sexta-feira, 6 de novembro de 2026

"UNA CALUROSA OVACIÓN SALUDA A LOS CELTAS"

A traxedia daquel febreiro de 1930 carecía de precedentes. Un temporal inclemente fixera naufragar catro pesqueiros de Bouzas fronte ás costas de Leixões, en Portugal. Nin máis nin menos que corenta e dous mariñeiros nosos foran engolidos polo mesmo Atlántico ao que noutras ocasións lle conseguiran arrincar un anaco de pan que levar á boca. Corenta e dúas familias que perdían o sustento en plenos tempos de fame. Resultaría certamente difícil exaxerar a consternación que o suceso provocou nos lectores galegos á medida que a imprensa llelo foi dando a coñecer.

O loito, fondo e amargo como poucos, foi dando paso a iniciativas solidarias que tentaron paliar, na medida do posíbel, a delicadísima situación económica en que tan repentinamente se viron sumidas as familias das vítimas. Entre tales iniciativas salientou a organización dun partido amigábel de fútbol entre os combinados de Galiza e do Centro (aka Castela), que decorrería no vello estadio madrileño de Chamartín a 8 de xuño dese mesmo ano. Ambas as seleccións enfrontaríanse para conquistar a Copa Vigo, un fermoso trofeo deseñado polo debuxante boucense Federico Ribas Montenegro e que podedes ver desta imaxe extraída do semanario coruñés Vida Gallega:


De entre os xornais galegos, foi El Pueblo Gallego quen, como de costume nestes casos, maior atención lle dedicou á preparación e aos prolegómenos do encontro. De feito, a expectación que se desprendía do seu pormenorizado seguimento era digno de todo un acontecemento de máximo interese nacional. Por tanto, non sorprenderá a ninguén que fose tamén ese mesmo rotativo vigués o que publicase a máis extensa crónica (que podedes ler aquí) daquela xornada de solidariedade na capital do Estado: lanzamento de panfletos desde un avión para promover a asistencia ao partido, mensaxes de adhesión por parte dos clubes de fútbol galegos (como o do Deportivo, que concluía cun moi irmandiño Terra a Nosa!), a proverbial e inevitábel mariscada ou incluso o obsequio dunha gaita galega por parte dos nosos xogadores aos compoñentes da selección castelá. A crónica do partido como tal, xaora, tamén é longa e detallada e, embora o resultado fose o de menos tendo en conta as circunstancias, cómpre lembrar que Galiza venceu por un rotundo 4 a 1. Sen panos quentes, a crónica di literalmente que «Castilla hizo el ridículo», e, nunha frase que seguramente fará a ledicia dos máis críticos cos localismos deportivos apenovitas, sinala aínda que «[l]a Copa Vigo vuelve a la ciudad atlántica, conquistada por vigueses y coruñeses». Máis mordaz (aínda que non excesivamente sobrado de enxeño) foi o redactor do madrileño xornal El Noticiero del Lunes, ao escreber:

Los gallegos se llevaron a su tierra la preciosa copa que se disputaba en este encuentro. Gracias a que regalaron a la Federación Centro una gaita, no se perdió todo. Perdieron los nuestros, pero los federativos pueden defenderse tocando la gaita. ¡Algo es algo!

De todos os xeitos, o que máis me chamou a atención da crónica d'El Pueblo Gallego, e que máis directamente se liga cos intereses e obsesións deste blogue, é a descrición que se fai do momento en que a selección galega salta ao relvado para desputar o partido:

Surgió luego el equipo galaico, de blanco y azul, colores de Galicia. Sobre el maillot un escudo de oro con un dragón verde, emblema del primer reino de Galicia al partir Breogan (sic) para conquistar Irlanda. Una ovación calurosa saluda a los celtas.

O fragmento condensa moito do imaxinario e a iconografía nacionais que naquela altura podían considerarse asentadas tanto na sociedade galega como na imaxe que esta proxectaba cara ao exterior: o azul e branco como cores do país, mais tamén a identificación cos celtas, sobre a que habemos voltar máis tarde. Ora ben, se algo dá nas vistas é, obviamente, ese «escudo de oro con un dragón verde» que portaba como emblema para a ocasión o noso combinado nacional. Non é preciso forzar moito a imaxinación para pensarmos no brasón do reino suevo de Gallaecia, felizmente resgatado do ostracismo hai algúns lustros, mais que se cadra non levaba tanto tempo esquecido como poderiamos pensar, á luz deste texto. É unha mágoa carecermos de rexistros fotográficos do momento para confirmalo ou desmentilo, aínda que a IA talvez nos poida botar unha man. Terían lucido así Fariña e compañía naquela toldada tarde de verán de 1930?



Por outra banda, non por extravagante resulta menos delicioso nin evocador ese (propositado?) anacronismo no que se mestura o brasón do reino galaico co mesmísimo mito de Breogán e a ascendencia galega dos irlandeses. Entra aquí o celtismo en escena, para nos lembrar que o deporte, a súa simboloxía e a súa iconografía, sempre constituíron un vehículo privilexiado e altamente eficaz á hora de lles dar unha expresión visual aos imaxinarios identitarios. A selección galega de 1930 foi un exemplo elocuente, mais en absoluto o único.

Por mudarmos de latitude e de deporte, e por obviarmos os exemplos máis evidentes e actuais, podemos traer á tona o peculiar caso do Ártabro. Este clube de hockey herba, nacido das camadas da anglófila burguesía coruñesa nesa mesma década de 30, gozou dun certo impacto na vida social herculina (non tanto na deportiva, todo sexa dito), sobre o que podedes saber máis aquí. Nunha reportaxe sobre o clube publicada em 1934 no xornal As facíanse explícitas (por se para alguén non o fosen) as motivacións tanto do nome escollido para o clube como do emblema que as súas xogadoras lucían no uniforme:

El nombre del club es de ascendencia céltica. Los ártabros constituyeron un pueblo, rama o familia de los celtas, que habitó en la zona costera que se extiende desde el Cabo Ortegal hasta el Cabo Toriñana, especialmente en la gran ensenada que los autores clásicos denominaron Portus Magnus Artabrorum o gran puerto de los ártabros. La insignia del club es igualmente castiza. El motivo del emblema es una inscultura rupestre del tiempo de los ártabros.

O dito emblema, como podedes ver na imaxe embaixo, resúltanos ben familiar, xa que está directamente inspirado nun motivo ben coñecido na plástica galaica:


Tamén as cores do clube eran intencionadas e representativas (e, curiosamente, coincidentes coas do escudo da selección galega), xa que, segundo o mesmo artigo, o verde representaba os campos e o mar de Galiza, mentres que o marelo se describía como «[el] color emblemático de los trigales que alegran los verdes campos de la región».

Mais, se comezamos este artigo na ribeira de Vigo, xusto é voltarmos a ela para terminalo. E, aproveitando que tal día coma hoxe de 1887 o Irmán Walfrid fundaba en Glasgow o Celtic Football Club, nada mellor nin máis apropiado que lembrar tamén o seu efémero clube homónimo, o Celtic de Vigo, cuxos xogadores podedes ver nesta fotografía da revista Vida Gallega de outubro de 1919:




Sem comentários:

Enviar um comentário