quinta-feira, 15 de outubro de 2026

SAN PATRICIO EN BAIONA

 


En 5 de decembro de 1921 saía do prelo un especial monográfico da revista Nós sobre Irlanda, "a adourada irmanciña" dos nosos poetas. Como podedes ver na imaxe, o número estaba especialmente dedicado á memoria dun dos mártires por antonomasia da independencia irlandesa: Terence Mac Swiney, o alcalde de Corcaigh / Cork que entregou a súa vida nunha greve de fame en 1920. O impacto internacional deste episodio non podía deixar de reverberar en Galiza, con reaccións tan furibundas e radicais como esta dun novísimo Tomás Rodríguez Sabio nas páxinas do semanario Galicia poucas semanas despois do pasamento de Mac Swiney:

Eu, Nazonalista galego, considero o teu asesinato com-o d-un irmán na causa, a tua raza e irmá da miña, as miñas ideias son tan fondas com-as que latexaban no teu peito nas horas do sacrificio, por eso xuro pol-o que mais quero axudar a vengal-a tua morte [...] Que Belfast e o Medulio sexan o tempro das nosas rebeldeías (sic), que a nosa raza se lembre do sangue derramado nos tráxicos lugares, e que na outra sexan pendurado-los corpos dos tirans da nosa Raza [...]

Por ironías da vida, o número en cuestión vía a luz xustamente na véspera da sinatura do Tratado Anglo-Irlandés, que puña fin de maneira oficial á Guerra da Independencia (ou, por sermos máis rigorosos, á Tan War) e, entre outras cousas, colocaba unha alfombra vermella á división da illa en dúas entidades políticas diferentes. Mais da Partición (the root of all evil, como retoricamente se referirían a ela os republicanos irlandeses nas décadas seguintes) e das virulentas reaccións que suscitou entre algúns galeguistas da época xa teremos ocasión de falar máis adiante. Hoxe a nosa intención é outra.

O monográfico pode verse, dalgún xeito, como a culminación e visibilización dos contactos que o nacionalismo galego tentara estabelecer co republicanismo irlandés ao longo dese mesmo ano de 1921. Uns contactos escasos, abofé, e moi limitados pola propia precariedade en que se movían os nosos galeguistas de entreguerras, mais que polo menos trascendían a idealización puramente poética (pouco máis ca un monólogo romántico, en realidade) que caracterizara a recepción do mundo irlandés entre os intelectuais rexionalistas do período inmediatamente anterior. Desas pequenas e efémeras pontellas entre os dous nacionalismos atlánticos tamén nos habemos ocupar en breve, perdede coidado. 

Mais imos agora ao conto! Entre os textos literarios e os artigos dedicados á política, a historia e a cultura irlandesas (entre eles, unha semblanza biográfica de Terence Mac Swiney remitida especialmente para a revista por unha das súas irmás, Annie Mac Swiney) deparamos cun contributo de Vicente Risco no cal o autor ourensán se debruza sobre algunhas analoxías entre Galiza e Irlanda. A maior parte delas non suporán novidade ningunha para un lector dos nosos días, mais nunha das alíneas do texto (encabezada polo suxestivo título "San Patrick en Bayona") batemos con algo que non pode menos que chamarnos a atención:

En Bayona de Miñor ainda se conserva a tradición moi antiga de que San Patrick, o Apóstolo d'Irlanda, chegou e padricou elí o Evanxeo. O Santo, dí a leenda, viña da Verde Eirin n-unha nao d'encantamento, e no sitio onde padricaba, ergueu un cruceiro, com'os moitos cruceiros que s'erguen na terra de Eirin, e mais tamén na nosa Terra, que hastra esa imitanza hai entre Irlanda e Galiza, d'estaren poboadas de cruceiros de pedra, moimentos eternos da piedade céltiga. E aquil cruceiro chamouse o cruceiro de San Patrick, en lembranza, di a tradición, da visita do Apóstolo da Irlanda á nosa Terra.

Á imaxe de San Patricio arribando á mesmísima Baiona nunha barca encantada só lle falta o detalle de que esta fose (como non!) de pedra. De todos os xeitos, o cruceiro mencionado por Risco aparece efectivamente na cartografía local da capital do Val Miñor, e estivo orixinalmente vinculado á Irmandade da Santa Casa da Misericordia, fundada en finais do século XVI e cuxa capela aínda hoxe é un must para quen visitar o interesantísimo casco histórico baionés. Cómpre lembrar, neste sentido, que a Casa da Misericordia deu asilo aos moitos exilados irlandeses que naquela altura chegaron á vila, fuxindo da crecente conflituosidade que asolaba a súa terra. Bo exemplo diso foi o clérigo Robert Poore, de Waterford (ou Gataforda, como o topónimo en cuestión adoita aparecer transcrito na documentación hispánica), cuxa lápide de basalto negro aínda se conserva na devandita capela.

Lápide de Robert Poor en Baiona

Mais Baiona non foi só abrigo de refuxiados. Como xa temos comentado ben veces por aquí, a vella Erizana constituía, antes incluso cá propia cidade da Coruña, un punto neurálxico no comercio entre a fazada atlántica peninsular e Irlanda. Non foi por acaso que importantes liñaxes de comerciantes do sur da illa, como os Comerford ou os Lynch (Comeforte e Lince, na documentación local), decidiron asentarse á sombra da fortaleza de Monterreal. Son os "yrés" mencionados na documentación mercantil da vila. De feito, algún día teremos que falar con algún vagar de personaxes como Robert Comerford, quen, após abandonar Baiona, estabeleceu a sede dos seus negocios na Coruña e chegou a se converter nun dos homes máis abastados, influentes e ben relacionados de todo o Reino de Galiza.

Agora ben, a historia que Risco recolle e transmite nese brevísimo texto terá visos de realidade ou haberá que vela como unha arriscada licenza creativa a partir dun dato real? E, no caso de que realmente existise tal tradición sobre a predicación de San Patricio en Baiona, cal podería ter sido a súa orixe e (sobre todo) a súa motivación? En parte, a resposta a esta última pregunta subxace no parágrafo previo, xa que non admiraría en absoluto que a lenda fose fabricada pola comunidade irlandesa local como mecanismo de lexitimación da súa presenza e integración no tecido social da rexión. E dicimos que non admiraría tal hipótese porque, como sabemos, a transición do século XVI ao século XVII foi un período marabilloso no cal os irlandeses (por motivos obvios) se esforzaron especialmente en activar e explotar todo canto mito lles permitise alegar a orixe ibérica do seu pobo. É neste contexto que debemos entender o boom do mito milesiano, ou a popularización da idea de que o Apóstolo Santiago, chegado a Irlanda desde Galiza após evanxelizar o noso país, fora o primeiro en difundir o cristianismo entre os habitantes da Illa Esmeralda (con anterioridade a Palladius e, xaora, ao propio San Patricio). Por tanto, podemos preguntarnos se a lenda recollida por Risco tería xurdido nese mesmo contexto, e bebido das mesmas necesidades narrativas e das mesmas ansiedades socio-políticas.

Fotograma do filme I am Patrick (2020) / Fonte: Fathom Events

Claro que, se cadra, todo isto é pensar de máis e falar por non estar calado. Porque talvez San Patricio e a súa barca encantada (fose ou non de pedra) só chegasen a Baiona no maxín de Vicente Risco. Mais, como cómpre dicir sempre nestes casos, se non è vero è ben trovato. E o cruceiro de San Patricio (damos fe) habelo haino...


Sem comentários:

Enviar um comentário