sexta-feira, 23 de outubro de 2026

"THE MAID OF GALICIA" E OUTRAS PASAXES GALEGAS DE TERENCE MACMAHON HUGHES

A moza do pano encarnado (Álvarez de Sotomayor)
                         

Grazas ao impagábel esforzo do César Caramés, a Revolución Galega de 1846 (xa definida e conceptualizada como tal, e non como un mero pronunciamento liberal decimonónico) converteuse nos últimos anos nun dos temas de conversa máis prolíficos e estimulantes do panorama historiográfico galego. As fontes primarias e mais os testemuños contemporáneos ao evento non cesan de achegar novos vimbios a unha narrativa que se revela tan fascinante como inexplicabelmente descoñecida até o de agora. E a min gustaríame achegar o meu pequenísimo gran de area, levando a auga para o meu rego e incorporando (como non!) unha visión irlandesa a aqueles feitos.

Terence MacMahon Hughes foi un lusitanista e hispanista irlandés, nado en An tIúr / Newry en 1812 e falecido na mesma cidade en 1849, con tan só 37 anos. A brevidade da súa vida non foi óbice para que chegase a coñecer en profundidade tanto Portugal como España, onde de feito residiu durante máis dun lustro. Estas vivenzas ibéricas, como imaxinaredes, aparecen recollidas en varios libros de viaxes da súa autoría, mais o primeiro ao que vos quero remitir hoxe é o que leva por título An overland journey to Lisbon at the close of 1846, with a picture of the actual state of Spain and Portugal (Londres, 1847). É nesta obra onde o noso viaxeiro ulate dá conta dunha historia directamente relacionada coas secuelas da revolución que conmocionara Galiza en abril do ano anterior. Unha historia épica, abofé, protagonizada por unha galega anónima á que se refire como "The Maid of Galicia"...

Vaiamos por partes. Para comezar, MacMahon Hughes describe a revolta galega en termos certamente eloxiosos que denotan unha gran simpatía e indisimulada admiración polos insurrectos:

A última insurrección na provincia setentrional viuse caracterizada por un grande heroísmo por parte dos insurxentes, os cales, se ben finalmente sometidos pola superioridade numérica, loitaron con gran valentía, e mostraron un espírito que, de se ter estendido (aínda que só fose en parte) ás outras provincias de España, tería feito que a situación do país fose ben diferente da súa miserábel realidade. O reducido número de gardas civís que se uniron á insurrección deu mostras, en particular, dun gran valor e dunha excelente conduta; os efectos do adestramento e da disciplina (aos cales están relativamente afeitos) puxéronse de manifesto en fazañas illadas sobre as cales lles oín falar a militares en Madrid con suma admiración. Eran, ao todo, tan só sesenta homes a cabalo; mais, facendo gala da superioridade propia dos veteranos disciplinados e afeitos á campaña, mantiveron a raia catrocentos efectivos da cabalaría da Raíña, que non lles deron causado o máis mínimo impacto.

Tras unha brevísima elexía polo fado de Miguel Solís e polo solitario loito madrileño da súa viúva ("a observada por todos os observadores"), o autor irlandés céntrase xa no episodio que nos ocupa. En realidade, trátase dun acontecemento que nos resulta coñecido grazas á imprensa da época: en outubro de 1846, cerca de trescentos prisioneiros de guerra tomaron o control da fragata mercante que os transportaba á Habana e conducírona a Lisboa, onde non por acaso se encontraban Antolín Faraldo e outros dirixentes revolucionarios exilados.

Ilustración de The criminal prisons of London (Henry Mayhew e John Binny, 1862)

Porén, na versión que recolle MacMahon Hughes deparamos cunha protagonista inesperada. Unha heroína anónima que nos mergulla de cheo na intrahistoria deste suceso e que multiplica, como se de seu xa non a tivese, a dimensión máis xenuinamente romántica do mesmo. Velaquí a narración:

A fuga dos 286 soldados comprometidos nesta insurrección, e condenados a ser trasladados á Habana, foi aclamada con ledicia por todos os amigos da liberdade [...] e, de entre os incidentes relacionados con esta fuga, non é o menos notábel nin o menos agradábel o feito de ter sido provocado, principalmente, por unha muller. Velaquí as circunstancias desta romántica aventura: entre os "comprometidos" embarcados en Ferrol con rumbo á Habana, encontrábase un sarxento novo, namorado dunha fermosa rapaza galega, a cal correspondeu a aquel afecto coa apaixonada devoción dun corazón español. Ela simpatizou coa súa loita patriótica e, lamentando o desgrazado desenlace desta, decidiu acompañalo no exilio e confortalo naquela terra allea. Para tal fin procurou roupas de soldado, e con este disfrace embarcou cando o resto de prisioneiros. Teren unha vítima máis das que esperaban foi motivo máis ben de alborozo para as autoridades españolas. Mais a fermosa galega posuía unha fortaleza física e mental que moi logo lles había facer lamentar aquela cruel indiferenza. Foi ela quen, cando se aproximaban de Lisboa, encoraxou os homes a se rebelaren e a someteren a tripulación, e foi ela a primeira a agarrar o capitán polo pescozo e declaralo o seu prisioneiro. Pódese imaxinar que, para alén do seu lindo rostro, tiña uns vigorosos brazos de campesiña e un forma decidida de usalos, ou non podería facer tan importante captura con tal facilidade. Vitoriosa nesta primeira fazaña, púxose á fronte dos amotinados, que a elixiron unanimemente como líder, sen sospeitaren sequera de quen se trataba en realidade. A ousada enerxía da súa conduta, a firmeza do seu comportamento, e non menos quizais a impoñente beleza do seu aspecto, fixeron que os homes se sometesen docilmente á súa dirección, e non tardaron en se apoderar do barco e guialo cara á costa de Portugal, onde axiña desembarcaron e onde, a pesar dos máis violentos esforzos por parte do goberno español para capturalos, recuperaron tranquilamente a liberdade. Deste xeito, o leal corazón dunha rapariga aldeá converteuse no medio polo cal preto de trescentos homes foron rescatados do máis miserábel dos destinos.

Gloria a "The Maid of Galicia", esa doncela labrega cuxa fazaña tan ben resume a inclinación das nosas xentes polas proezas anónimas e polas épicas subterráneas. E honra tamén a MacMahon Hughes, xaora, que se preocupou por nos transmitir a súa historia. 

Porén, debemos dicir que non foron estas as únicas páxinas en que o noso viaxeiro do Ulster se ocupou de Galiza con algún pormenor. Nunha outra obra algo anterior, Revelations of  Spain in 1845 (que podedes consultar aquí), MacMahon Hughes deixa constancia das percepcións sobre o noso país que, xa nunha época tan temperá, comezaban a permear entre a intelectualidade irlandesa, con fragmentos tan esclarecedores ao respecto coma este:

O Reino de Galiza é o equivalente exacto de Irlanda, tanto polo carácter montañoso e insular do país como polos costumes, hábitos e aparencia dos seus habitantes.

Noutras partes desa mesma obra, a analoxía entre Galiza e Irlanda envereda por camiños ben máis prosaicos, que nada teñen a ver con mitos nin antigas xenealoxías, senón (como xa vos comentei aquí) coas precarias condicións económicas en que subsistían as clases máis desfavorecidas de ambos os dous países:

A metade da poboación masculina galega, e un terzo dos seus veciños asturianos, arranxan emprego cada ano como augadores, porteadores, xornaleiros ou serventes domésticos de baixa categoría, tanto en España como en Portugal [...] Resulta imposíbel ver un grupo destes galegos xuntos e non reparar na súa similitude co campesiñado irlandés (en termos de aspecto, vestimenta e hábitos), xa que tamén eles teñen o costume de abandonar temporalmente o seu país para gañar algo de diñeiro mediante labores agrícolas ou doutro tipo.

Evidentemente, un viaxeiro tan perspicaz non podía deixar de notar a consecuencia esperábel desa situación para galegos e irlandeses: o afloramento de todo un corpus de prexuízos que hoxe, para o noso caso en concreto, costumamos arrombar baixo un termo tan transparente e descritivo como o de "galaicofobia":

Os galegos foron sempre o albo predilecto das burlas en España. Ao viviren nunha rexión remota e illada, vense expostos -nas súas expedicións á procura de sustento- a desprezos similares aos que, no seu propio país, padecen os escoceses e os irlandeses. "Buscar la madre gallega" (sic) é un proverbio común, que significa ir buscar fortuna. A unha acción groseira e maleducada chámaselle significativamente "gallegada". E o vento rudo que zoa desde o noroeste, desde Fisterra, o promontorio das treboadas, é coñecido polos casteláns como "gallego".
E quen sabe se, en maior ou menor medida, esas actitudes despectivas, tan duradeiras e resistentes na psique dunha porción nada desprezábel da poboación española, non acabaron por actuar precisamente como combustíbel para a Revolución de 1846...

Cuarto de aguadores en Madrid. Aguadores gallegos (Manuel Rodríguez de Guzmán, 1859)


Sem comentários:

Enviar um comentário