visiones Georgii |
Aínda que o groso das Visiones Georgii se foca na descrición do Purgatorio de San Patricio, paréceme moi interesante a presenza (pouco menos ca anecdótica, mais dotada de grande simbolismo) dos lugares galegos xa mencionados. Porque nas Visiones Georgii nárrase unha viaxe heroica, iniciática e expiatoria a un Outro Mundo esencialmente cristián na súa concepción xenérica, mais fisicamente obxectivado nas paisaxes desoladas e remotas por excelencia: a das fisterras da Europa Atlántica. Por outras palabras, eu vexo aquí Santiago de Compostela e San Guillerme de Fisterra como antesalas do grande episodio final, que é a entrada ao Purgatorio de San Patricio. A lóxica semella clara: o Inferno, como na Antigüidade, continuaba a ser accesíbel nas marxes do mundo coñecido.
![]() |
Cabo Fisterra / Fonte: Wikimedia Commons |
Como curiosidade, séculos máis tarde, o subcampión da
Ilustración galega (pois o campión sempre foi e será o Padre Sarmiento), é
dicir, o Padre Feijóo, dedicaría aínda ben folios a desarticular as fábulas e supersticións
relativas ao celebérrimo Purgatorio irlandés. Mais esa, se vos parece, xa é
fariña para outra muiñada!
Sem comentários:
Enviar um comentário