sexta-feira, 5 de setembro de 2025

GALIZA NAS "CHRONICLES OF ERI" (I): AS ETIMOLOXÍAS


Quizais o máis neutro que se poida dicir de Roger O'Connor (1762-1834) é que se tratou de todo un personaxe, sen dúbida. De fondas convicións nacionalistas (aínda que de familia protestante), a súa vida transcorreu entre a axitación política e relixiosa, os preitos familiares, os agobios económicos e o cultivo dunha personalidade, no mínimo, extravagante. Un exemplo é a propia imaxe que encabeza este artigo. Vedes a coroa sobre a que pousa a man? Non é casual: o noso amigo Roger, como reza o texto ao pé da ilustración orixinal, considerábase o único e verdadeiro "Ard Rí" (Rei Supremo) de Irlanda, ao terse por descendente e tocaio do último que ostentara tal distinción, Ruaidrí Ua Conchobair (anglicizado como Rory O'Connor). En fin, que se vos proe a curiosidade, tendes unha pormenorizada descrición da súa azarosa vida aquí mesmo.

terça-feira, 2 de setembro de 2025

DE MUNSTER Á CORUÑA (III): EXILIO E HIBERNOFOBIA


Xa temos falado aquí do éxodo que, nos comezos do século XVII e moi especialmente após a batalla de Kinsale, protagonizaron milleiros de católicos irlandeses con destino aos territorios setentrionais da Península Ibérica en xeral, e ao Reino de Galiza en particular. No que aínda non tiveramos tempo de afondar é nunha das consecuencias máis esperábeis e non por iso menos tristes que ese fenómeno produciu no imaxinario social da altura. E é que, cando esa afluencia continua de desterrados puxo seriamente a proba a capacidade das institucións para xestionaren e absorberen debidamente unha enxurrada humana de tales dimensións, non demoraron a aparecer certos fenómenos e actitudes que non poden deixar de nos resultar familiares... e rabiosamente actuais, de feito.