domingo, 2 de novembro de 2025

DE VIVEIRO A SMERWICK: UNHA EPOPEA ATLÁNTICA DO SÉCULO XVI



Aquela tranquila mañá da primavera de 1570 aportaba ás augas de Viveiro o navío "Trinity", procedente do porto irlandés de Waterford. O seu capitán non era un calquera: tratábase do célebre recusant Thomas Stukley, cabaleiro inglés armado en aventureiro e algo pirata, de quen se rumoreaba ser fillo bastardo do mesmísimo Henrique VIII. Mais Stukley non viña precisamente de turismo, senón que traía un plan. Un plan ambicioso e quizais temerario en moitos sentidos, mais tamén moi acorde coa época convulsa e o escenario concreto en que lle cadrara vivir: católico de xema, como dixemos, Sutkley pretendía convencer o rei Filipe II de que respaldase o seu proxecto de invadir Inglaterra, realizar o ideal pouco menos que cabaleiresco de libertar a María Estuardo (a malfadada raíña dos escoceses, presa pola súa curmá Sabela Tudor) e restituíla no trono da súa terra natal, que lexitimamente lle correspondía. 

sábado, 1 de novembro de 2025

CANDO A VELLA SE ENFURECE

Ilustración da banda deseñada Mezolith (Ben Haggarty e Adam Brockbank, 2010)

No folclore gaélico, a Cailleach (o equivalente da nosa Vella ou Moura) é, entre outras moitas cousas, unha potencia creadora que configura o relevo e a paisaxe. E imos comprobar como até as situacións máis cotiás e domésticas poden ser un magnífico pretexto para exhibir esa faceta cosmogónica.