A estas alturas do filme, xa todo o mundo sabe que "Samaín" non é outra cousa que a galeguización máis ou menos afortunada (aínda que, todo sexa dito, ben pouco diferente do acontecido con outros préstamos lingüísticos similares) da palabra irlandesa Samhain, nome da festividade dedicada aos defuntos que encerra a parte luminosa do ano e dá comezo ao inverno, e cuxa pronuncia vernácula é, en realidade, similar a "sháuen". Tampouco é un segredo para ninguén que ese mesmo termo Samhain, por motivos obvios, é hoxe o nome dado ao mes de novembro en irlandés. O certo é que a palabra en causa conta con cognatos noutras linguas célticas, quer modernas quer antigas. Entre estas últimas, poucas tan famosas e socorridas como a forma gaulesa Samonios consignada no Calendario de Coligny (séc. II dne), que podedes ver na imaxe de cabeceira.
É curioso, non obstante, que aínda a día de hoxe non exista unanimidade á hora de explicar a etimoloxía dun termo que, de xeito tan inesperado como polémico, acabou por se facer un oco na nosa cultura popular. A versión máis tradicional fai derivar o moderno Samhain e os seus cognatos do céltico antigo semo 'o verán' (de aí o irlandés samhradh, por exemplo, con ese mesmo significado). Porén, hai quen defenda que, na verdade, a orixe debe ser procurada noutra forma proto-céltica como é *samoni, á cal se lle pode atribuír o significado de 'a xuntanza, a asemblea'. Estariamos, por tanto, perante a primeira asemblea, ou por outras palabras, perante a asemblea que fecha o ano vello e dá comezo ao novo. Na miña opinión, trátase dunha hipótese que fai todo o sentido do mundo, en parte (non vos vou enganar) porque nos autoriza a estabelecer conexións con algúns topónimos galaicos en cuxa base e motivación moi ben podería encontrarse esta noción de xuntanza ou reunión ritual de carácter anual.
Por unha banda, vén ao noso encontro o topónimo Samos. Desautorizando calquer tentación de lle procurar unha orixe grega por causa do seu homónimo helénico, a abundantísima documentación producida por e sobre o mosteiro radicado neste lugar desde o século VI permítenos identificar sen dificuldade o seu étimo: trátase dunha forma eminentemente prerromana Samanos (con pronuncia proparoxítona), cuxa evolución até o moderno Samos oferece unha total e absoluta regularidade fonética. A nivel formal, non parece difícil conectalo co devandito lexema proto-céltico; e a nivel motivacional, poucas ideas máis fáciles de aceptar cá dun antigo centro asemblear que, cristianización mediante, veu a se converter no principal centro relixioso da Galiza oriental.
Se nos desprazarmos á Callaecia Bracarense depararemos cun caso certamente evocador como é o de Samaiões, en Chaves. Neste caso, a hipótese conta aínda cun aval a maiores: é en Samaiões onde decorre, nestas datas iniciais do mes de novembro, a célebre Feira dos Santos, un evento de primeira magnitude no calendario anual da rexión (vertente galega incluída). E, como xa lle teño lido a autoras como Rosa Brañas, as feiras constitúen as continuadoras máis claras das antigas asembleas célticas. Talvez o noso Zamáns vigués non sexa máis ca un cognato do Samaiões portugués, mais recoñezo que carezo de testemuños documentais que me permitan darlle carimbo de autenticidade a tal hipótese.
Existen aínda outros topónimos na área setentrional da Península Ibérica que poderían vir a arrequentar esta pequena nómina de posíbeis continuadores do proto-celta *samoni-. Tal é caso de Sámano, na actual Cantabria, que parece un cognato evidente do noso Samos, e ao que as miñas numerosas viaxes de ida e volta pola cornixa cantábrica me fixeron collerlle certo cariño e apego, aínda que nunca alí parase nin para facer gasto na gasolineira local.
Evidentemente, cómpre tomar isto como o que é: unha hipótese, unha conxectura, merecedora de todos os asteriscos e adverbios de dúbida que lle quixerdes engadir. Mais que mellor momento para permitírnola ca estes días en que as fronteiras entre a parroquia dos vivos e a dos mortos se torna máis porosa e fráxil ca nunca, non credes?


Sem comentários:
Enviar um comentário