domingo, 28 de fevereiro de 2021

NOS PRIMORDIOS DO CELTISMO MUSICAL: UN CORO CORUÑÉS NA BRETAÑA


 

Embora no noso país fose obxecto de debates e polémicas de carácter nominalista nas cales os galegos somos consumados expertos, ninguén pode dubidar que a chamada "música celta" foi (e continúa a ser, aínda que en menor medida nos últimos tempos) unha ferramenta de inestimábel valor na actualización e difusión internacional do noso folclore. Mais, contrariamente ao que moita xente costuma pensar, este fenómeno musical e cultural (que nos permite estar presentes en cenarios tan conceituados coma o Festival Interceltique de Lorient ou o Celtic Connections, por exemplo) non é algo recente na Galiza. Non nasce, nen moito menos, con Carlos Núñez. Nen sequer con Milladoiro ou Emilio Cao, pioneiros do folque galego na década de 70 do século pasado. Non, en realidade, para termos unha visión cabal e completa da cuestión, temos de recuar un pouco máis no tempo, e até facer unha pequena viaxe no espazo.

sexta-feira, 12 de fevereiro de 2021

A SEREA RESILIENTE: UNHA DE CIDADES ASOLAGADAS

Ilustración de P. J. Lynch na obra The haunted lake (2018)

 

Ben sabido é que un dos temas máis férteis e omnipresentes da mitoloxía galega (e un dos nosos preferidos, temos de recoñecer) é o das cidades solagadas, engolidas por lagos, lagoas ou polo mesmísimo mar embravecido nunha soa noite de tempestade. Un tema, ademais, que inzou especialmente por toda a beira atlántica europea, pois conéctanos co imaxinario de territorios como a Bretaña, Irlanda ou Gales. De todos os xeitos, atreveríamonos a dicer que o grau de conservación deste folclore no noso país é sensibelmente maior ao dos nosos viciños de alén Estaca de Bares. Polo menos en termos cuantitativos. De facto, por aí fóra fican bastante chocados cando lles mostramos mapas como o elaborado hai uns anos pola cooperativa MAOS, que recolle todos aqueles lugares da Galiza (e sónchevos varias ducias deles!) nos cales existe ou foi rexistada nalgún momento tradición oral relativa a cidades somerxidas. Se aínda non o coñecedes, podedes darlle unha vista de ollos aquí mesmo, pois vale moito a pena.

Sen entrarmos nas diversas interpretacións de que este tema foi obxecto (hainas para case todos os gostos, como suporedes), no caso galego existen, para alén das variantes observábeis entre os diferentes relatos, certos motivos que se repeten en moitos deles, até tornárense pouco menos que en tópicos recorrentes. O verniz cristián e moralizante que supón a intervención de Xesús Cristo ou dalgún dos seus santos como desencadeantes do cataclismo, cun intuito claramente punitivo, é un deles. Mais tamén os vestixios sonoros que costuman deixar esas malfadadas cidades na actualidade, como as badaladas dos seus sinos, o canto dos seus galos ou o bruar dos seus bois, que se deixan ouvir en datas tan asinaladas coma o San Xoán. E aquí, a estas sobrevivencias, é que queríamos chegar...

quarta-feira, 30 de dezembro de 2020

AS LAVANDEIRAS DA NOITE

 


Lava, lavandeira, lava,

lavandeiriña do alén,

se ti hoxe non me lavas

non me lavará ninguén...

(Xosé Filgueira Valverde)

Poñédevos na nosa situación. É unha noite fría, ou xélida para sermos sinceros, coma a dos bos invernos de outrora. Decembro vello cabalga. Hai só uns minutos que deixou de chover, e as nubes da neve e a sarabia conceden unha breve tregua que a lúa (unha lúa chea de redondez perfeita) aproveita para señorear os ceos. Baixo a súa luz, a mancha de carballos e bidueiros que enxergo desde a ventá, luminosa polo día, convértese nunha estadea de escuálidos pantasmas, cos famélicos brazos ou os irtos cabelos (non seriamos quen de diferenciar unha cousa da outra) erguidos no medio da xeada que comeza a caer. Un pouco máis aló, o rego, carretando auga a fartar, escorrega polo medio dos prados coma unha serpe de prata. De feito, o seu murmurio é o único son que ecoa neste teatro nocturno. Mais ollade, ollade esa figura debruzada sobre as súas augas... Unha figura humana, con feituras femininas, mesmo. Unha figura que até me atrevería a dicer que canta... Canta? Pois é, canta. E, de feito, só agora reparo en que o murmurio do rego que chega aos meus ouvidos non é tal, senón a tristísima cantiga que gorgulla desde os adentros daquela muller. De cuxa identidade xa son plenamente consciente.

terça-feira, 22 de dezembro de 2020

O CISNE BRANCO DE CORÙNA

Jacques Tardi regresa a las trincheras - Zenda
A guerra nas trincheiras (ilustración de Jacques Tardi no álbum Putain de guerre)

  

Aqueles de vós que gostedes da música escocesa moi probabelmente teñades ouvido polo menos algunha das múltiples versións de An Eala Bhán ("O cisne branco"), sen dúbida unha das máis populares melodías da tradición gaélica.  Estes versos pasaron polas mans de moitas das máis prestixiosas intérpretes da música escocesa, se ben nós temos debilidade persoal por esta versión de Julie Fowlis. A propósito, unha cantora que coñece ben a Galiza, como demostrou co impresionante achegamento que realizou a un tema tan noso como é "Camariñas" (se aínda non o escoitastes, facede o favor e premede aquí!).

segunda-feira, 23 de novembro de 2020

LANCELOT EN CEDEIRA

Nicholas Clay como Lancelot no filme Excalibur de John Boorman (1981)

 

-Sseñor, conoçedes uos algũus caualeyros de casa de Rrey Artur? 
-Ssi, disso ele. 
-Et conoçedes uos -disserõ eles- Dom Lançarote do Lago? 
-Ssi -disso ele-, aquele conosco eu bem. 
-Ay, por Deus! -disso Keya Destrauz- poys uos Dom Lançarote conoçedes tãto, me dizede, se uos prouguer, sse o uistes em esta terra, ca nos disso hũu caualleyro, nõ ha aynda IIIIo dias, que o viu y. 
(Livro de Tristam, século XIII). 
 
 
Hai agora algo máis dun ano, no decurso da nosa viaxe á Bretaña, achegámonos á vila de Paimpont. Como suporedes, a nosa intención era visitar a floresta de Broceliande, ese verdadeiro parque temático dos mitos artúricos, e máis en concreto a "Faia de Ponthus", a árbore vinculada ao príncipe galego que, conforme á lenda, fundou e deu nome á localidade (e é que Paimpont, ou Pempont en bretón, non significa outra cousa que 'o castelo ou fortaleza de Ponthus'... mais diso habemos de falar en breve, perdede coidado).  
 
Foi entón que reparamos nun cartaz situado á entrada de Paimpont, que informaba do irmandamento desta vila coa de Cedeira, na Galiza. Nun primeiro momento non lle demos especial importancia, para alén do anecdótico (no fin das contas, son varias as localidades galegas irmadnadas con outras tantas vilas e cidades bretoas: Ribadeo e Loctudy, Sarria e Guerlédan etc.), mais non demoramos moito a perguntarnos por que fora precisamente Cedeira a escollida para tal iniciativa.  A resposta estaba, como ficamos a saber case por acaso de alí a algúns días días, no imaxinario artúrico, e máis en concreto nun dos seus personaxes máis ubicuos: o cabaleiro Lancelot, ou máis concretamente Lancelot du Lac. Lanzarote do Lago, en definitiva. E este dato (o do sobrenome do cabaleiro) ten toda a relevancia do mundo para o tema que nos ocupa. Mais para iso temos de mergullar no fascinante mundo das xenealoxías familiares, así como das mitoloxías que, a pouco que focemos, podemos descobrir por tras delas.

sexta-feira, 6 de novembro de 2020

"OS DO PÁXARO" E A CAZA AO REI CHARLO

Ilustración de Denis Conroy

Vilanova de Lourenzá (ou simplemente Vilanova, como a coñecen os indíxenas) é unha localidade do corazón da Mariña lucense coñecida basicamente polas súas fabas e polo seu mosteiro, unha edificación cuxo perfil domina tanto a pequena vila coma o vizoso val en que esta se encontra situada. Porén, non moita xente sabe que os habitantes de Vilanova son popularmente coñecidos como "os do páxaro" (sobre todo, como a ninguén sorprenderá, por parte dos seus veciños de Mondoñedo), unha denominación que a piques estivo de se ver reflectida no proprio brasón municipal, que finalmente se decantou polos aburridos e sobreexplotados motivos xacobeos.

sexta-feira, 30 de outubro de 2020

OS FILLOS DE Ó CORRA E A "PUNTA DE HISPANIA"

Dous irlandeses nun currach, na "Topographia Hibernica" de Giraldus Cambrensis (ca. 1188)
 
Como xa temos comentado noutra ocasión, os immrama son narracións características da Irlanda medieval nas cales se relatan viaxes mariñas á procura do Paraíso. Un deses poucos relatos que deron chegado aos nosos días é o coñecido como Immram curaig húa Corra (que podemos traducir como "A viaxe do currach dos fillos de Ó Corra), un texto do século XII incluído no Libro de Leinster. 
 
O texto relátanos, en esencia, unha típica historia cristiá de pecado e redención protagonizada polos tres personaxes que dan título ao texto, e que non son outros que os tres fillos de  Conall Derg ua Corra, un abastado terratenente de Connacht. Os rapaces, así que chegan á idade adulta, demostran o que poderiamos chamar unha inusitada iniciativa empresarial, pois dedícanse basicamente a atacar e devastar as principais igrexas e cenobios da provincia. Ora ben, após experimentaren unha visión sobrenatural (coa súa correspondente epifanía), os tres arrepéndense das atrocidades cometidas e resolven restaurar os templos destruídos. Aínda, seguindo o consello de San Coman de Kinvara, adquiren un currach, unha típica embarcación irlandesa de madeira recoberta de peles, sen dúbida non moi diferente daquelas que Avieno atribuía aos nosos Oestrimnios no poema Ora Maritima ou as que Xulio César coñeceu na Bretaña insular e descrebeu no seu De bello gallico.