![]() |
| "The Leap of the Dog" (escultura de Maurice Harron) / Fonte: Derry Journal |
Escuso dicer que Salto do Can é un topónimo bastante repetido por Galiza adiante. Tense dito que se trata dunha deformación de Salto da Cal (sendo "cal" unha variante de "canle"), e persoalmente resúltame máis verosímil que outras hipóteses que queren ver por tras do topónimo un antigo Santo do Can, en obvia referencia a San Roque. Sexa como for, algúns deses Salto do Can contan con mitos fundacionais de seu, derivados desa reetimoloxización popular. Estou a pensar, por exemplo, no lugar que recebe ese nome na freguesía de Saldanxe (A Pastoriza), que o pobo, segundo lemos no web Galicia Encantada, explicou moi oportunamente en relación a unha dramática batalla entre lobos e cans que seica decorreu nas inmediacións desa paraxe:
O seu nome débese a que hai moito tempo houbo unha loita entre cans e lobos, e un dos cans deu un salto moi grande, por encima de todos os demais. Xa hai moito tempo, en Galicia os cans eran moi mal tratados polos seus amos, non lles daban de comer e dábanlles moitos paos. Entón os cans das catro provincias de Galicia decidiron que había que xuntarse para facer algo. Cando viñan cara a Bretoña, e pola zona da Terra Chá, pensaron que era mellor deixar os cus colgados dos carballos, porque así os lobos non poderían saber onde se xuntarían. Pero cando chegaron ao Salto do Can, apareceulles unha manda de lobos e empezaron a loita entre eles. Aquí foi cando un dos cans deu un salto tan grande que pasou por encima de todos. Os cans marcharon tan apurados que cando pasaron polos carballos onde deixaran os cus, cada un colleu o que primeiro atopaba. E agora o primeiro que fai un can é cheirarlle o cu do outro para comprobar se leva o seu.
A propósito, aínda que no topónimo irlandés observamos a presenza dunha variante da palabra madra 'can', cómpre lembrar que nesa mesma lingua existe outra denominación para o mellor amigo do home (se ben aplicada máis ben a sabuxos e cans de caza), como é cú, que vos ha soar sen dúbida polo nome do heroe ulate por excelencia, Cú Chulainn, literalmente 'o can de Culann'. Neste sentido, sempre me chamou a atención a existencia en galego e asturiano do termo cuzo para designarmos un cadelo pequeno. Tense explicado como voz onomatopeica (e tería lóxica, xaora), mais tampouco descartemos que sexa un fósil do celta *kū ou dalgún outro vocábulo aparentado con el. Quen sabe. No fin das contas, ben sabemos que é no ámbito doméstico e familiar onde estas palabras de substrato encontran maior aconchego fronte ás inclemencias da evolución lingüística...
Voltando a Léim an Mhadaidh, o folclore local aínda garda a memoria doutro chimpo célebre: un Ó Catháin que fuxía dos seus perseguidores (vese que este clan non tiña un día de vagar...) saltou co seu cabalo desde un penedo e foi aterrar do outro lado do río, onde aínda se pode ver, disque, a marca dunha das ferraduras do équido. Este relato podería ser talmente galego: abondaría con trocar o guerreiro ulate por un Santiago, un San Pedro ou un (San) Roldán, e a historia resultaría totalmente congruente co tratamento que destes temas fixo o noso folclore. Inclusive o mesmísimo San Patricio se prestou a este tipo de acrobacias co seu cabalo (branco, obviamente), como xa temos visto aquí.
![]() |
| Ilustración de Harry Conway |



Sem comentários:
Enviar um comentário